xoves, 30 de novembro de 2023

O importante é a vitoria

Dura fin de semana por diante para o C.B. Ames con dous partidos con pouco máis de 24 horas de intervalo. No primeiro deles recibimos o pasado domingo a un C.B. Santa Baia de Boiro inmerso nunha clara dinámica negativa de resultados tras a vitoria inicial (e única ata o momento) na primeira xornada de competición. Partido de necesidades e poucas concesións para a galería.

Balón ao aire cunha consigna clara: prohibido baixar os brazos nos 40 minutos. Ao contrario que en xornadas anteriores, o C.B. saiu decidido a polo partido desterrando as tan acostumadas relaxacións que tanto dano fixeron en anteriores xornadas. Nove puntos consecutivos de saída poderían facer presaxiar unha cómoda vitoria fornte un equipo visitante que estivo seis minutos para conseguir a súa primeira canastra en xogo. Pero estamos nunha competición na que non hai un partido fácil. Liderados por Óscar Triñanes, líder anotaodor dos boirenses neste encontro, nos últimos catro minutos a ampla vantaxe esfumouse xusto antes do remate do primeiro parcial (13 a 13).

No segundo acto tivemos un pouco máis do mesmo. Ambas escuadras máis pendentes de non recibir canastra que de anotar, ritmo lento de xogo e moito, pero moito, desatino cara o aro rival. Só unha ondanada protagonizada por unha tripla dun Sebas menos acertado que de costume e unha canastra dun Tomás que, xornada tras xornada, vai adquirindo maiores responsabilidades a medida que vai coñecendo aos seus novos compañeiros. Confianza lle chaman, creo. 

24 a 20 ao descanso e todo por decidir, aínda que xa se podía atisbar que a reanudación non sería, precisamente, unha oda ao baloncesto de ataque.

E equiliquá. O C.B. Ames atenazado e botando en falta a un doente Jorge que estaba a facer o seu magosto particular a base de castañas en forma de triplas e un C.B. Santa Baia que, sen facer nada doutro mundo non perdía o rebufo amiense. Só unha acción de mérito da case centenaria conexión galegolituana Rober-Linas permitía aos locais poñer terra de por medio xusto antes do toque de bucina que indicaba o remate do terceiro parcial (36 a 30). 



Dez minutos e o peixe por vender. Os cinco primeiros, tediosos, con só unha canastra por cada bando. Chegaba o momento da verdade. Os visitantes aproveitaron a inoperancia local en ataque para igualar o encontro a falla de dous minutos e medio, encollendo os corazóns dos ata eses momentos adormilados xiareiros locais. Pero, a partires de aí xurdiu a importancia dun xogador como Juan, "Mr. Intanxibles", quen, desde a súa intensidade defensiva e con espartana atitude, conseguiu infundir o alento necesario ao resto dos seus compañeiros para negar o camiño a canastra a un C.B. Santa Baia que acusou en demasía a dinámica negativa na que se atopa inmerso. Dúas canastras fáciles ao contrataque tras roubo de balón e o maior aplomo local nos instantes finais decantaron a balanza ao noso favor por un tanteo final de 45 a 41 nun partido onde as defensas superaron amplamente os ataques por ambos lados.

Tempo para a recuperación co ollo posto no partido do día seguinte que nos enfrontaría ao EDM A Estrada. Pero ese é outro cantar...

Coa música a outra parte

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (9, AA), Diego (6, A), Jaime (5, A), Juan (2, AA) e Sebas (11, AA) - quinteto inicial - Hugo (6, A), Jorge (2, -), Linas (2 ,A), Rober (A), Ángel (s.c.) e Víctor (s.c.).

O peor: o pobre espectáculo para os xiareiros que se deron cita no coliseo amiense. Tocaba antepoñer eficacia a efectismo e abofé que se conseguiu.

O mellor: como diría o mítico adestrador arxentino César Luis Menotti, "o importante é a vitoria". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario