01/12/25

Todo en orde


Despois de dous choques consecutivos coma locais, con sendas vitorias, volta á estrada. Neste caso, visita ao corazón do Barbanza para enfrontarnos ao Congalsa Basket Pobra no remozado e coqueto Pavillón de Venecia, coa clara misión de afianzar posicións e non deixarnos sorprender por un rival que unicamente conta cunha vitora na vixente campaña.

Coma se de unha treboada se tratara, parcial de 0 a 10 en menos de minuto e medio coa dupla Yeray/Reino fritindo a fogonazos a canastra dun conxunto local que saltara a pista cun par de marchas menos.




Yeray, asasino nato

Tempo morto dos locais nun intento de apagar o incendio inicial para o que, á postre, sería o único parcial positivo ao seu favor e equilibrar un chisco a balanza 9 a 13 no ecuador do primeiro parcial. A partires dese momento, e colléndolle prestado o nome ao partido político do impresentable eurodiputado Alvise Pérez, “Se Acabó la Fiesta”. A entrada de Joaquín, Aldán, Sergio e Jaime deulle ao equipo un novo pulo de intensidade, pechando definitivamente o camiño ao noso aro ao tempo que mantíñase o asedio cara a canastra contraria. 11 a 22 e a situación baixo control.

Joaquín, por riba do aro

Pero a superioridade do primeiro parcial íase converter nun xogo de nenos se a comparamos co presenciado nos segundos dez minutos. Liderados por un Aldán excelso en ambos lados do campo, os locais caían unha e outra vez na trampa defensiva ideada por Dani. Cada ataque local era un suplicio, incluso chegando a renunciar a algún deles debido ao abafo ao que estaban a ser sometidos ao traspasar o medio campo. Cada perda local era castigada unha e outra vez con eficacia por parte dun C.B. Ames insultantemente superior.

A lei de Alberto

Defendendo con intensidade




O parcial de 0 a 23 non deixa moito espazo á imaxinación.

Xaque mate

Tras a saída dos vestiarios o C.B. Ames continuou aplicando mesma receita ante un rival en coidados paliativos: paso pechado a canastra e autopista cara o aro contrario. Co encontro en fase terminal, o único obxectivo era loitar contra a posible e lóxica relaxación froito do avultado do resultado. Pero o corpo técnico non sabe de relaxacións e, colocando oportunamente na pista pezas como Diego, Juan ou Tomás Souto que non saben ir a menos de 200 por hora, o ritmo de xogo non se resentiu para continuar coa sangría. Parcial de 6 a 24 e un resultado global 17 a 69 que definía ben as claras o desequilibrio de forzas entre uns e outros.

Reino, tamén moi arriba

Banco de luxo 

Chegados a este punto, o derradeiro cuarto foi anecdótico. Rematar do xeito máis digno posible e, sobre todo, non mancarse. Así o entenderon ambas escuadras deixando que o partido languidecera cara o bucinazo final. 26 a 83, misión cumprida e afianzando posicións.



Saúdo deportivo entre ambos contendentes

Pulgares arriba

Xiareiros satisfeitos


Por parte do C.B.. Ames Interviñeron:

Tomás Souto (AA), Yeray (20, AAA), Reino (19, AAA), Juan (6, AA) e Jorge (AA) – quinteto inicial – Sergio (2, AA), Jaime (6, AA), Fran (4, AA), Aldán (11, AAA), Alberto (4, AA), Joaquín (11, AAA) e Diego (AA).

O mellor: a actividade defensiva e a contundencia en ataque. Imos a máis.

O peor: a debilidade do rival.

Ningún comentario:

Publicar un comentario