21/03/19

Curtocircuito

Partido pola loita para os playoffs. O pasado domingo C.B. Ames medía as súas forzas contra o equipo máis en forma a estas alturas da competición: o ADB Fontiñas. A pesar da nosa condición de local, o encontro tivo que celebrarse no pavillón de O Milladoiro debido á rotura dun dos aros do pavillón de Bertamiráns, hai máis de dúas semanas, e a incapacidade do concello de Ames para dar solución a un problema que, a día de hoxe, segue sen solución.

Ás anunciadas baixas de Jota e Juan sumouse a de última hora de Eloy, indisposto. Terceiro e cuarto clasificado cun mesmo obxectivo: certificar o seu pase á fase final.

Primeiros instantes do partido de alta intensidade. Un triple de Manu e dúas boas accións ao poste de Jorge permiten ao C.B. Ames coller a iniciativa no marcador ante un rival que propoñía un elevado ritmo de xogo. Pero tras pouco máis de tres minutos prodúcese unha das accións que ían determinar a nosa sorte no partido: a lesión de Manu (escordadura de nocello), o que, de facto, supuxo a eliminación do noso xogador máis solvente á hora de conducir o ataque e superar a férrea presión a toda cancha proposta polos visitantes. 

En primeira instancia soubemos sobrepoñernos a este contratempo, e grazas ao mantemento da orde ofensiva, con dúas boas accións interiores de Linas e un gran triple de Quique, puxémonos cun 14 a 10 favorable a falta de catro minutos para o termo do primeiro parcial.


Pero a partir dese momento fúndensenos os chumbos. Demasiadas facilidades no rebote, permitindo segundas e terceiras opcións a un rival que non as desaproveitaba, perdas de balón froito da presión e da impaciencia e unha prematura cuarta falta de Rober que limitaba as nosas opcións á hora de saír da presión, xa con Manu descartado para o que restaba de partido. Aos poucos, as tornas foron cambiando e o partido estaba onde os santiagueses querían. Demasiado pronto. Todo esto traduciuse nun 16 a 22 a favor dos visitantes e a sensación de estar no seu terreo.



Esta sensación acabou por converterse nun feito no segundo cuarto. A primeira canastra de Dani desde o seu acostumado lateral non foi máis que o espellismo do que se aveciñaba. Cada balón perdido era castigado con rápidos contraataques e a nosa debilidade no rebote facilitaba as cousas a un equipo visitante que nos superaba amplamente en intensidade. Só un costa a costa de Quique, cheo de garra, e un triple de Jorge mantíñannos con vida (23 a 28 a falta de catro minutos). Pero a dinámica distaba moito de ser a mellor, e un par de lapsus na saída de presión transformáronse en canastras rápidas, o que sumado ao acerto desde o tiro libre dos visitantes provocou que se fosen ao descanso cunha vantaxe de 11 puntos no marcador (26 a 37) aínda que, visto o visto, podía ser moito peor cun C.B. Ames en estado de coma.




No descanso, Alberto comunica a Gaby que non pode continuar debido ás súas fortes dores de costas. Outro baluarte para a neveira.

Pero cando a túa primeira canastra en xogo prodúcese no último minuto do cuarto, perdes balóns a puntapala e non colles un rebote nin querendo o normal é que ata unha selección do IMSERSO páseche por encima. E menos mal que Fontiñas non estivo acertado en ataque. Superados e exasperados, o terceiro cuarto terminou cun 32 a 47 que, á vista do sucedido, antollábase como irremontable. Aínda por riba o autor da nosa única canastra en xogo, Dani, viuse obrigado a despedirse da cancha tras a devandita acción afectado de falta de sensibilidade na súa zurda. A enfermería estaba a encherse.





O que noutras ocasións foi loita, orgullo e pelexa en pos da épica non se viu por ningún lado. Coa épica de vacacións e un rival moi a gusto sobre o municipal amiense a pesar de non facer nada doutro mundo, o último cuarto resultou ser un mero trámite, polo que decidimos languidecer ata o 41 a 56 final. O que toca agora é esquecerse deste partido canto antes e recuperar lesionados.





A continuación, a estatística completa do partido (a falta dos últimos catro minutos, por problemas na "produción"). Para chorar:

Xugador
T1
T2
T3
PUNTOS
RD
RO
REBOTES
BR
BP
ASIST
Víctor

0/1

0
1

1
2
0
0
Jacobo

1/2

2
3

3
1
1
0
Dani
0/1
3/6

6
1
2
3
0
0
0
Manu

0/1
1/1
3


0
0
0
0
Quique
2/2
1/2
1/2
7
6
2
8
3
5
1
Diego
1/4
1/5
0/2
3
4
1
5
2
7
1
Eloy










Jorge

3/5
1/8
9
3

3
0
4
2
Alberto
1/2
0/3

1

2
2
0
0
0
Linas
2/4
3/6

8
3
2
5
1
1
0
Rober



0
3
1
4
0
7
1
Juan










Raúl

1/2

2
1

1
0
1
0
Jota





















TOTAL
6/13
13/33
3/13
41
25
10
35
9
26
5

O mellor: nada.

O peor: todo.





13/03/19

De tolos

Sobre o papel, a partido estrela da 15.ª xornada da fase regular era o que nos enfrontaba ao líder da clasificación: o Arzúa CAB. E así foi. Coincidindo coa súa famosa Festa do Queixo, o Municipal de O Cruceiro presentaba un magnífico ambiente cunha afición que pretendía levar aos seus polo aire cara á vitoria. Do noso lado, os irredutibles Manolo e Lourdes, ataviados con sendas bufandas e os pulmóns cheos de aire, non estaban dispostos a deixarse intimidar pola buliciosa inchada local. 

O partido daba comezo unha hora máis tarde do planeado debido ao anunciado atraso dos colexiados. Tras un maratoniano quecemento, comeza o encontro cos dous contendentes dispostos a ofrecer o mellor de si mesmos sobre a cancha. O C.B. Ames golpea primeiro, apoiados nun gran traballo dun Linas Baltusis que vai a máis conforme avanza a tempada e, apontoado polos triplos de Quique, Jota e Manu, alcanzamos as primeiras diferenzas no marcador debido, en gran parte, á nosa boa porcentaxe no tiro exterior. 




Pero os locais non o ían a poñer tan fácil e permitir unha escapada como a do partido de ida. Cunha soberbia defensa sobre Jorge, facíase difícil manter o acerto dos primeiros minutos e, aos poucos, a nosa vantaxe diluíuse cuan sobre de azucre. Pero Raúl, botándose o equipo ás costas, fixo valer a súa depurada técnica individual para castigar en dúas ocasións consecutivas o aro rival e certificar unha vitoria parcial por tres puntos de diferenza (15 a 18).


O segundo cuarto comezaba cun novo tirón dun C.B. Ames que, grazas ao acerto de Raúl, Rober e Linas e un gran traballo colectivo en defensa, estableceu un parcial de 0 a 7 adquirindo unha renda favorable de 10 puntos no marcador (15 a 25). O vento parecía soprar de fronte, pero nada máis lonxe da realidade. Nese momento fúndensenos os chumbos e o que ata o de agora era superioridade pronto se tornou en inferioridade. O aro rival parecía encollerse mentres que a nosa canastra ía adoptando unha forma cada vez máis parecida á dun colador, o que favoreceu a inmediata remontada dun conxunto arzuán que, apoiados no seu público, superounos coma se de Marc Márzquez adiantando un Vespino se tratara. Tan só o único triple no partido de Jorge e un par de tiros libres rescatáronnos do letargo, para chegar ao ecuador do partido cun 35 a 31 no electrónico e que, á vista do sucedido neste cuarto, podía ser peor.

