28/01/26

Bendita tolada

 

Volvía ao baloncesto ás tardes dos domingos no Milladoiro Arena cun dos enfrontamentos máis esperados da fase regular. O C.B. Ames e o A.D. Peleteiro pelexando pola Pole Position do grupo 2 e os amienses conxurados na procura do obxectivo de vingar o que ata agora foi a única derrota en toda a campaña e compensar os tres puntos de diferenza a prol dos santiagueses no encontro de ida.

O público respondeu en masa ao chamamento entre semana e, cunhas gradas ateigadas de xente, colorido, vento e percusión, todas as persoas que se deron cita abarrotando as gradas supuraban baloncesto por cada un dos seus poros. Atmosfera das grandes citas e a sensación no ambiente de que algo grande ía acontecer, pese as baixas de Yerai e Pedro ausentes por lesións que, aínda que non revisten gravidade, si que esixen certa precaución tendo en conta o momento da tempada na que nos atopamos.

Ambiente espectacular no coliseo amiense

Tras un quecemento intenso e como leóns engaiolados, asubío inicial. Ambos contendentes saen con forza. O C. B. Ames, coa idea clara de dominar o partido a base dun ritmo de xogo eléctrico, enseguida pon a sétima velocidade pilotado por un Joaquín que non quere saber doutra cousa que non sexa baixar de 15.000 revolucións. 6 puntos consecutivos do pivote e dúas faltas nos primeiros tres minutos dan boa mostra das súas intensidade. 


Cambio obrigado por Sebas. Para os visitantes foi peor o remedio que a enfermidade. O venezolano saltou a cancha decidido a facer valer a súa superioridade física e técnica perante un conxunto rival que adoece de centímetros. Ordes claras do corpo técnico de aproveitar a manifesta debilidade visitante. Os exteriores surtían unha e outra vez de balóns a un axigantado pivote local que maltrataba a unha defensa que semellaba estar composta por Gremlins desesperados por pillar algunha bola. 12 puntos en pouco máis de 5 minutos sen erro. Brutal.


Sebas, abusando

Os visitantes tentaban capear o temporal pero cando este parecía amainar entrou en escena unha nova cicloxénese con nome propio: Aldán. 5 puntos consecutivos para dobrar no electrónico aos visitantes ao termo dos primeiros dez minutos (28 a 14) perante un público entregado á garra e ao talento dos locais.

Pero o C.B. Ames non sacara a relucir todo o seu potencial. Mate de Reino a dúas mans previo escorzo cadeira/xeonllo como tarxeta de benvida ao segundo cuarto que levantou aos xiareiros dos seus asentos. Defensa asfixiante que provocaba que a maior parte dos ataques do conxunto visitante finiquitasen antes de tan sequera lanzar a canastra e uns xogadores locais envorcando sobre o parqué todo o traballo e esforzo das últimas semanas.



Juan, a por todas

O que estaba a acontecer non é froito da casualidade nin dun momento de inspiración, non é o caso. Todo ten a súa orixe nunha sesuda planificación do corpo técnico, liderado polo tándem de adestradores que forman Dani e Rober, e o esforzo, traballo, disciplina e paixón de todos e cada un dos compoñentes dun equipo que tiña posta a “X” no calendario.  E se a todo isto lle engadimos o pulo duns xiareiros que semana a semana apoian ao seu equipo cunha devoción incondicional digna do baloncesto grego dos anos 80, temos a tormenta perfecta. Isto non é o informe PISA. ¡Isto é AMES!

Todo o mundo atento ao PLAN

Facianas de concentración no banquillo. A implicación é total

Parcial de 19 a 5 e o marcador en 47 a 19 que fala ben as claras do desequilibrio entre uns e outros. A grada en éxtase.

A afección pasándoo en grande

Sen lugar para a relaxación, momento para seguir furgando na ferida. Con Joaquín liderando a ofensiva e todo o conxunto defendendo coma unha lexión, as diferenzas seguían a aumentar ante a desesperación dun conxunto picheleiro asoballado tanto polo xogo como polo ambiente. Por se a malleira non era suficiente, no tramo final do terceiro parcial sae Aldán en modo todoxogador para demostrar que, ao mesmo tempo e cunha diferenza de segundos, pode ser un prodixio en ataque e é un auténtico calvario en defensa. Exhibición dun rapaz que oposita claramente a Rookie do ano. 60 a 17 a falta de 10 minutos e, agora si, todo decidido.

Aldán, MVP

Con todo o peixe vendido, o derradeiro cuarto serviu para aumentar aínda máis a vantaxe no electrónico e materializar a comuñón equipo/afección. 76 a 35 ao a final do partido, 41 puntos de diferenza e festa rachada nunhas bancadas nas que os xiareiros semellaban voar sobre o Nido do Cuco. Bendita tolada.


Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (1, AA), Reino (10, AAA), Fran (2, AA), Juan (7, AA) e Joaquín (15, AAA) -quinteto inicial – Sergio (2, AA), Jaime (2, AA), Jorge (5, AA), Aldán (16, AAA), Sebas (16, AAA), Raúl (AA) e Diego (AA).

O mellor: a simbiose público-equipo. O pasado domingo estivemos ante unha desas tardes que quedaran gardada nas nosas retinas. Resulta impresionante, e atreveriámonos a cualificar incluso como demencial que máis de 200 persoas de todas as idades se deran cita no coliseo amiense ataviados con camisetas, bombos, bucinas e as súas gorxas para dar o mellor de si mesmas e levar en volandas aos seus xogadores cara a vitora. Non hai palabras que fagan xustiza ao noso agradecemento e orgullo. Todo isto é por vós e grazas a vós. E se isto acontece na fase regular, que nos agarda nos play offs? 

O peor: debemos seguir traballando e non crernos os reis do mambo. Desfrutar do conseguido e traballar dende a humildade para conquistar novas metas e obxectivos. Estamos no Tourmalet da fase regular e o próximo rival, o multicampión CAB Conxo, aproveitará calquera atisbo de relaxación así que deberemos seguir traballando pola mesma liña.

Para rematar, queremos agradecer a consideración da Asociación Española contra o Cancro (AECC) á hora de contar co C.B. Ames para súa campaña solidaria “Brazaletes de Esperanza” durante as dúas próximas xornadas. Sirvan estas liñas como humilde recoñecemento ao inxente labor desenvolto por esta entidade contra unha das maiores lacras da nosa sociedade. Parabéns amigos!

 

1 comentario:

  1. Os xiareiros estamos disfrutando co equipo, vamos Ames!!!

    ResponderEliminar