mércores, 23 de outubro de 2019

Vento en popa a toda vela

"Con diez cañones por banda, 
viento en popa a toda vela, 
no corta el mar, sino vuela, 
un velero bergantín"

Sirva a referencia ao gran José de Espronceda e á súa mítica "Canción do Pirata" para comezar esta crónica. 

O terceiro acto da liga regular enfrontaba a un invicto C.B. Ames contra un dos equipos chamados a ocupar a parte nobre da táboa, O Furancho do Floro C.B. Noia, que acudía ao municipal de Bertamiráns necesitado de vitorias tras a súa primeira, e posiblemente inesperada, derrota en casa ante outro dos equipos da comarca, o A.D. Básquet Ames, pero esporeado polos máis de cen puntos anotados contra Rianxo. Pola súa banda, o C.B. Ames presentábase á contenda sen tres das súas referencias interiores: Dani, Alberto e Jacobo. Un gran hándicap tendo en conta do consabido potencial no xogo interior por parte dos visitantes.

Saltaron os noieses á pista decididos a pola vitoria e, tras uns primeiros compases de igualdade, tentaron poñer terra polo medio grazas en gran parte ao acerto do seu xogador mais destacado no perímetro, Silva, que con tres triples sen fallo neste cuarto tentou catapultar aos visitantes no marcador. Ante a saída en tromba visitante, o C.B. Ames capeaba o temporal como boamente podía buscando penetracións e lanzamentos desde a curta distancia que, como premio menor, permitíanos ir á liña de tiros libres cunha frecuencia inusitada. Un mellorable 9 de 16 sustentaba a nosa resposta ofensiva sempre que as dificultades en defensa para frear as arremetidas do rival eran manifestas. Ao final dos dez primeiros minutos o luminoso reflectía un 21 a 25 que, á vista do acontecido sobre a cancha, podería considerarse como un mal menor.




O inicio do segundo cuarto resultaba esperanzador. Intercambio inicial de canastras sempre ao noso favor nuns primeiros instantes nos que, tras un gran roubo de balón de Jorge e posterior bandexa a man cambiada, permitían darlle a volta ao marcador por primeira vez en en encontro (29 a 28 minuto 12). Pero o C.B. Noia non o ía a poñer fácil. Apoiados na súa superioridade no rebote e con velocidade conseguía espir a nosa transición defensiva para, paso a paso, volver incrementar a diferenza. Negados no tiro exterior, tan só conseguiamos atopar o camiño do aro contrario desde posicións próximas, destacando un par de accións de Manu e Linas que resultaban insuficientes para evitar a nosa derrota ao descanso por 35 a 42. Nada que ver cos dous encontros precedentes. 





Conscientes de que a empresa non sería nada fácil e de que a chave do partido pasaba por, primeiro, aumentar as nosas prestacións defensivas, segundo, por asegurar o rebote e, terceiro, por incrementar o acerto desde o perímetro, saltamos á cancha decididos a pola remontada. Pero nada máis lonxe da realidade. Un parcial de 0 a 6 poñía de manifesto a nosa inoperancia ofensiva durante os primeiros catro minutos do terceiro episodio, momento no cual o C.B. Noia adquiría a súa maior renda no marcador (35 a 48). A nave naufragaba e alguén tiña que volver atopar o rumbo. Tempo morto e Gaby outorga galóns a Manu nun claro intento por dar o golpe de temón. A pesar de que o base amiense non pasa por un idilio na súa relación co tiro libre, as súas condicións físicas e a súa determinación sempre supoñen un quebradero de cabeza para os rivais. Vertical como poucos, Manu entendeu perfectamente o que necesitaba o equipo, primeiro asumindo a responsabilidade ofensiva e despois, tras o cambio táctico proposto desde o banco que situaba a Jorge como 4, balóns interiores para que o improvisado pivote local presentase un anticipo do que estaba por vir, con tres canastras case consecutivas ao poste baixo e un "dentro-fora" para que sempre eficaz Juan anotase desde máis aló da liña de tres puntos. Ademais, botaramos o cadeado sobre a nosa canastra, marxinando a un C.B. Noia que por primeira vez no partido parecía non ofrecer resposta. Como colofón a esta segunda metade de catro, unha entrada de Manu fíxonos lembrar á ribeireña Ana Peleteiro, penetrando na zona local coma se dun foso de tripe salto tratarse se para culminar a remontada sobre a bucina e igualar o marcador a falta dun só cuarto por disputarse.





Tocaba arrebato no coliseo amiense. Momento para os valentes. Na nosa primeira posesión, o triplazo de Diego non facía senón presaxiar o vendaval que estaba por vir. Os visitantes daban a réplica a través do seu pivote Romero, quen sacaba petróleo en cada ataque debaixo do noso aro. A falta de cinco minutos para o final o noso francotirador Jorge, ata ese momento coa pólvora mollada (0 de 6 en triplos) decidiu cambiar o seu fusil por un canón, propoñéndose esnaquizar o aro visitante a bolazos. PIM! PAM! PUM! e outro PUM! para asinar catro triples de forma consecutiva noutros tantos minutos que acabaron por rebentar a resistencia dos de Noia. Coas velas totalmente despregadas e o vento a favor, o bergantín amiense poñía rumbo á vitoria mentres o navío noiés naufragaba tras os certeiros mandobres locais. Manu, Alberto e Eloy encargábanse de certificar a nosa vitoria definitiva por 77 a 67 e asegurar a permanencia, por terceira semana consecutiva, no alto da clasificación. 








Deportividade absoluta ao longo dos 40 minutos de xogo

O mellor: o saberse sobrepoñer a un partido que se puxo moi costa arriba no terceiro cuarto e manter a nosa serie de vitorias. Este ano apuntamos alto. Mención aparte para a nosa inquebrantable fe na vitoria.

O peor: o desequilibrio entre o ataque e a defensa en diferentes fases do xogo. Debemos ser máis constantes porque non sempre imos ter a xogadores en estado de graza que nos saquen as castañas de lume.

E, como é costume nos partidos que actuamos como locais, pechamos esta crónica coa estatística completa:

(Fai clic para ampliar)



Ningún comentario:

Publicar un comentario