O terceiro cuarto foi unha auténtica montaña rusa. Cun pavillón que lembraba ao mítico A Man de Elías, os locais, cheirando sangue, saíron enfurecidos e dispostos a romper o partido. Co seu pivote de case 2,10 (posiblemente, o xogador máis determinante da liga) impoñendo a súa lei en ambos os taboleiros, e ben secundado polos seus xogadores exteriores, o Arzúa CAB deixaba sen argumentos a un C.B. Ames desconcertado e con serios problemas no balance defensivo. Cunha vantaxe que roldaba os 15 puntos favorable aos locais, o encontro semellaba avocado á súa liquidación. Pero a falta de dous minutos para o termo do terceiro parcial o adestrador local decide dar descanso ao seu Avatar e, coma se se abriran as portas dun terreo ata ese momento vedado, o C.B. Ames desata un vendaval ofensivo liderado por Raúl, Linas e un Rober que, en estado de graza, consegue unha inverosímil canastra sobre a bucina para establecer un parcial de 0 a 12 e pechar este cuarto cun esperanzador 59 a 54. Seguía habendo partido. 






Comeza o último e decisivo cuarto e Rober e Raúl non afrouxan. Tripla do primeiro e canastra á media volta do segundo para meter o medo no corpo á inchada local. 



Momento quente do partido. E cando a cousa está que arde hai un xogador que prevalece sobre o resto: Manu. Autor de 12 dos seus 17 puntos neste último cuarto, asumiu a responsabilidade ofensiva do C.B. Ames no momento no que máis se necesitaba.


Pero os locais non estaban dispostos a ceder e aceptaban un intercambio de canastras que non lles favorecía en absoluto. Con 65 a 64 e a falta de cinco minutos produciuse o primeiro dos feitos determinantes do partido: a nosa incapacidade de situarnos por diante no electrónico tras dispoñer de ata cinco oportunidades para facelo. Con máxima igualdade tanto no marcador como no xogo, o colexiado pareceu querer sumarse a unha festa á que ninguén lle convidou e, tras a sinalización dunha máis que dubidosa falta antideportiva na nosa contra, e cun oído máis propio dunha couza, decidiu requirir a presenza do delegado local para proceder á expulsión dun dos nosos dous irredutibles aficionados, ante a incredulidade dos alí presentes (por eso non vos podemos ofrecer as imaxes dos tres minutos finais).

Chegamos aos instantes finais de partido con tres puntos de desvantaxe. Con 23 segundos por disputar e posesión local, unha falta persoal normal é considerada polo señor colexiado como antideportiva, dando ao traste con boa parte das nosas esperanzas. Nese momento, o noso adestrador Gaby achégase a pedir explicacións a un árbitro máis tenso que un manco nunha barca de remos, conversación que se salda con dúas técnicas e os osos de Coach G camiño dos vestiarios no medio dun ambiente de tolemia colectiva que dilapidou os nosos intereses. Ao final 76 a 72 e a sensación de vivir un gran encontro pese ao borrón que supuxo a actuación arbitral, especialmente durante os instantes decisivos do choque. Así o recoñeceu o público que abarrotou as bancadas do coliseo arzuán, despedindo cunha atronadora ovación a dous equipos que o deixaron todo dentro da cancha.

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Jota (3), Quique (7), Jorge (3), Linas (14) e Dani (4) - quinteto inicial - Manu (17), Diego (1), Rober (10), Raúl (13), Víctor e Eloy.

O mellor: a garra e as ganas por gañar un partido que, en diversas fases do encontro, estivo moi en contra. Plantexamos batalla ata o final e perdemos ante un equipo que dispón dun xogador demasiado determinante para estas latitudes baloncestísticas. Mención especial para o público que se congregou a ver o partido. Con este ambiente dá gusto xogar.

O peor: o labor arbitral, que sobre todo nos momentos decisivos empregou unha diferente rapadoira para ambos os equipos, saíndo claramente prexudicados. A iso podemos sumar, como elemento claramente decisivo, as baixas dos nosos interiores Juan, Alberto e Jacobo, imprescindibles para minorar as prestacións do seu pivote de 2,10, aínda que vaia por diante que o labor de Linas, Dani e Eloy neste apartado foi encomiable.

A falta de tres partidos, e a pesar da derrota, atopámonos nunha posición privilexiada para clasificarnos para os playoff polo título. Esta xornada recibimos a Fontiñas, probablemente o equipo máis en forma desta liga. Teremos que pararlles os pés se queremos certificar a nosa presenza na fase final. IMOS AMES!