mércores, 16 de outubro de 2019

Dous de dous, un de nove e correndo pra casa que chove

(Por Quique Roncero)


Segunda xornada ligueira e ao conxunto amiense tocáballe realizar o seu primeiro desprazamento lonxe de casa. Concretamente, á localidade costeira de Boiro, onde o C. B. Santa Baia esperaba con ansias apuntarse a segunda vitoria tras impoñerse a pasada semana en Rianxo por 49 a 60. O C.B. Ames compadecía pola súa banda, con tan só 10 efectivos, tras contar ata con 5 baixas nas súas filas. O día: sábado. A hora: 8 da tarde. Horario por tanto de “prime time” para gozar dun, a priori, vibrante encontro de baloncesto.



Comezaba por tanto o partido cunha máis que aceptable afluencia de público nas bancadas e un C.B. Ames cuxo xogo non se fixo esperar. Liderados pola dobre J, primeiro Juan e logo Jorge, tomábanse as primeiras vantaxes no luminoso. Só a intensidade local impediu que o resultado fose máis avultado á conclusión dos primeiros 10 minutos, cun 6-17 que decantaba a balanza ao noso favor. Cabe destacar neste período, o triplazo sobre a bucina de Diego, especialista neste tipo de situacións.





O segundo cuarto iniciábase de maneira idéntica, cunha superioridade visitante que permitía seguir aumentando a renda. A entrada de Manu en pista supuxo un calvario para os rivais, con intensas defensas dun lado e ata catro 2 + 1 do outro. Aínda que para calvario, o seu persoal desde a liña de tiro libre cun único acerto de 9 intentos. Polo demais, Juan seguía ao seu, con 6 puntos case consecutivos e outros tantos rebotes. Este cuarto tamén serviu para que Rober recibise o primeiro dos avisos por parte do dorsal 79, que xa estaba a quentar para o seu “número final”. Daba por concluída a primeira metade cun tenteo de 15 a 36 e ambos os equipos poñían rumbo a vestiarios.




Na continuación do xogo, puidemos ver quizais os minutos máis caóticos do C.B. Ames, que, contaxiados pola dinámica do partido, non fixeron máis que perder balóns en accións consecutivas. O intento errado de alley-oop de Quique a Diego (a saber que pasa debaixo dese flequillo!) foi xa a pinga que colmou a paciencia de Gaby, que se apresurou a pedir tempo morto. Tras este breve lapsus, as cousas volveron ao seu leito e o cadro amiense volveu tomar a iniciativa no xogo, cun Linas dominante na pintura e un Diego acertado desde a liña de tres. Ao finalizar este terceiro período o marcador reflectía un claro 25-54.





Os últimos dez minutos non tiveron maior historia. O máis destacado, os 2 triples consecutivos dun Jorge menos inspirado que outras veces e o primeiro acerto desde a liña de persoal de Manu, que facía fregarse os ollos ao seu irmán e espertar os sorrisos dos alí presentes. Os últimos instantes non serviron máis que para ver a frustración rival, por medio do xa antes mencionado número 72. Nesta ocasión, tentou emular ao rochoso centrocampista danés do Real Madrid dos galácticos, Thomas Gravesen, e xeonllo a terra executou á perfección unha “gravesinha” que fixo tremer os ligamentos e tendóns do noso Rober. Este pola súa banda, mostrou unha calma propia da súa madurez, aínda que en palabras do propio afectado: “distinta sería a historia de producirse 15 ou 20 anos antes”. A acción saldouse, sen máis incidencia, cunha expulsión.  Deste xeito, chegouse ao final do encontro cun resultado de 34-78.



Por parte do C.B. Ames interviñeron:

Eloy (2), Jorge (13), Juan (17), Quique (5) e Rober (1) – quinteto inicial – Alberto Jr (5), Manu (13), Diego (8), Linas (10) e Raúl (4)

O mellor: A continuación da boa liña mostrada no partido anterior, especialmente na faceta ofensiva.

O peor: Pequenos aspectos que poderían ser mellorables, como algún que outro baixón no xogo, ou escaso acerto desde a liña de 3 e de persoal. Pero en xeral, pouco pódeselle reprochar a este equipo.

En definitiva, unha vitoria que nos mantén invictos e arriba na clasificación, se non líderes, e que nos carga aínda máis as pilas para seguir traballando. O domingo que vén, toca recibir na nosa casa ao C.B. Noia, que xa saldou con vitoria a súa visita a Bertamiráns a tempada pasada.

Unha vez feitos os deberes, a pensar en Noia
A por eles equipo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario