O club amesán defende en Santiago unha vantaxe de 18 puntos da ida para certificar o campionato no seu vixésimo aniversario.
O día de mañá pode quedar marcado con letras de ouro na memoria do Club Baloncesto Ames. Tras dúas décadas de traxectoria ininterrompida no basket senior, atopámonos ante a oportunidade de alzarnos co título de campión.
O desenlace terá lugar no Pavillón Municipal de Fontiñas ás 18:00 horas. Chegamos á cita definitiva coa moral polas nubes tras o gran resultado do partido de ida, onde nos impuxemos ao A.D.B. Fontiñas por un contundente 90 a 72. Pola súa banda, os santiagueses, vixentes campións e baixo a batuta de Ángel Noya, buscarán facer valer o factor cancha e o apoio de todo un barrio para tentar reverter a eliminatoria.
A expectación arredor deste choque é absoluta e o reto será igualar o extraordinario ambiente vivido no encontro de ida no Milladoiro, onde centos de xiareiros puxeron a proba a capacidade do recinto amesán nunha tarde inesquecible. A afección xa prepara un desprazamento masivo para asegurar que nosos xogadores están arroupados na procura dun trofeo que poría o broche de ouro a estas dúas décadas de vida do club.
O peixe está vendido. É o momento de botar o resto. A POR TODAS!!!

Ningún comentario:
Publicar un comentario