mércores, 1 de novembro de 2023

Indolencia

Segunda xornada e toca estrea a domicilio na sempre dífícil cancha do La Salle Bonaval. Tras a axustada vitoria no partido inaugural contra o Ribeira Congalsa, momento para chequear as nosas posibilidades ante un rival necesitado tras perder o seu primeiro partido en terras estradenses por 51 a 47.

Coa consigna de non repetir os erros en defensa que case nos condean no encontro anterior, saltamos á húmida cancha santiaguesa cuxas bancadas amosaban un aspecto certemente animoso. Nada máis lonxe da realidade. Os locais, cun baloncesto directo e sen complexos ben dirixidos por Fernán Bouzán, non tiñan problemas en atopar o camiño ao noso aro ante unha defensa, de novo, máis frouxa que as prestacións dun funcionario a principios de mes. Tan só o acerto dun inspíradismo Sebas e a primeira das catro triplas de Diego mantiñan a nave amiense a flote. Os cambios introducidos por Dani, pese a dúas accións acertadas do gran Alberto Sampedro, apenas surten efecto. O 24 a 15 dos dez primeiros minutos fala ben ás claras da superioridade local, boa parte dela cimentada sobre unha moi frouxa defensa visitante e que sería practicamente unha constante durante todo o encontro. 




O segundo cuarto comezaría cunha seca de tres minutos ata que a canastra inicial do local Mario Picón é replicada cunha tripla de Rober na que, durante tempos inmemoriais, foi a súa segunda casa.


Pero os locais, lonxe de poñerse nerviosos, continuaban apostando polo un xogo coa necesaria mestrura de verticalidade e pausa que seguía a facer dano á nosa débil defensa. Só o acerto desde a liña de 6,75 servíanos para maternos con vida nun encontro no que os santiagueses impoñían con claridade o seu ritmo de xogo, mantendo en todo momento a iniciativa tal e como reflicte o 38 a 27 co que se chegou ao descanso e cun C.B. Ames que necesitaba acudir ao rincón de pensar.




Leve melloría tras a reanudación pero insuficiente. Liderados de novo por un Sebas que nun par de partidos xa se convertiu nunha das grandes referenzas deste equipo, e cun magullado Jorge aparecendo no encontro por vez primeira, conseguimos situarnos a 6 puntos de diferenza tras unha canastra de raza de Juan (42 a 36) a falta de 3 minutos para o remate do cuarto.





Pero, cando máis preto estabamos, de novo todos os esfrozos ao garete pola defensa. Cortes frontais sen balón escapaban á nosa vixiancia e remataban en canastras fáciles ante a impotencia do noso adestrador Dani xa que a actitude defensiva, como todos sabemos, é o noso sinal de identidade e, polo tanto, convértese en algo innegociable. 45 a 36 e volta á casiña de saída a falta de 10 minutos para o finiquito.

Arrincamos con dous tiros libres e un canastón a taboleiro de dous ilustres representantes da nosa vella garda, Linas e Rober, que nos colocaban a cinco puntos no primeiro minuto de xogo e prendían as nosas esperanzas de remontada.


Pero un novo arreón dos locais liderados unha vez máis por Fernán Bouzán volvíanos a mandar onde estabamos. A tripla do renqueante Jorge non inquietaba a un equipo local que rezumaba oficio e tranquilidade, en parte apoiado nunha debilidade defensiva que foi o noso talón de Aquiles durante toda a tarde-noite do pasado domingo.


Pasaban os minutos e o guion era o mesmo. Tripla de Jaime e catro puntos consecutivos de Tomás que son respondidos con solvencia por un La Salle Bonaval que nunca perdía a compostura. Con conceptos básicos, como situar un poste alto no medio da nosa zona para mover o balón e atacar o aro, conseguiu manter a iniciativa durante a práctica totalidade do encontro.



E non dicimos que dominou todo o encontro porque a falta de dous minutos o noso escolta Diego, con pouco que perder e sobrado de testiculina, anotou dúas triplas de forma consecutiva para facer tremer os cimentos da vitora local fraguada nos 38 minutos anteriores. Pero os locais, de novo con nervios de aceiro, fixeron gala de moita templanza e anotaron catro tiros libre de forma consecutiva que certificarían a súa vitoria. Arenga final e saúdo aos xiareiros que se desprazaron en masa a presenciar este, por momentos, disputado e entretido encontro.


Ao remate, e como símbolo e recoñecemento da carreira baloncestísitca de Rober no que puido ser o último encontro do playmaker nesta casa, ambos equipos posaron xuntos nunha bonita imaxe que quedará para a posterioridade. Respect.

 


Muchos quilates juntos

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (4, A), Diego (12, AAA), Jaime (6, A), Juan (2, A) e Sebas (18, AAA) - quinteto inicial - Rober (5, AA), Rocha (-, A), Jorge (7, A), Linas (2, A), Alberto (4, A), Hugo (-, A) e Eloy (-, A).

O mellor: o noso xogo exterior e acerto no triple. 

O peor: a indolencia en defensa. Non podemos estar tan calados como un grupo de monxiñas con voto de silencio. 10 faltas cometidas en todo o encontro son suficientemente ilustrativas.  Como ben sinalou Coach "D", a actitude non se adestra, tráese da casa. Sirva comentar para rematar que no adestramento do luns seguinte ao encontro acudiron a totalidade do noso plantel, nun xesto que foi recoñecido polo propio adestrador e agardarmos que constitúa un punto de inflexión para as vindeiras xornadas. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario