Partido tenso e intenso o celebrado onte no CEIP Santa Baia de Boiro. Enfronte,
un dos galos da categoría ansioso por demostrar ante os seus xiareiros que a
clasificación para semis da pasada campaña non foi froito da casualidade. O C.B.
Ames compareceu no pavillón boirense coas sensibles baixas de Yerai e Joaquín,
quen terá que agardar a vindeira xornada para debutar oficialmente coa elástica
amiense.
Balón ao aire e fin das especulacións. O C.B. Ames, moito máis ordenado,
sae en tromba e, liderado por un Sebas dono e señor dos taboleiros, consegue
maniatar aos locais e endosarlle un parcial de saída de 0 a 11 nos primeiros
cinco minutos de xogo.
![]() |
| Sebas, dominante |

Pero, de súpeto e tras o preceptivo tempo morto local, o
que antes eran luces tornábanse sombras. Os cinco últimos minutos de parcial en
branco son aproveitados polos locais para reaccionar e achegarse no
electrónico. Tras dous minutos do segundo cuarto o C.B. Ames notaba o alento do
C.B. Santa Baia no seu cogote (12 a 13) nun encontro onde as defensas primaban
sobre os ataques. O gran capitán Alberto encargábase de aplacar as acometidas
locais con dúas accións de gran calidade, pero estes mantiñan o rebufo e
incluso chegaban a igualar o partido por primeira e última vez mediado o
segundo parcial (upss, spoiler...).
![]() |
| Dani e Rober, o dúo dinámico |
Dani e Rober buscan solucións e as atopan con nome propio:
Pedro Crego. Ao pívot debutante bastáronlle dous minutos para amosar se quera
unhas pequenas pingas da súa calidade: fade away a media distancia e
unha tripla estratosférica fixo que o conxunto local se tambaleara por primeira
vez a piques de chegar ao descanso.
O incremento das prestacións en defensa o peche do rebote
permitiron ao C.B. Ames chegar ao descanso con 9 puntos de vantaxe (18 a 27) mercede
a unha entrada de Juan sobre a bucina protestada airadamente pola bancada local
por entender que a acción estaba fóra de tempo.
Tras o paso polos vestiarios o encontro reanudouse coa
mesma tónica que no seu inicio: dominio absoluto do C.B. Ames en ambos lados do
taboleiro, dos que tanto Sebas como Pedro eran donos absolutos. Parcial de 3 a
10 nos cinco primeiros minutos e turno para unha segunda unidade que se reividicou
na segunda metade deste parcial con sendas triplas dos “veteráns” Raúl e Diego.
Destacar un fermosísimo “coast to coast” tipo Flash do escolta amiense
que incicaba que a súa lesión xa está esquecida. É unha pasada verte correr, Mr.
Beast.
31-44 a fata de 10 minutos e co vento moi a favor.
Comezabamos cunha das peores noticias: nova lesión de Raúl
no seu matreito xeonllo ao tentar taponar un lanzamento triple. Os locais
aproveitan a conmoción inicial para achegarse, pero rapidamente Juan, Diego e o
francotirador Jorge devolven o partido ao seu estado anterior.
Os locais, conscientes de que intercambiando canastras e
calidade non van a ningures, deciden elevar a dureza física e comprobar o
listón arbitral. Empurrón polas costas a dúas mans sobre Jaime que o bravo
escolta amiense logra absorver e anotar un 2+1 para situar o marcador en 42 a
54 a falta de seis minutos.
![]() |
| Jaime aguántao todo |
Unha afortunada tripla local a taboleiro é rapidamente contestada por David Reino cun 3+1 que ben lle puido causar unha desgraza en forma de lesión. Por sorte, o espigado aleiro Amiense é de goma e puido seguir liderando as accións defensivas ata o final do partido.
![]() |
| Buff... |
Por aquel entonces os colexiados xa decidiran borrarse do partido e permitir o xogo duro e bronco dos locais, que o fiaron todo a esa estratexia. A falta de dous minutos para o final cobrabánse a súa segunda vítima: Sebas, que non é un retaco precisamente, cae fluminado tras un forte encontronazo rival que deu co seu corpachón no chan. O venezolano tívo que abandonar o partido entre bágoas aqueixado dunha lesión de xeonllo cuxo progóstico veremos nas vindeiras datas.
