sábado, 11 de novembro de 2023

Máis cordeiros que lobos

Terceira xornada de competición e segundo partido como local recibindo a un dos favoritos: o ADB Fontiñas, finalista na campaña pasada e unha das escuadras que, ano tras ano, ocupa unha das posicións de honra ao termo de cada tempada.  

Non tería que pasar moito tempo para poder comprobar que o guion ía ter os mesmos tintes que os dous partidos anteriores. O C.B. Ames durmido e indolente en defensa permitía aos visitantes impoñer o seu ritmo de xogo e escaparse rapidamente no electrónico. A tripla de Blas situaba aos santiagueses cunha vantaxe inicial de 6 a 14 nos cinco primeiros minutos de xogo.


Sen acerto en ataque e coa, por desgraza, xa acostumada indolencia inicial en defensa, as diferenzas non facían senón máis que aumentar ante a impotencia de Dani, o técnico local, ante a actitude defensiva mostrada polos seus pupilos. Ao remate dos dez primeiros minutos, expeditivo 10 a 22 a prol dos santiagueses e os amienses en caída libre.

O segundo cuarto comezou coa mesma dinámica coa que rematou o primeiro: Fontiñas dominando e Ames sometido. A canastra inicial dun Sergio Rocha que era o único xogador ao que parecía correrlle o sangue polas veas non era suficiente para deter a hemorraxia defensiva.


Coma almas en pena e cunha especie de resaca post-halloween, os xogadores do C.B. Ames semellaban máis ben membros da Santa Compaña de visita por San Andrés de Teixido que un equipo que aspira a estar entre os catro primeiros clasificados ao termo da primeira fase de competición. Mercede ás facilidades defensivas e asfixiados pola presión proposta polo adestrador visitante, o experimentado Ángel Noya, non tardaron en chegar os 20 puntos de diferenza no electrónico no ecuador do segundo cuarto (12-32). Tocando fondo.

O pequeno amago de rebelión dos locais a base de tiros libres e a primeira tripla dun Jorge que tería moitas cousas que dicir na segunda metade foi sofocado de seguido por un ADB Fontiñas, coral e moi disciplinado, para deixar as cousas como estaban ao termo do segundo parcial (22-40) e caras de preocupación tanto no banquiño como nos abnegados xiareiros locais.

Non trascenderon as verbas de Dani no tempo de lecer, pero apostamos sen medo a equivocarnos que deron de cheo no corazón e no orgullo dos seus pupilos. Uns xogadores que entraban no vestiario coma cordeiros, frustrados e derrotados, comparecían de novo sobre o parqué transformados en lobos sedentos non de sangue senón, sobre todo, de recuperar o orgullo colectivo.

Cos dentes apretados é os traseiros dez centímetros máis baixos, os xogadores do C.B. Ames saíron en tromba. O triunvirato formado por Diego, Sebas e Jorge, agora sí, atopa o camiño ao aro rival dunha forma máis directa apoiados nunha solidez defensiva inusitada ata o momento e que pillou por sorpresa a un conxunto visitante que non parecía atopar resposta. Por que non temos esa actitude dende o principio? Cousas veredes Sancho...




Canastra á remanguillé marca da casa de Alberto máis dous puntos transformados polo lituano Linas Baltusis, dous vellos rockeiros do conxunto amiense, para infundir o medo nos corpos dun equipo visitante que sufriu un severo correctivo neste parcial (22-8) vendo como o marcador amosaba un impensable 42 a 48 a falta de dez minutos para a finalización. Sorprendentemente, había partido.

Últimos dez minutos de encontro e, tras un intercambio inicial de canastras, entra en escena o noso actor principal: "Sniper" Jorge. Tripla espectacular secundada por una nova canstra baixo o aro de Sebas para poñerse a dous puntos (49 a 51) a falta de seis minutos, o que provocou o oportuno tempo morto do banquiño visitante, e que tivo un efecto balsámico. Máis templados e aproveitando o exceso de revolucións locais, o ADB Fontiñas conseguía anotar en accións elaboradas rematadas polos seus pivotes con canastras fáciles tras penetración e asistencia dos seus xogadores exteriores, sabedores da falta de solidariedade na defensa local.

Con máis corazón que cabeza e apoiados nun inspiradismo Jorge, o C.B. Ames vólvese a situar ao rebufo no marcador a falta de tres minutos (55 a 59).
 


Aínda que podería intuírse que, pola súa xuventude, o ADB Fontñas sería presa fácil dos seus propios nervios, nada máis lonxe da realidade. Cunha tranquilidade case insultante, os visitantes seguían crendo nas fortalezas que os levaron a dominar a práctica totalidade do partido: presión defensiva e orde en ataque. E así sería. Apoveitando a ansiedade local e manexando os tempos, novamente conseguían alonxarse a uns practicamente imposibles 10 puntos de vantaxe (55 a 65) a falta de minuto e medio para o final. A sexta tripla de Jorge e a canastra final dun Jaime que se está a gañar a pulso o seu aumento de protagonismo non serviron máis que para maquillar o marcador final de 60 a 67 a prol dun ADB Fontiñas que foi superior no cómputo total dos corenta minutos de xogo.

 
Tanto na vitoria como na derrota, un equipo unido
Tanto na vitoría como na derrota, un equipo unido

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (4 puntos, 9 rebotes e 4 asistencias, AA), Diego (6, A), Jaime (9, AA), Juan (1, A) e Sebas (8, A) - quinteto inicial - Jorge (18, AAA), Sergio Rocha (5, AA), Alberto (5, A), Linas (2, A), Ángel (2, A), Hugo (-, -) e Víctor (-,-).

O mellor: a raza e orgullo amosados durante o terceiro cuarto. Posiblemente, do mellorciño desta campaña. 

O peor: por terceiro partido consecutivo, a indolencia defensiva dos minutos iniciais que, lonxe de arranxarse, parece que vai in crescendo. Neste caso, regalamos os dous primeiros cuartos e, nunha competición tan igualada, este é un factor absolutamente diferencial. Tendo en conta que estaremos as dúas próximas xornadas sen competir, pode ser este un bo momento para resetear e tentar de recuperar un sinal de identidade tan propio do C.B. Ames como é a intensidade defensiva. Pero queda moito traballo por facer. Un pouquiño máis de agresividade, por favor...

Ningún comentario:

Publicar un comentario