luns, 28 de outubro de 2019

Aprendamos da derrota

Cuarta xornada da tempada regular do grupo B correspondente ao senior masculino santiagués. Nesta ocasión, o noso rival foi un equipo de nova creación, o Infor-Santiago, aínda que con xogadores experimentados e moi coñecidos no panorama baloncestístico local. Se a iso sumámoslle que o encontro estaba programado para celebrarse no pavillón Lorenzo da Torre, unha instalación que tradicionalmente non se nos dá demasiado ben, e a pesar de a nosa condición de líder, non as tiñamos todas connosco. 

Ás consabidas baixas de Dani e Alberto (aínda que este último si que se incorporou á fase de quecemento, o cual constitúe unha das mellores noticias da xornada), sumáronse as de Rober, por lesión no último adestramento, e a de Manu, polo que tan só Jota entraba na convocatoria como base puro. Con estas vimbias a situación requiría estar coas orellas tesas.

Aínda que ao comezo do partido dous triples consecutivos dun mermado Jorge mantíñannos á flote,  pronto o Infor-Santiago impuxo o ritmo de partido máis adecuado para os seus intereses, blindando a zona a ambos lados da cancha. De maneira paulatina, os locais ían adquirindo as primeiras rendas favorables á conta dun C.B. Ames que facía augas en defensa e, sobre todo, no rebote. Gaby tentou reverter a deríva inicial dando entrada a xogadores de refresco como Alberto Jr., Diego, Raúl e Jacobo coa clara intención de cambiar o ritmo de partido, pero os locais, ben pechados en defensa e co rebote como arma sobre a que sustentar o seu xogo, non o permitían. Ao final do cuarto o 21 a 14 en contra era, contrariamente ao que se podía pensar antes do inicio do partido, a mellor noticia polo visto sobre a pista nos dez primeiros minutos de xogo. 

Momento de apretar os dentes para non irnos do partido. Cunha mellor actitude en defensa, nos cinco primeiros minutos de xogo e liderados pola velocidade de Alberto Jr. e Diego conseguimos endosar un parcial de 0 a 9 que nos permitía voltear o marcador e retornar ao encontro (21 a 23, min. 15). Pero, cando mellor estabamos en defensa, volvemos atascar en ataque e eso deulle vida a un conxunto local que pouco ou nada tiña que ver co do primeiro cuarto, insuflándolle un pouco de aire que lle permitiu chegar ao descanso cunha vantaxe favorable de tres puntos tras anotar un triple sobre a bucina (28 a 25). Coas espadas en todo o alto, poderíase adiviñar que este partido levaríao a escuadra que mellor soubese interpretar este partido de "pico e pa".

E, novamente, o curtocircuíto. A canastra de Jorge froito da súa depurada técnica individual, un tiro libre de Alberto Jr e un costa a costa de Jota foi toda a nosa produción ofensiva nos cinco primeiros minutos ante un rival que, a pesar de que tampouco estaba para tirar foguetes, si que sabía manexar mellor o tempo do encontro e aproveitar a súa superioridade na pintura para dispoñer de segundas oportunidades que lle permitían ben anotar directamente tras rebote ofensivo ou ben ir á liña de tiro libre (35 a 30, min. 25). E a segunda metade deste parcial non ía ser mellor, con ambos os equipos absolutamente negados de fronte ao aro contrario aínda que os locais ían desangrando pinga a pinga as nosas aspiracións de vitoria pola continua sinalización de faltas persoais na nosa contra (ata dez neste cuarto), e que lles permitían devolvernos o 11 a 7 anterior e manter a iniciativa (39 a 32) a falta de dez minutos por disputarse.

E é que sete puntos de vantaxe neste pavillón pode ser un mundo para nos. Máis atrancados que as arterias de Quique San Francisco, e cos xogadores de perímetro coa pólvora mollada, en ningún momento tivemos fe na remontada. Para maior abundamiento na nosa crise de xogo, as expulsións por faltas de Alberto e dun Juan ao que este pavillón faille o mesmo efecto que a kriptonita a Superman terminaron por fulminar as nosas aspiracións fronte a un conxunto santiagués que demostrou un maior oficio na fase decisiva do choque. Ao final 50 a 39 e esta semana toca visitar o recuncho do pensar.

A continuación ofrecémosvos a estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:


(Pincha na imaxe para ampliar)

O mellor: a incorporación de Alberto ao quecemento e á dinámica do grupo.

O peor: a inoperancia en ataque e o desequilibrio no rebote, aspectos determinantes en partidos deste estilo, a ritmo lento, que nos/nos condenaron definitivamente á derrota. Non xogamos a nada. Esta semana toca aprender dos erros para que non se volvan a producir.

E como non somos nin Real Madrid TV nin Barça TV, nós si que publicamos as derrotas do C.B. Ames, previa advertencia aos nosos seguidores que este partido pode ferir a súa sensibilidade. Recomendado especialmente en caso de insomnio:



E, coma sempre, recordarvos que podes seguir este e outros partidos do teu clube favorito na nosa canle de YouTube.



1 comentario:

  1. Ánimo, que perdiendo de aprende.Desde ahora más Pick & Roll!!!

    ResponderEliminar