27/10/25

Sen sobresaltos


Primeiro encontro do curso como locais. Tras a batalla da pasada xornada en Boiro, confirmáronse as baixas de Sebas e Raúl que deixaron paso ao debut de Yeray esta tempada e a estrea oficial de Joaquín coa camisola amiense. Bo ambiente nunhas bancadas expectantes ante o que o C.B. Ames ten que ofrecer ante as expectativas creadas. Como rival, todo un clásico: un Escola Deportiva Ribadulla que viña de plantar cara a todo un C.A.B Conxo na xornada inicial e que non tiña previsto vir ao pavillón do Milladoiro a facer turismo.

Bo ambiente e expectación nas bancadas

Pero antes de comezar tiñamos unha sorpresa reservada a un dos xogadores máis icónicos do Club Baloncesto Ames nestes 20 anos de historia. Eloy. A traizón, e coa complicidade da súa familia, todos os presentes recoñeceron a dilatadísima traxectoria do nobre pívot amiense nunha sentida homenaxe a un rapaz que é historia viva deste club: lenda.



Eloy, querido por todos

Aínda coas emocións a flor de pel, balón ao aire. Yeray saía da gaiola decidido a mandar dende os primeiros instantes e, ben apoiado por Reino e Juan, propón un ritmo frenético de xogo coa intención de asoballar ao rival nos primeiros minutos de encontro (16 a 6, min. 5).




No ecuador do cuarto Dani, coa intención de manter a esixencia física inicial, decide cambiar totalmente o quinteto. A tónica seguía ser a mesma: ritmo elevado e claridade cara ao aro dun rival que a duras penas se mantiña no encontro. Gran impresión a causada polo debutante Joaquín, que nestes 5 minutos anotou 7 puntos e dominou ambos taboleiros, nunha actuación que rendía o mellor dos tributos a Eloy, orgulloso de que o seu xa mítico nº 13 estivera nas mans dun rapaz que dá o 120% en cada acción.

Joaquín está chamado a darnos moitas tardes de gloria

A inclasificable canastra de Jaime sobre a bucina situaba o electrónico nun 30 a 17 favorable que falaba ben ás claras da superioridade local.

Pero no segundo cuarto mudaría o conto. O que antes era velocidade e precisión, transformouse en parsimonia e vaguidades, cambio en parte motivado polo bo facer dun Ribadulla que, como equipo coraxudo que é, non tiña previsto dar o seu brazo a torcer tan facilmente como podía parecer. A seca anotadora dos locais é aproveitada polos visitantes para meterse de novo no partido. Parcial para os pupilos de Pipo por 9 a 13 e 39 a 30 ao descanso. Aquí ninguén regala nada.



O encontro esixía unha volta ao visto no primeiro cuarto e abofé que así sucedeu. Nun claco do primeiro parcial, canastra de Juan e tripla de Yeray incluídas, nove puntos consecutivos dunha desatada escuadra local dinamitaban a contenda. O Ribadulla quedábase sen resposta perante ao aluvión ofensivo nun terceiro cuarto devastador e cun parcial de 24 a 10 que esnaquizaba calquera esperanza para os de Vedra.

Pedro culmina unha contra coa súa acostumada suavidade

Coa sensación do deber cumprido e vinte e tres puntos arriba (63 a 40), no derradeiro parcial ambos contendentes firmaban o pacto de non agresión. Aínda así, o gran capitán Alberto decidiu entreter a parroquia cun par de highlights de mérito mentres os visitantes intercambiaban canastras pensando xa nos vindeiros compromisos. Ao final, 79 a 60 e segunda vitoria que nos permite escalar ata a segunda posición, só detrás do A.D. Manuel Peleteiro que esta xornada deu a gran badalada ao impoñerse ao CAB Conxo por 13 puntos de vantaxe (63 a 50).

Gran inicio do capitán  

A continuación, as estatísticas completas do C.B. Ames:

Powered by Yeray

O mellor: a sentida e merecidísima homenaxe a Eloy. Sempre con nós!

O peor: o inexorable paso dos anos. Lei de vida.

Víctor, Linas e Jota acompañando a Eloy. É máis divertido ver basket que inspeccionar obras...


1 comentario:

  1. Lástima no poder ir a ver el estreno de yeray y Joaquín pero ya volveré para veros en peleteiro 🟠⚫

    ResponderEliminar