Tras uns primeiros encontros contra equipos, en teoría, chamados a pelexar con nos as catro prazas de acceso ao playoff polo título, entramos nunha fase da tempada regular que nos enfrontará aos rivais, tamén a priori, con menos posibilidades de clasificación. Pero, grazas aos deuses, o basket pouco ten que ver coa matemática, estatística ou probabilidade e abofé que algún destes conxuntos poden amargar (e amargarán) as expectativas de máis de un a pouco que se confíe.
O primeiro escollo desta xeira pasaba por recibir ao C.B. Noia, todo un clásico da categoría. Bo ambiente no pavillón de O Milladoiro. Algún dos xiareiros amienses tiveron o privelexio de estrear as novas bufandas made in Lourdes & Beba © especialmente confeccionadas para a presente tempada. Edición limitada de luxo e un toque de distinción ao servizo dos nosos afeccionados.
![]() |
| Lourdes y Sofía en primicia coas novas bufandas |
Primeiros instantes de xogo cun claro protagonista: Yeray. 7 puntos consecutivos e asistencia de luxo para Juan para abrir brecha no marcador.
Pero, a excepción do escolta amiense, o ataque non estaba a ser fluído o que, unido a certa permisividade defensiva, permitía ao conxunto noiés agarrarse ao encontro e incluso adiantarse por vez primeira. Pero a calidade de Aldán no un contra un puxo as cousas no seu lugar ao termo dun primeiro cuarto xogado a medio gas.
Momento para os cambios. Tripla de Jorge e protagonismo para un Joaquín con ganas de desquitarse da súa actuación da pasada xornada. Parcial de 9 a 0 en menos de dous minutos.
![]() |
| Joaquín, poderoso |
Pese a diferenza no marcador o encontro non lle estaba a gustar ao corpo técnico. 7 puntos consecutivos dos noieses e o tempo morto de Dani corroboraban un exceso de confianza que, sen lugar a dúbidas, é o peor dos inimigos neste tipo de encontros. Por aqueles momentos, o máis intenso da parroquia local era sen dúbida o noso recén estreado delegado e vello coñecido de todos: Ángel
![]() |
| Ángel, sempre ao servizo do Club |
![]() |
| Vaia flow que ten este delegado! |
Tras o tempo morto, aro pechado para os visitantes e 7 puntos consecutivos de Pedro, incluída unha tripla na derradeira posesión tras asistencia de esguello de Yerai que rubricaba o +14 ao descanso (38 a 24) ante un rival que non parecía ter demasiados argumentos.
Pero, segundo nos comentan as nosas sempre ben informadas fontes e pese ao marcador favorable, houbo bronca no vestiario (cualificaríamola de “cholina” pero Dani ten pegada propia). A actitude, o compromiso e a concentración durante os corenta minutos son innegociables para o corpo técnico.
Os visitantes non sabían a que se lle viña por riba. Liderados por ese asasino con cara de neno chamado Tomás Souto, autor de dúas triplas e outras dúas case triplas (todas elas, sen fallo) que o confirman como o mellor lanzador de 6,74 da categoría, e baixando o traseiro en defensa ata límites que desafían a física máis elemental, inculcou aos seus compañeiros ese espírito que debe ser santo e sinal da nosa identidade.
Como se dun desastre natural se tratara, os visitantes quedaban sen resposta e só podían ser testemuñas do imparable aumento da buraco no marcador dun encontro visto para sentenza a falta de dez minutos para a súa finalización (65 a 34).
Coa clara intención de ir entrando na dinámica e aproveitando o vento favorable, momento para xogadores que desfrutaron de menos minutos nas xornadas anteriores. E estes responderon e con creces. Jorge asestando certeiros disparos e calibrando o seu fusil cara a vindeiras citas, Diego e Jaime a quince mil revolucións pola pista, Fran facendo gala da súa polivalencia, Sergio manexando ao seu antollo, Joaquín imparable e o gran capitán Alberto pois, coma sempre, sendo Alberto... Pese ao desequilibrado da contenda, estabamos a presenciar un digno espectáculo.
Pero un par de xogadores visitantes non parecían querer aceptar a derrota con dignidade. Primeiro, unha sobreactuada defensa sobre Diego que semellaba querer invitalo a bailar e, pouco despois, un aspirante a dentista que, cabezazo cara atrás mediante, puxo a proba a resistencia maxilofacial de Fran. Ambos xogadores, tras as sinaladas agresións, semellaban pedir unhas desculpas transmitindo unha credibilidade similar á unhas declaracións de Víctor de Aldama a OK Diario. Un claro sinal de impotencia impropio dunha escuadra que viviu tempos mellores.
Pero ao final e por sorte o partido rematou dentro dos cauces da normalidade. 81 a 42 claro e rotundo e o C.B. Ames encontrando o camiño polo que queremos transitar.
Por parte do Club Baloncesto Ames interviñeron:
Tomás Souto (10, AAA), Yeray (14, AA) Aldán (5, AA), Juan (4, A) e Pedro (12, AA) – cinco inicial – Diego (6, AA), Jaime (4, AA), Joaquín (15, AAA), Jorge (11, AA), Fran (A), Sergio (A) e Alberto (A).
O mellor: o paso ao fronte de todo o equipo tras o descanso e a sensación de dominio con independencia da composición do quinteto. Contamos con bos músicos e todos saben que instrumento teñen que tocar.
O peor: A actitude dalgún xogador visitante nas postrimerías do encontro e a pasividade do equipo arbitral. Dende esta humilde publicación demandamos do estamento arbitral maior contundencia á hora de atallar este tipo de comportamentos, perigosos para a integridade física dos deportistas. Que o encontro estea resolto a falta de poucos minutos non significa baixar a garda e deixar sen castigo este tipo de accións, aumentando a sensación de impunidade nos infractores dun xeito directamente proporcional ao descenso do nivel de protección dos xogadores que sofren este tipo de accións que, por outro lado, son bastante sinxelas de apreciar.






Ningún comentario:
Publicar un comentario