Co C.B. Ames conmocionado por este novo episodio e coa aquiescencia da desaparecida parella arbitral, os locais crecéronse e, liderados por Sebastián Sarmiento, conseguiron situarse a só un punto a falta dun minuto para o remate. Pero finalmente a ausencia de faltas asubiadas a prol do conxunto local foi unha arma que xogou inesperadamente ao noso favor. A falta de 20 segundos e aínda que parecera incríble, os locais tan só levaban 2 faltas de equipo, polo que o C.B. Ames, coa posesión de baloón, limtouse a deixar correr o tempor mentres os locais realizaban a últimas das tres faltas para entrar en bonus a falta de medio segundo para o remate. Fran enchufa o primeiro tiro e erra o segundo para non dar opcións ao rival e certificar a nosa primeira victoria, eso así, pagando un prezo moi alto. Todos para casa e un par deles para o hospital...
Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás Souto (5, AA),
Fran (3, A), Reino (8, AA), Pedro (7, AA) e Sebas (10, AA)
– cinco inicial – Sergio (-, A), Diego (7, AA), Jaime (3, A)
Raúl (4, AA), Jorge (4, A) e Juan (4, A)
O mellor: A estrea cunha vitoria
de raza e carácter. É compricado xogar ee sobrepoñerse emocionalmente ás
lesións de dous compañeiros. E aínda é máis complicado cando os colexiados
permiten o uso das mans e todos os contactos. Orgulloso de todos. Aínda así, o
noso sentir é que, se estivera na nosa más, cambiariamos a vitora por ver recuperados
a Sebas e a Raúl. Agardemos que todo quede nun susto e que máis cedo que tarde estedes
de volta. Ánimo rapaces!
O peor. Evidentemente, as
lesións de Sebas e de Raúl. Para rematar, reproducimos as verbas do noso
capitán Alberto que reflicten o noso sentir xeral tras o partido:
“Estamos a xogar en zonal, en campos, instalacións é arbitraxes que
están ao nivel da competición. Presupoño que este rapaces que veñen a arbitrar fanno
coa mellor das súas intencións ou, polo menos, sen mala intención. Veñen para
sacarse uns cartos e iso xa me parece suficiente como para apoialos,
facilitarlle as cousas e tratar de axudarlles a mellorar. Tampouco nós somos
unhas estrelas da ACB.
Ver a Raúl e a Sebas sufrindo na cancha inconscientemente
móvenos a buscar responsables e o gremio arbitral paga o pato, pero seguro que
eles tampouco o desexaban. Estou convencido de que esta dúas bestas de seguido
estarán na cancha gañando partidos.
Creo que xamais lle protestei a un árbitro, non me
sae, eu estou para entreterme con isto e non para facerme malo sangue.
Desde que acabou o partido só falamos dos árbitros
e con todo eu teño moitas máis imaxes reconfortantes na retina coas que
quedarme:
O esforzo titánico de Moure que lle ía a vida
niso, a defensa férrea de Reino secando á estrela rival, o partidazo que se
estaba marcando Sebas dominando en ambos os aros, a calma coa que Jaime se fixo
un xogadón con 40 pulsacións, o triplazo esperado do noso súper clase Jorge
cando máis o necesitaba, a garra de Juan defendendo a camiseta laranxa en cada
balón pelexado, o clinic que nos estaba ofrecendo Raúl, a xogada de tiralíneas
de Dani acabando en canastón dun Pedro que fai de todo e todo ben, sen inmutarse,
o control do partido dos nosos “jugones” Sergio e Tomás con moitas pernas e
acerto, a velocidade, agora con control, de Diego, e moitas máis cousas.
E quédome sobre todo cos que non viñan xogar; Yerai, sempre atento e mellorando todo o que
facemos; Joaquín, que me custaba retelo para que non saltase á pista para xogar;
o de Ángel é encomiable, todo o que achega sen ter ficha, o luxo de ter a Rober
ao noso lado con ese talante tranquilizador, a presenza do noso líder o presi
para todo, e non faltaron, como nunca o fan, o delegado e a delegada
consorte.
Era un partido de domingo ao 19.00 h en Boiro e
non faltou nin o Tato. É un luxo de equipo, de familias e de afección. Encántame ver aos pequenos na bancada e cando
baixan á pista”.
Amén, capitán.





Ningún comentario:
Publicar un comentario