mércores, 10 de abril de 2019

As espadas en todo o alto

Encontro de ida de semifinais. Tras dúas xornadas de "desterro", o C.B. Ames comparecía o pasado domingo no Municipal de Bertamiráns para enfrontarse ao campión da tempada regular e claro candidato ao ascenso: o Arzúa C.A.B. As bancadas do coliseo amiense rexistraron a mellor entrada da tempada, cuns afeccionados visitantes que se desprazaron en masa a apoiar ao seu club, igualando forzas coa parroquia local no que a número se refire. Unha auténtica festa do baloncesto senior.

Vellos coñecidos e un novo reto: chegar á final e conseguir unha das dúas prazas que outorgan o ascenso de categoría. Cada un coas súas armas. Con estes ingredientes empezaba unha contenda que, sobre o papel, presentábase igualada.

Pero non empezaba ben a cousa para o C.B. Ames. Aínda que o balón movíase con alegría e as seleccións de tiro eran correctas, o balón non quería profanar a rede defendida polos visitantes, feito que aproveitaron para dispararse no marcador grazas á súa superioridade no rebote e a nosa pasividade en defensa, froito da frustración colectiva nos primeiros minutos de xogo. Parcial de 0 a 10 e a remar desde o principio. O reaparecido Juan, cun tiro libre, anota o primeiro punto, seguido por cinco puntos dun Jorge que, por momentos, parecía espertar. Ao final do primeiro cuarto 6 a 14 a favor dos visitantes e malas sensacións en xeral.






Pero no segundo cuarto seriamos testemuñas da resurrección dun C.B. Ames que non claudicará tan facilmente. Unha entrada dunha mermado Jota, dúbida ata última hora, espolea aos locais que comezan a ver o aro visitante con maior facilidade. A esta acción da veterano base lucense séguenlle un triple de Juan e sendos triples do mozo Raúl. Xa chove menos e o partido iguálase.




Ante a algarabía do noso público, seguimos castigando o aro rival desde o perímetro. O último triple de Jorge deixa a diferenza, tras un parcial de 18 a 8, nun esperanzador 24 a 22 ao noso favor. Remontada culminada fronte un Arzúa C.A.B que pedía o descanso a berros.


Arrinca o terceiro cuarto e o C.B. Ames sae decidido a facer dano cun Manu que anota os seus dous primeiros puntos deixando atrás a maldición que parecía perseguirlle nos vinte primeiros minutos de xogo. Un afortunado triple a taboleiro de Diego e un novo tiro libre convertido por Juan poñían certa terra polo medio e alimentaba as esperanzas dos amienses.


Pero os visitantes non estaban dispostos a dar o seu brazo a torcer. Grazas ao bo facer do seu capitán Vieites, o acerto anotador de Ezequiel e o dominio baixo os aros do seu xigantesco pivote Aitor, aos poucos os visitantes compensaron a súa desvantaxe no electrónico, tomando de novo a iniciativa nun encontro de ida e volta. Novo cuarto favorable a Arzúa -10 a 16- e 34 a 38 a falta de dez minutos por disputarse.


Pero, lonxe de desestabilizarnos, decidimos saír a por o partido. Nova entrada dunha desequilibrado Jota para remover conciencias e triple de Jorge como declaración de intencións, contestados por tres canastras consecutivas de Ezequiel, ao cabo máximo anotador do partido con 19 tantos. Baixo a dirección dun recuperado Manu, os nosos pivotes Alberto e Juan conseguen dúas boas accións consecutivas que superan, por primeira vez no encontro, os interminables brazos de Aitor. O péndulo no que se converteu esta contenda podía caer de calquera lado.




Pero a semifinal é a 80 minutos e non a 40. Conscientes diso, ambas as escuadras expuñan férreas defensa co obxectivo de impedir canastras fáciles e rápidas do equipo rival. O acerto desde o tiro libre por parte dos visitantes era replicado por un Manu en estado de graza, anotando un triplo estratosférico  e un 2 + 1 que case lle custa unha escordadura cervical debido á efusividade do seu irmán Quique na celebración.



Derradeira posesión favorable para os nosos intereses para gañar o partido pero, ante a boa defensa local, fúndensenos os chumbos e non chegamos nin a tirar a canastra. Último parcial favorable (17 a 14) e resultado final cun axustado 51 a 52 que deixa todo pendente para o encontro de volta, o vindeiro sábado ás 20.00 no Pavillón Municipal de O Cruceiro de Arzúa. Fagan as súas apostas...

Ambos contendentes felicitándose polo encontro disputado. Respecto e máxima igualdade
O plantel do C.B. Ames agradecendo o apoio do público 

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Manu (12), Diego (3), Jorge (13), Alberto (4) e Juan (7) - quinteto inicial - Linas (2), Jota (4), Raúl (6), Víctor, Dani, Quique e Eloy.

O mellor: a capacidade de superación nalgunhas fases do partido, como a inicial, que motivaron que nos enganchásemos ao partido antes de que a eliminatoria puxésese costa arriba. Estamos vivos e debemos ir gañar a Arzúa. Cunha vitoria por dous puntos é suficiente.

O peor: a falta de acerto ante os novos aros do Municipal de Bertamiráns. A pouco que incrementemos a porcentaxe de acerto aumentarán as nosas probabilidades de éxito no encontro de volta e a posibilidade de certificar o ascenso e o pase á final.

Ningún comentario:

Publicar un comentario