Finiquitadas a liga regular e as eliminatorias, chega o momento da verdade. O C.B. Ames e o A.D.B. Fontiñas, vixente campión, replican a finalísima da campaña pasada pero esta vez baixo o formato de ida e volta, o que garante espectáculo por partida dobre.
As roldas previas resultaron moi dispares para uns e outros. Mentres que o C.B. Ames non deu opción aos seus rivais, tanto en cuartos de final (+ 48 no global da eliminatoria fronte a Praíña, S.P.C.), como, sobre todo, nunha rolda semifinal na que asoballou ao A.D. Manuel Peleteiro por un tenteo global de 95 puntos tras un memorable partido de ida no que se aplicou ao equipo colexial un severísimo castigo de 33 a 93, o camiño do A.D.B. Fontiñas non foi tan sinxelo, en boa medida pola entidade dos rivais aos que se enfrontou: + 17 de diferenza en cuartos de final contra o experimentado C.A.B. Conxo, todos eles colleitados no encontro de volta, e vitoria pola mínima en semifinais contra o Santa Baia de Boiro, nunha eliminatoria chea de igualdade e emoción que estivo aberta ata a derradeira posesión.
Con estes vimbios podería semellar que o C.B. Ames partira a priori coma favorito, pero nada máis lonxe da realidade. O A.D.B. Fontiñas é o actual campión e conta cun equipo novo pero experimentado, perfectamente adestrado por un clásico como Ángel Noya que sabe perfectamente o que quere e o camiño para conseguilo. O paso polas eliminatorias previas deulle un plus de competitividade que o C.B. Ames terá que, polo menos, igualar se quere ter algunha opción de levarse o título.
Primeiro asalto o domingo ás 19:00 h. no municipal do Milladoiro. Ademais da potencia de Tomás, a cabeza de Sergio, a determinación de Fran, os highlights de Yerai, a velocidade de Diego, a espontaneidade de Jaime, o talento de Aldán, a polivalencia de Reino, a experiencia de Raúl, o empuxe de Juan, a calidade de Jorge, a clase de Pedro, a presencia de Sebas, a intimidación de Joaquín e o carisma do gran capitán Alberto, así como a sabedoría do tándem Dani-Rober e o apoio dun multifuncional Ángel, imos precisar de todos vos para axudarnos a dar o primeiro e decisivo paso para a conquista do título.

Coas cartas cara arriba e a sorte botada, a túa axuda pode ser determinante na nosa loita por celebrar os nosos 20 anos de historia co mellor dos agasallos.
QUE COMECE O ESPECTÁCULO!

Vamos Ames!!!
ResponderEliminar