martes, 5 de novembro de 2019

Vitoria balsámica

Tras a derrota da semana pasada na pista do Infor-Santiago, tocaba redimirse e recuperar sensacións. A ocasión pintábana calva ante un, a priori, propicio rival para coser feridas como o Tecven Padrón, un equipo que tras o seu descenso do grupo A de a 3ª división masculina fai dúas campañas parece non atopar o rumbo. As ausencias de Eloy, Rober, Dani e Alberto por problemas físicos de diferente consideración non podía ser escusa para levantar o voo e retomar a senda da vitoria.

Co asubío inicial rapidamente púidose comprobar que o obxectivo en ataque sería dar velocidade á circulación de balón e bombardear a previsible e estática zona 2-3 proposta polo conxunto visitante, á vez que deberiamos gorecer o noso apartado reboteador para non incorrer en erros pasados. Despois duns primeiros compases marcados polo acerto de Linas na pintura e as présas dun Jorge que pretendía finiquitar o partido en dous minutos, o que lle levou a un certo estado de desesperación inicial, Gaby decidiu substituír de forma prematura ao novo aleiro amiense para dar entrada a un inspiradísimo Raúl que, ao cabo, converteríase no MVP do partido. Baixo a batuta dunha acertado Jota, a claridade e o dominio tanto de Linas como de Juan, e o acerto anotador do citado Raúl desde todos os sectores, o noso despegamento facíase realidade mentres os visitantes, impotentes, non acertaban co noso aro. A feixes, quenda para os homes de refresco que mantiveron ou, mesmo, incrementaron a nosa intensidade para converter este cuarto nunha auténtica carnicería e deixar ao rival sen anotar ao termo dos dez primeiros minutos de xogo, algo inaudito en toda a nosa historia e que este cronista afeccionado non lembra nas súas máis de tres décadas como practicante e apaixonado do mundo da canastra. O 26 a 0 de parcial descríbese por si mesmo.






Co parcial aberto e sen noticias do rival, continuaba a sangría. Triplazo de Manu e unha boa canastra en semigancho de Jorge tras asistencia de Víctor antes de que o aleiro visitante Lorenzo conseguise, desde máis aló da liña de 6,75, cortar a hemorraxia e pechar un parcial de 31 a 0 que non ten precedente algún na historia do noso club.

Un parcial de 31 a 0 para a historia!

Despois do frenesí local, un par de minutos de relaxación motivaron a única resposta dos visitantes en todo o encontro, endosando un parcial de 0 a 8 que Coach G apresurouse en finiquitar solicitando o seu primeiro tempo morto ao obxecto de devolver a orde á pista. Dúas meritorias accións consecutivas de Víctor e o primeiro triple de Jorge reinstauraban o devir natural da contenda, mentres que a nosa defensa volvía denegar calquera tentativa de acerto por parte dos visitantes. Sen a virulencia do cuarto anterior, o C.B. Ames facía o seu traballo para impoñerse neste parcial por 19 a 12 e deixar o electrónico en 45 a 12. Visto para sentenza.



O terceiro cuarto pareceuse máis ao primeiro que ao segundo. Sendos triples de Jorge e de Diego para comezar, un pseudomate a dúas mans de Juan tras roubo de balón que levantou ao público dos seus asentos, un 2 + 1 de Alberto nunha penetración chea de forza e a reconciliación de Manu co tiro libre ("peineta" ao seu irmán incluída) foron algunhas das accións máis destacadas por parte dun C.B. Ames que tan só concedeu dúas canastras en xogo ante un rival que se atopaba máis perdido que o mismísimo Falete nun ximnasio. Novo parcial abafador de 23 a 5 ao noso favor, o que implicaba un avultado 68 a 17 a falta de dez minutos por disputarse.




E para terminar, exhibición de Raúl. O novo aleiro amiense, nun claro intento de emulación da gran semana de Luca Doncic, tirou de repertorio para anotar 9 puntos de forma consecutiva baixo todos os formatos imaxinables, rubricando un partido memorable. A esta actuación estelar deron continuidade dous triples dun Jorge que volvía atoparse a si mesmo e dúas accións de mérito desa máquina apisionadora chamada Manu, con toda seguridade, o mellor base da categoría. Os padroneses facía tempo que se querían ir á súa casa e esquecer o vivido canto antes...






Parcial final de 21 a 4 para sumar un resultado global histórico de 89 a 21. Os 68 puntos de vantaxe constitúen un novo récord na nosa franquicia, superando o 82 a 28 obtido fai dúas campañas ante o Nucamsa Bastedeza B. Todo un bálsamo para afrontar os próximos choques.

A continuación, ofrecémosvos a estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

O mellor: a recuperación do equipo tras a dura derrota da semana pasada e o vendaval ofensivo mostrado ao longo dos corenta minutos de xogo.

O peor: a fraxilidade dun Tecven Padrón en horas baixas.

2 comentarios:

  1. Os dije que más Pick and Roll pero os habeis pasado con esa buena gente. Los de la batuta dirigieron un Rock and Roll de lo más duro.Próxima táctica:4+palomero.

    ResponderEliminar
  2. Muchas gracias por un consejo táctico que será convenientemente trasladado a nuestro cuadro técnico. Un sistema totalmente revolucionario propio de un visionario de la canasta. Un abrazo y gracias por el comentario

    ResponderEliminar