Primeiro acto da final polo título entre o C.B. Ames e o A.D.B Fontiñas. O municipal do Milladoiro engalanouse coma non se recorda nos vinte anos de historia deste club: bancadas ateigadas de enfervorecidos xiarieiros, globos, pancartas, bombos, bucinas, Álvaro Veiga -speaker do Obradoiro- coma mestre de cerimonias..., en definitiva, un ambiente doutra categoría e motivo de orgullo para todos os que loitaron e traballaron para vivir unha cita como a de onte. De venderse entradas estariamos a falar do clásico "non hai boletos". Onte púxose a proba a capacidade e as prestacións do coliseo amiense. Impresionante.
![]() |
| Aspecto das bancadas para o primeiro asalto. A imaxe fala por si soa |
![]() |
| Lourdes pintándolle a cara a todo o que se lle puxo a tiro. Moi grande! |
Tras unha espectacular presentación dos protagonistas, e coas emocións a flor de pel, o colexiado principal, Martín Trasancos, eleva o balón coma nunha procesión da madrugá sevillana. Ao ceo con ela. Comeza o espectáculo.
Como xa se podía prever, os contendentes dedicaron as primeiras accións a atemperar os nervios. Momentos de igualdade ata que entra en acción un extramotivado David Reino que, con 9 puntos practicamente consecutivos, enfúndase a camisola de lider permitindo aos locais coller o mando do partido ante un Fontiñas que non tiña a intención de poñelo doado. Con máis desexo que acerto, ambos contendentes tentaban impoñer a súa proposta nunha contenda fisicamente moi exixente. Primeiro asalto que tivo como gañador (aos puntos) ao C.B. Ames por 18 a 13.
![]() |
| Juan, coma sempre, ao 200% |
![]() |
| Dani conversando con parte do banquiño. Rober, en primeiro plano, atento ás evolucións do encontro. Tándem de luxo |
Tempo de lecer. 45 a 32 e a sensación de ter ao rival a piques de bicar a lona. Turno para que os xiareiros máis novos salten á pista e emulen aos seus heroes, se cadra por uns intres.
![]() |
| Os rivais pouco ou nada podían facer perante a exhuberancia física de Joaquín |
Pero nin moito menos o peixe estaba vendido. O derradeiro parcial comezaba cunha discutible falta antideportiva sinalada pola dispar parella arbitral, espoleando ao equipo visitante que con 7 puntos consecutivos lograba reducir a renta ata 5 en minuto e medio de xogo (62 a 57). Tempo morto de Dani para inculcar aos seus pupilos a trascendencia do momento e a volta aos macanismos e automatismos que nos levaron a desenvolver o mellor baloncesto visto nesta categoría durante a presente campaña. E, tras de nós, centos de seguidores apoiando e levando en voandas ao equipo. O fracaso deixaba de ser unha opción.
Tempo de valentes e que mellor que un gladiador como Juan para asestar os dous primeiros golpes. Yeray, espectacular, recolle o testigo e clava dúas triplas de xeito consecutivo para desatar a tolada nunha bancada que, a bo seguro, tivera estoupado se Aldán consegue culminar con éxito un intento de mate a dúas mans entre un mar de brazos.
![]() |
| Yeray. MVP compartido con David Reino |
Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás Souto (AA), Yeray (27, AAA), Reino (22, AAA), Juan (7, AAA) e Sebas (10, AA) - quinteto inicial - Sergio (3, AA), Aldán (2, A), Jorge (2, A), Joaquín (17, AAA), Raúl (A), Pedro (A) e Fran (A).
O mellor: sen lugar a dúbidas, o espectáculo vivido. Bancadas ateigadas e baloncesto de calidade como a mellor fórmula dun acontecemento inesquecible. Destacar tamén o respeto e deprotividade entre equipos e afecións. Unha auténtica pasada.
O peor: non ter finiquitado a eliminatoria pero, sendo francos, un equipo campión como Fontiñas vai competir ata o final con todos os seus recursos, que son moitos e bos.
Todo o mundo queda emprazado para o desenlace a vindeira fin de semana, concretamente para o sábado 25 dee abril no municipal santiagués de Fontiñas ás 18:00 h.. Deixámosvos coas mellores imaxes captadas polo obxectivo do gran Andrés Panaro, a quen dende esta humilde publicación lle agradecemos a súa inestimable e desinteresada colaboración. GO, AMES, GO!













Ningún comentario:
Publicar un comentario