xoves, 4 de abril de 2019

Pensando nos playoffs...

Coa clasificación xa no peto, o pasado domingo disputamos a última xornada da tempada regular, o que nos levou ata o Municipal de Vedra para enfrontarnos ao sempre rochoso e aguerrido conxunto do Basket Ribadulla B. Tempo para probas e minutos para os menos habituais, pensando máis na propia semifinal que no partido que nos ocupaba.

Preparados para o último partido da fase regular, con Manolo Porto exercendo como artista gráfico

E a verdade é que tardamos en meternos en faena. Ataques espesos e faltos de acerto sumados a unha falta de ritmo que denotaban unha ausencia de intensidade a ambos os dous lados da cancha que, de manterse, condenaríannos á derrota. Menos mal que os locais non souberon aproveitarse das nosas múltiples carencias para poñer terra polo medio. Tres canastras en xogo en dez minutos falan ás claras das nosas prestacións ao longo deste parcial. A pesar de todo, 11 a 6 e a espabilarse.






Pero o segundo cuarto ía ser outro cantar. Coma se tomariamos un chupito de adrenalina xeral, comezamos a ver o aro rival con abraiante claridade. Liderados por un Linas Baltusis que vai a máis sempre que pasan as xornadas, un Quique cheo de confianza e descaro e, sobre todo, ese estraño elemento chamado Alberto, capaz de reaparecer tras unha serie de partidos de baixa rompendo todos os moldes e producindo en todas as facetas do xogo, en pouco máis de catro minutos deramos a volta ao marcador, ante un conxunto local no que soamente o seu center Raúl Tacón parecía manter o tipo. Parcial de 7 a 19 e 18 a 25 no electrónico ao descanso que parecía poñer as cousas no seu sitio.



Tempo para o descanso, que o propio Alberto, quizá impresionado pola súa estelar actuación, aproveitou para relaxarse e gozar do resto do encontro mentres capeaba un sobrevindo mareo que lle afastaría da pista de forma definitiva. Todo quedou nun pequeno susto para a parroquia amiense e para o bravo xogador de Muros que, segundo as súas propias palabras, "xa está para outra".

O partido renovouse onde o deixabamos, con Quique especialmente activo e acertado e con Linas facendo moito dano na pintura. Ao tran-trán seguimos facendo o noso traballo para escaparnos e chegar ata os dez puntos de diferenza (30 a 40) a falta de dez minutos por disputarse. Parecía todo controlado.






En parte debido á nosa excesiva relaxación e, doutra banda, a que os locais son un conxunto curtido en mil batallas e nunca dan un partido por perdido, a nosa situación aos poucos deixaba de ser todo o privilexiada que nos gustaría. Paulatinamente, os de Ribadulla íanse achegando no marcador liderados por Quintela e apoiados no seu acerto desde o tiro libre mentres que, polo noso lado, tan só Dani, o gran capitán, parecía ter respostas ante ofensiva local. Co partido practicamente igualado, os colexiados sinalan unha falta antideportiva a Raúl quen, endemoñado, sublevouse en exceso opositando a unha falta técnica que o colexiado non dubidou en sinalar, co que deu cos seus osos no banco previa patada a unha das porterías. Viríanos ben fichar a un exorcista para este tipo de casos...

¡Ego te expulso!

Co partido igualado, o ata ese momento desaparecido Jorge decide axustar o seu punto de mira e cun triple certeiro e a transformación de dous tiros libres parecía decantar a balanza a favor dos nosos intereses. O último punto de Jacobo afastaba aos locais a catro puntos a falta dunha posesión, pero o base local, buscando o 3 + 1 que mandase o partido á prórroga, transformou un inverosímil lanzamento rozando a liña de tres, aínda que finalmente o árbitro concedeu xustamente os dous puntos. Non había tempo para máis. 12.ª vitoria para a saca e a pensar en Arzúa.





Por parte do C.B. Ames interviñeron: Jota, Víctor, Jorge (5), Jacobo (3) e Eloy - quinteto inicial - Dani (8), Quique (13), Diego (5), Alberto (6), Linas (13), Raúl (2) e Rober.

Respecto e recoñecemento entre ambos equipos

O mellor: 12 vitorias por 6 derrotas e a semifinais. Gran tempada e obxectivo cumprido. Agora queremos máis. 

O peor: o que lle espera a Arzúa. Imos Ames!

Ningún comentario:

Publicar un comentario