martes, 1 de outubro de 2019

Comeza a competición

Xa co plantel pechado e, fóra do lesionado Alberto, con todos os xogadores dispoñibles, o C.B. Ames empeza a súa andaina na competición oficial o vindeiro domingo 6 de outubro ás 17.00 recibindo ao recentemente descendido San Mauro no municipal de Bertamiráns.

O conxunto de Vilanova de Arousa cultivou un total de 5 vitorias nos 22 partidos correspondentes á tempada pasada no grupo A de a terceira división, quedándose a unha soa vitoria da permanencia. Podería pensarse que, globalmente, a súa bagaxe non foi nin moito menos positiva, pero se temos en conta a diferenza de nivel existente entre os dous grupos que conforman a 3ª división masculina e que o outro descendido, o XL Milladoiro, non conseguiu gañar un só partido a pasada campaña, non debemos confiarnos en ningún momento.

Un conxunto duro para empezar e que esixirá o mellor de todos e cada un dos integrantes do C.B. Ames durante os corenta minutos de xogo, polo que deberemos manter a cabeza fría en todo momento e tentar impoñer o noso ritmo a ambos lados da cancha, apoiarnos nunha maior profundidade de banco e, sobre todo, non caer nas trampas que a a bo seguro estarán a preparar os experimentados xogadores vilanoveses. O éxito ou o fracaso nos nosos obxectivos dependerá, en gran medida, da nosa fortaleza en casa.

En calquera caso, estamos ante un partido que, debido ás súas múltiples variables, presenta un prognóstico incerto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario