martes, 8 de outubro de 2019

Un bo comezo

E chegou a hora da verdade. O pasado domingo 7 de outubro abrimos a competición contra o experimentado conxunto do C.B. San Mauro, un rival que supoñía unha boa pedra de toque para comprobar as nosas prestacións reais en competición oficial. Ás baixas de Alberto e de Víctor houbo que sumarlle a de Dani a última hora, xogador que foi substituído polo lituano Linas Baltusis, co que nos presentamos ao choque co máximo de 12 xogadores permitidos, mentres que os visitantes compadecían cun total de 7 efectivos, superioridade que debiamos facer valer para levarnos a primeira vitoria desta campaña.

Volve o basket de calidade a Bertamiráns

Tras uns primeiros instantes de tanteo, os de Vilanova de Arousa abriron as hostilidades cun primeiro triple que, ao cabo, sería o único momento no que levarían a iniciativa no electrónico do coliseo amiense. De forma case inmediata, e mantendo a tónica da pasada campaña, os nosos francotiradores Quique e Jorge recollían a luva que supoñía a zona 2-3 dos visitantes en forma de invitación ao triple, transformando dous lanzamentos cada un que motivaron un primeiro tirón no marcador (12 a 5). Pero os visitantes, aínda coas pernas frescas, non o querían poñer tan fácil e reaccionaron grazas, en gran parte, á nosa indolencia defensiva, permitindo unha serie de puntos fáciles que reduciron a distancia a tan só dous puntos. Cos primeiros cambios chegou a claridade ofensiva. Baixo a batuta de Rober, e co debutante Alberto Rodríguez facendo moito dano a ambos lados da cancha, conseguimos poñer de novo terra polo medio para finalizar o primeiro parcial cun resultado favorable de 22 a 14.






Para o segundo cuarto o obxectivo era romper o partido e evitar caer no espeso ritmo de xogo visitante, pero sen volvernos tolos. Sen présa pero sen pausa, e grazas á eficacia de Linas en pintura e a velocidade de Alberto, conseguimos aumentar a diferenza de forma paulatina ante un equipo no que o cansanzo comezaba a facer efecto. Conscientes de que o rival estaba grogui, Gaby decidiu meter en pista unha marcha máis dando entrada a Manu e a Diego. Xaque mate. Dous triples consecutivos do explosivo escolta amiense e un alley-oop en posición inverosímil tras asistencia de Eloy catapultaban aos locais no marcador para conseguir un marcador parcial de 25 a 8 neste cuarto e dinamitar calquera indicio de esperanza do mermado conxunto visitante. A renda de 25 puntos ao descanso (47 a 22) presumíase o suficientemente avultada como para non pasar apuros nos vinte minutos restantes.




Tras a continuación saímos algo adormecidos, sobre todo en tarefas defensivas, cuestión que o C.B. San Mauro aproveitou para recortar as diferenzas no marcador (45 a 31, minuto 24). Pero dúas boas accións ofensivas protagonizadas por Raúl e o acerto de Linas en ambos lados da cancha deron ao traste con calquera indicio de recuperación dun cada vez máis esgotado equipo visitante, que aínda así se levaría este intranscendente terceiro parcial por 11 a 16. Cun claro 56 a 38 e co vento a favor, momento de rematar a tarefa e agradar á nosa afección.



O partido ía terminar como comezou, con Jorge e Quique convertendo sendos triples por cabeza e coa dupla interior Juan/Eloy (14 rebotes/6 asistencias e 11 rebotes/5 asistencias) culminando a súa gran actuación cun no look pass do segundo para o primeiro que puxo en pé aos nosos incondicionais. Un C.B. San Mauro máis esgotado que o veterinario dos 101 dálmatas caludicara facía tempo e tan só Rodríguez, máximo anotador do partido con 30 puntos, salvaba os mobles. Ao final, 81 a 54 e un partido máis plácido do que cabía esperar.





Parciais: 22-14 / 25-8 / 11-16 / 23-16

Estatística completa do partido:


(Pincha na imaxe para ampliar)

O mellor: o bo partido en ataque en liñas xerais e o control do rebote por parte dos nosos pivotes, ademais de impoñer o noso propio ritmo de xogo ante un rival perigoso que non ofreceu a súa mellor versión. Aínda que resulta reconfortante, a primeira posición na clasificación resulta anecdótica a estas alturas...

O peor: a indolencia defensiva durante diversas fases do encontro. Temos que mellorar moito nesta faceta se queremos ser realmente competitivos ante os rivais que están por vir. Con todo, temos tempo, recursos e xogadores para facelo e interiorizar os automatismos requiridos polo adestrador. A tempada acaba de comezar e a marxe de mellora é moi amplo.

Coma sempre, grazas aos nosos incondicionais!

1 comentario: