luns, 29 de abril de 2019

ORGULLO!

Tras a eliminación no último segundo a mans do Arzúa CAB na semifinal, tocaba resarcirse ante Compañía de María na final de consolación disputada o pasado sábado no pavillón Lorenzo da Torre, preludio da gran final que enfrontaría ao propio Arzúa CAB co ADB Fontiñas.

A contenda prevíase igualada. Non en balde, na tempada regular ambos equipos asinaron as súas respectivas vitorias en cancha contraria. Dúas escolas diferentes sobre a cancha: Compañía de María, cun maior ritmo de xogo e frescura nas súas pernas, mentres que o C.B. Ames o fíaba todo á súa contrastada experiencia e maior orde no xogo. O premio: conseguir a medalla de bronce e a satisfacción do deber cumprido.

Ambas escuadras presentáronse no pavillón santiagués coa práctica totalidade dos seus efectivos e con ganas de dar a última alegría aos seus incondicionais no peche deste curso baloncestístico.

Coas espadas en todo o alto comezaba o partido. Como se prevía, desde o inicio reinou a igualdade, co C.B. Ames castigando desde o triple (mandarina a taboleiro de Jorge incluída) e Compañía de María atopando o noso aro a base de eficaces penetracións a canastra. É de xustiza recoñecer as achegas neste cuarto tanto de Víctor no perímetro como de Eloy na pintura, incansables ao desalento e que sostiveron aos amienses ata levarnos este primeiro disputado primeiro parcial pola mínima (12 a 11). Dous grandes tanto fora como dentro da pista e un exemplo a seguir polos máis novos.




No segundo cuarto a tónica sería similar ao primeiro, coas defensas impoñéndose aos ataques e Compañía tentando, sen éxito, imprimir un ritmo de xogo que incomodase ao C.B. Ames. Pese ao acerto inicial dos colexiais desde o perímetro con dous triples consecutivos que lles permitían poñerse por diante no electrónico, o C.B. Ames non tiña a menor intención de deixarse dominar. Grazas ao acerto dos irmáns Beiro desde fóra, Manu na dirección e Quique na anotación, ao traballo de canteiría dos interiores Alberto e Linas e á clase de Víctor, nos últimos minutos deste parcial conseguimos impoñer o noso estilo de xogo e levarnos o cuarto por 16 a 13, o que situaba o electrónico nun igualado 28 a 24 ao noso favor que deixaba todo no aire a falta dos últimos vinte minutos da presente campaña.



No descanso, Gaby lembra aos xogadores os conceptos defensivos preparados ao longo desta semana e as nosas mellores opcións en ataque ante un equipo das características de Compañía de María. Tocaba poñerse o mono de traballo.

Mentalizados e determinados, saltamos á pista no terceiro cuarto coa clara intención de non dar opción ao noso rival. Baseados nunha defensa solidaria e negando a posibilidade de segundas opcións, Linas Baltusis desatou toda a súa furia lituana para encadear tres grandes accións ofensivas que nos permitiron superar a barreira psicolóxica dos dez puntos nos primeiros minutos.




Cun rival desconcertado e desancajado ante a nosa intensidade defensiva, o C.B. Ames cheirou o sangue e saltou á yugular dos colexiais. Triple de Jorge, dúas grandes accións de Dani (incluído un gancho desde a cadeira máis propio dunha época na que os millennials nin sequera eran un proxecto), e unha bomba estratosférica de Jota en honra á súa recentemente retirado paisano Juan Carlos Navarro esnaquizaban toda esperanza duns colexiais que apenas anotaron dúas canastras neste cuarto. Para máis inri, novamente os Beiro encargábanse de terminar de esmagar ao contrario con triplazo de Quique (o terceiro na súa conta particular) e dous entradones de Manu que deixaron un parcial de 22 a 4 e o partido practicamente terminado. Case podiamos tocar o bronce cos dedos.




Pero Compañía de María é un equipo disciplinado e que nunca dá un partido por perdido. Con practicamente todo o peixe vendido, e cun C.B. Ames sabedor de que a súa ampla renda no marcador permitíalle unha certa relaxación no seu xogo, os colexiais comezaron a anotar nos primeiros minutos, liderados polo seu tirador Iglesias (autor de catro triples) e polas penetracións de Regueira. Pero a vantaxe cultivada no terceiro cuarto era demasiado ampla como para deixar escapar o partido. Ataques longos, acerto no tiro libre e un último canastón de Quique (vaia partidazo o seu!) para certificar unha vitoria máis cómoda do inicialmente previsto (59 a 46) e facernos co terceiro posto na clasificación, deixando un gran sabor de boca en toda a parroquia amiense neste final de tempada.




Ao finalizar o encontro, ambos os equipos saudáronse e recoñecéronse mutuamente os méritos alcanzados durante a tempada, ante o sonoro aplauso de toda a parroquia que se congregou para ver os dous partidos desta bonita velada de baloncesto. Cabe destacar que na final o ADB Fontiñas alzouse co título á conta dun Arzúa CAB que aguantou o feroz ritmo dos santiagueses durante os primeiros vinte minutos. Ao final 70 a 52 e as nosas felicitacións ao campión por este merecido título, así como o noso recoñecemento a un Arzúa que, como campión da fase regular, realizou un sensacional torneo. Parabéns a todos.



Por parte del C.B. Ames interviñeron:

Jota (2), Quique (12), Jorge (6), Dani (4), Linas (8) - quinteto inicial - Víctor (5), Manu (10), Eloy (2), Alberto (8), Juan (2), Rober e Raúl.

O mellor: "la organización de Gaby en los entrenos, la sobriedad de Víctor, la visión de juego de Jaco, el liderazgo de Dani, la explosividad e intensidad de Manudona, la alegría en el juego de Quique, la rapidez de Diego, la rocosidad de Elo, la clase y la manita derecha de Jorge, la visión táctica de Juan, la magia y la locura de Alber, la manita izquierda de Linas, el afán de superación en cada entreno de Raúl, el orgullo de Rober y la maestría de Jota...juntos. Gran equipo." Non, non é un anuncio dun coñecido perfume de muller, son as sentidas palabras do gran Rober Playmaker que subscribimos desde este medio en todas e cada unha das súas letras. Non se pode dicir mellor.

O peor: que a tempada tocase ao seu fin. Inesquecible.

Non nos queriamos despedir sen agradecer á nosa afición, en especial a Lourdes, Manolo e a Carlos, por estar ao pé do canón xornada tras xornada; ao noso patrocinador Artros Fisioterapia e a Eva Brey por todo o seu apoio e, en xeral, a todas as nosas familias por soportarnos e permitir que nos dediquemos ao que máis nos gusta. Todos vós sodes parte deste equipo e o C.B. Ames non se entendería sen a xente que nos permite gozar deste deporte coa mesma ilusión campaña tras campaña.

GRAZAS!

Ningún comentario:

Publicar un comentario