venres, 22 de febreiro de 2019

Toca erguerse

Difícil empresa a do pasado sábado contra Vista Alegre Bar Coruña. O conxunto santiagués pouco ou nada ten que ver con aquel que caeu en Bertamiráns por 35 puntos de diferenza e, se lle sumamos as baixas de Manu e de Dani, o prognóstico presentábase bastante incerto.

Con estas vimbias arrincaba o partido na esvaradiza cancha do Lorenzo da Torre. Primeiros minutos nos que as defensas superan amplamente aos ataques ata que unha afortunada mandarina de Juan máis aló do 6,75 permite abrir as hostilidades entre ambos bandos. Nun primeiro cuarto marcado polas imprecisións en todas as áreas, conseguimos manternos a flote para dispoñer da iniciativa no marcador por un só punto de diferenza (10 a 11). 





Pero a dinámica non era a mellor e pronto fomos conscientes da dureza que se aveciñaba. No segundo cuarto os locais sacaron petróleo da súa maior intensidade defensiva e comezaron a ver o noso aro con maior facilidade. Cun ataque sen ideas, tan só dous xogadores (Víctor e Alberto) conseguiron profanar a canastra rival, mentres que no outro lado da cancha os puntos caían irremediablemente na nosa contra. 7 puntos anotados en 10 minutos, por 16 de Vista Alegre, situaban unha renda desfavorable de 8 ao descanso (26 a 18) que, obxectivamente, poden non parecer demasiados pero, á vista do cara que estaba cada canastra, era unha montaña moi dura de escalar.





Pero por tentalo que non ía quedar.  Hora de poñerse o mono de traballo. Con máis fe que baloncesto, remamos e remamos para tratar de enxugar a desvantaxe e atopar as sensacións perdidas no segundo cuarto. Con Alberto, Juan e Víctor picando pedra, e apoiados na velocidade de Diego, aos poucos comezamos a aproximarnos no marcador ante un rival especialmente intensso  na súa faceta defensiva. Cun par de simeones conseguimos aproximarnos no marcador a tres puntos a falta de 10 minutos. O partido estaba para poucas bromas.

Intercambio de canastras para comezar e igualdade absoluta entre ambas as escuadras ata que se produce a primeira das accións que resultarían determinantes para o devir do encontro: Juan, un dos máis destacados, amaga con lanzar de tres, enganando ao seu defensor, penetra con habilidade e é freado en falta para evitar unha máis que probable canastra, falta que o colexiado se nega a sinalar. O noso pivote sae rebotado como consecuencia do encontronazo e choca fortuitamente con outro defensor, o que é interpretado polo colexiado como falta antideportiva. A continuación, o vídeo dos feitos:


Frustrado e co cable un pouco pelado, o agraviado xogador visitante dedícase a contar os segundos que median entre que o xogador local recibe o balón do colexiado e o lanzamento do consecuente tiro libre, momento no que brama un "once" e outórgalle a coartada perfecta a un árbitro que, como os malos sheriffs das pelis de serie B, acabáballe de tomar a matrícula para sinalar técnica e envialo de cabeza os vestiarios. A perda antollábase inasumible.

Pero nada máis lonxe da realidade. Un, ata ese momento, desaparecido Jorge, (debido principalmente ás molestias nas costas que lle fixeron ser dúbida ata minutos antes de celebrarse o encontro) tomaba os mandos da ofensiva amiense e, con dous triples practicamente consecutivos, parecía reeditar a miragre conseguida en Boiro semanas atrás. 



Pero os santiagueses teñen moito máis oficio que os boirenses. Con igualdade máxima no electrónico e a falta de menos de dous minutos para resolverse o encontro, chegaría a segunda acción determinante e que resultaría definitiva para a sorte do partido: un lanzamento triple do mellor xogador local (alcumado no mundo como "o Vasco", que gran xogador!) penetraba no noso aro como unha estaca no corazón dun vampiro o que, unido a dúas malas seleccións de tiro pola nosa banda, motivou que péndulo caese ao lado da capital. Os 8 puntos de vantaxe finais antóllansenos un pouco excesivos para a igualdade mostrada sobre o terreo de xogo. Ao final, 55 a 47 pero coa satisfacción de loitar ata a última pinga de suor ante un rival moi esixente fisicamente nunha nobre contenda.

Agora toca sobrepoñerse ante este revés e seguir loitando por un posto nos playoffs.


Algunhas caras longas tras a derrota

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Jota, Rober, Quique (2), Linas (4) e Juan (9) - quinteto inicial - Víctor (5), Jorge (10), Alberto (10), Diego (7), Jacobo, Raúl e Eloy.

O mellor: a garra e a competitividade mostrada nun partido no que, con pouco baloncesto, conseguimos manter a fe na vitoria durante 39 minutos. A pesar de a derrota, as nosas aspiracións de acabar entre os catro primeiros continuan intactas.

O peor: o non poder desenvolver o noso xogo ante a solidez defensiva local. Nun partido destas características pesan demasiado as baixas de Manu e Dani, sobre todo no que a ritmo de partido e intensidade defensiva refírese.



Ningún comentario:

Publicar un comentario