martes, 16 de abril de 2019

A dous segundos da gloria...

O pasado sábado pola tarde o Municipal de O Cruceiro vestiu as súas mellores galas para acoller o partido de volta correspondente ás semifinais do campionato entre o Arzúa CAB e o C.B. Ames. Coa exigua vantaxe dun punto a favor dos locais cultivada no partido de ida, o encontro configurábase como un "todo ou nada" para ambos os rivais, conscientes do feito que a vitoria sería suficiente para acceder á gran final contra o ADB Fontiñas, verdugo de Compañía de María na outra semifinal.

Cun ambiente de basket propio doutras épocas en terras arzuás e unha bancada na que non cabía un alfinete, daba comezo un partido no que as emocións fortes estaban aseguradas. Ao contrario que no encontro de ida, empezamos ben. Con orde en ataque e a consígna clara de expulsar a Aitor da nosa zona, a dupla Jorge-Linas (o primeiro por fóra e o segundo por dentro) danaba a súa defensa individual ao momento de establecer un parcial de 2 a 7 nos primeiros minutos de xogo.





Pero os locais non ían poñer as cousas fáciles e, esporeados pola súa gran afección, comezaron a achegarse no marcador. O xigante Aitor sacudíase aos nosos defensores e comezaba a atrapar rebotes ofensivos que se transformaban en falta ou canastra. Ante esta circunstancia, Gaby introduce as primeiras modificacións no encontro, dando entrada a xogadores de refresco coa intención de nivelar as forzas a ambos lados da pista. Dito e feito, os cambios compensaron a contenda e, con accións tales como un rebote en ataque - que contra Arzúa están especialmente caros - máis canastra de Alberto, un triple desde a esquina de Raúl e unha penetración made in Beiro de Manu situaron o electrónico en 17 a 16 ao final do primeiro cuarto. Non era máis que o preludio do que estaba por chegar.




No segundo cuarto iamos experimentar a fase máis perigosa do encontro. O ata ese momento aparente orde en ataque e boas seleccións de tiro transformábase, de súpeto, en desconcerto. Cada xogador do C.B. Ames parecía ir polo seu lado ante o aro rival, feito que os locais aproveitaron para escaparse gradualmente no marcador cun Aitor moi inspirado (e cos brazos máis longos que o almorzo dun funcionario) e un Ezequiel que comezaba a asomarse polo coliseo arzuán. A iso había que sumarlle a actuación arbitral, que castigaba con numerosas faltas á xogadores clave do C.B. Ames mentres que permitía unha maior dureza da defensa local, como proba o feito de que, ao termo do partido, o número de faltas sinaladas na nosa contra resultou ser de 23 por tan só 6 en contra dun equipo local que nunca entrou en bonus ao longo dos corenta minutos de xogo. Só Manu, con dúas accións de mérito, conectaba co aro visitante, ao que se sumou, case ao final do cuarto, Jota cun triplo para rubricar o únicos sete puntos conseguidos neste cuarto. Parcial de 14 a 7 para os locais e un 31 a 23 ao descanso que facía temer polas nosas posibilidades reais de clasificación para a final.


Momento para a reflexión e a corrección de erros. No vestiario, Coach G encárgase de poñernos as pilas e tomar consciencia da nosa delicada situación no encontro. Había que darlle a volta á tortilla e con esa mentalidade saímos a por todas no terceiro cuarto. 

Recuperando a orde en ataque, baixo a batuta de Jota e Manu, e cunha ferocidade desmedida en defensa, conseguimos o que nos propuxemos ao descanso: infundir medo nos corazóns arzuáns. A nosa remontada pasaba por cortocircuitar a Aitor, e a boa fe que o conseguimos grazas ao traballo de todos os nosos pivotes, deixando ao determinante pero cada vez máis esgotado pivote local en cero puntos neste cuarto. Unha vez conseguido, momento de ir a por o aro local. Con Jorge, Alberto e, como non, Manu a tumba aberta, conseguimos conectar unha serie de ofensivas consecutivas que motivaron a heroica remontada. A gran afición local parecía medorenta coma se visen un Poltergeist xa que o C.B. parecía entoar, co seu xogo, o famoso "xaaa estaamooosss aaaquiiiiiií..."

 


Os dous últimos tiros libres (os únicos que lanzamos ao longo do partido) transformados por Quique rubricaban un excelente parcial de 6 a 16 ao noso favor. 37 a 39 a falta de dez minutos e os corazóns, tanto de xogadores e técnicos como do público, a piques de estoupar.

E é que o último cuarto foi un fiel reflexo non xa do que se estaba vendo neste partido, se non do que foron os oitenta minutos de eliminatoria: máxima igualdade e emoción. O cuarto comezaba coa peor das noticias para os nosos intereses: a máis que discutible quinta falta de Manu. Pero non era momento para as lamentacións. O C.B. Ames é un equipo de carácter e que se sobrepón ás adversidades e, baixo a dirección dunha experimentado Jota nestas lides, co apoio de Jorge e Alberto en ataque e todos defendendo en modo "Fuenteovejuna" (todos a un tempo), seguimos loitando a brazo partido por clasificarnos para a gran final. Alberto castigaba con bos tiros de media distancia a un esgotado Aitor. Un canastón de Jorge cunha párabola máis alta que o esbirro dunha jirafa e un contraataque con pase de béisbol de Jota que Alberto culmina á remanguillé, provocando un simulacro de infarto no corazón Gaby, son replicados polos xogadores locais liderados polo seu xogador máis desequilibrante ao longo de toda a eliminatoria: Ezequiel. Mención aparte para o traballo e a importancia deste xogador, máxime se temos en conta que o día anterior estaba na súa cama con 39 de febre afectado dun forte virus. A épica estaba de visita no municipal arzuán.



Con empate a 47 no electrónico, e co pavillón a piques de explotar, chegamos aos momentos culminantes do partido. Jota, co ánimo e a vontade de querer repetir a sensación de chegar a unha final dez anos despois do título logrado coa mítica escuadra lucense do Hierros Ferreiro, asume a responsabilidade e, aproveitando a pantalla ofrecida por Alberto, enchufa un triple desde a frontal que nos sitúa  +3 no electrónico mentres o vetusto base lucense lanza xestos e vocábulos irreproducibles cara aos seus compañeiros que, froito da tensión existente, fosen merecedores da máis fulminante excomunión.


Boa defensa pola nosa banda tras o tempo morto local e bola de partido. Emulando a acción anterior, Jorge, o noso mellor especialista no triple (e atrevémonos a dicir que o mellor da categoría), aproveita un novo bloqueo de Alberto para levantarse e... polos pelos! 



Aitor converte o segundo dos tiros libres dos que dispón e chegamos á acción determinate do partido. Tras unha longa circulación de balón, Alberto recibe de Jota tras pick ´n roll, fai saltar polo aire a Aitor, se zafa del e ataca o aro cunha afastada bandexa marca da casa que queda curta. Dani, moi atento, aproveita a ausencia do gran pivote local para facerse co rebote ofensivo pero falla no seu intento de finiquitar o encontro. Rebote para os locais e a correr a defender, conscientes de que en menos dos dez segundos que restaban non podiamos facer falta. Cos seus mellores xogadores sen posibilidade de tiro, o balón chégalle ao ata o de agora inédito Christian que, máis aló da liña de 6,75, decide levantarse pola falta de tempo e, coa decisión e determinación propia dun crack, decide erixirse en protagonista absoluto esnaquizando a nosa rede e desatando o frenesí en O Cruceiro. Sen tempo para a reacción, o último intento de Alberto en plan Sergio Llull desde o centro do campo, aínda que coa dirección correcta, queda curta.

 
51 a 50 no marcador e a cara que se che queda despois de rozalo cos dedos. Con Christian, o heroe local, e aos ombreiros dos seus compañeiros, aos poucos fómonos recompoñendo da decepción e felicitamos a todos os membros do Arzúa CAB polo seu pase á final, mentres os vencedores, nun arranque de deportividade que lles honra, recoñeceron o noso esforzo e loita ao longo de toda a eliminatoria cun gran aplauso que devolvemos entre o xúbilo dunha afección que tamén soubo recoñecer os nosos méritos e contribuíu a mitigar os efectos desta dolorosa derrota.

Parabéns ao Arzúa CAB e á súa afición!

Inmediatamente despois da preceptiva ducha, varios dos integrantes do C.B. Ames puideron gozar dunha reparadora velada no santiagués Restaurante "O Labrador", onde por varias horas compartimos experiencias e anécdotas sobre o que nos acababa de suceder. Ao termo da cea, e a pesar de que o sábado vivimos nas nosas propias carnes a cruz deste deporte, todos os presentes chegamos á mesma conclusión : que grande é o baloncesto!

Ás maduras e, sobre todo, ás duras, sempre orgullosos deste grupo

Por parte deo C.B. Ames interviñeron: Jota (6), Manu (8), Jorge (14), Linas (4) e Dani - quinteto inicial - Quique (2), Alberto (12), Raúl (3), Jacobo, Diego, Eloy e Rober.

O peor: a forma na que quedamos fóra da final. Por dous segundos...

O mellor: o espírito, a garra e a cohesión que hai neste magnífico grupo. Desde o adestrador, pasando por todos e cada un dos xogadores e acabando pola nosa afición, demostramos día tras día, xornada tras xornada, que o C.B. Ames é moito máis que un simple club de baloncesto. Como diría o mestre Rosendo Mercado, "maneiras de vivir!". Que a ninguén lle caiba a menor dúbida que, tras o mazazo recibido, volveremos levantarnos e farémolo, se cabe, con maior forza. Agora máis que nunca é o momento de gritar, todos xuntos, VIVA O C.B. AMES!

1 comentario:

  1. Enhorabuena por la pedazo temporada realizada. Sinceramente, mereciais estar en la final. Entiendo que es una decisión del jugador y que vosotros no querréis deshaceros de él, pero Jorge debería ir pensando en jugar a nivel autonómico. La categoría se le queda muy pequeña y ese chico tiene madera.

    ResponderEliminar