21/03/19

Curtocircuito

Partido pola loita para os playoffs. O pasado domingo C.B. Ames medía as súas forzas contra o equipo máis en forma a estas alturas da competición: o ADB Fontiñas. A pesar da nosa condición de local, o encontro tivo que celebrarse no pavillón de O Milladoiro debido á rotura dun dos aros do pavillón de Bertamiráns, hai máis de dúas semanas, e a incapacidade do concello de Ames para dar solución a un problema que, a día de hoxe, segue sen solución.

Ás anunciadas baixas de Jota e Juan sumouse a de última hora de Eloy, indisposto. Terceiro e cuarto clasificado cun mesmo obxectivo: certificar o seu pase á fase final.

Primeiros instantes do partido de alta intensidade. Un triple de Manu e dúas boas accións ao poste de Jorge permiten ao C.B. Ames coller a iniciativa no marcador ante un rival que propoñía un elevado ritmo de xogo. Pero tras pouco máis de tres minutos prodúcese unha das accións que ían determinar a nosa sorte no partido: a lesión de Manu (escordadura de nocello), o que, de facto, supuxo a eliminación do noso xogador máis solvente á hora de conducir o ataque e superar a férrea presión a toda cancha proposta polos visitantes. 

En primeira instancia soubemos sobrepoñernos a este contratempo, e grazas ao mantemento da orde ofensiva, con dúas boas accións interiores de Linas e un gran triple de Quique, puxémonos cun 14 a 10 favorable a falta de catro minutos para o termo do primeiro parcial.


Pero a partir dese momento fúndensenos os chumbos. Demasiadas facilidades no rebote, permitindo segundas e terceiras opcións a un rival que non as desaproveitaba, perdas de balón froito da presión e da impaciencia e unha prematura cuarta falta de Rober que limitaba as nosas opcións á hora de saír da presión, xa con Manu descartado para o que restaba de partido. Aos poucos, as tornas foron cambiando e o partido estaba onde os santiagueses querían. Demasiado pronto. Todo esto traduciuse nun 16 a 22 a favor dos visitantes e a sensación de estar no seu terreo.



Esta sensación acabou por converterse nun feito no segundo cuarto. A primeira canastra de Dani desde o seu acostumado lateral non foi máis que o espellismo do que se aveciñaba. Cada balón perdido era castigado con rápidos contraataques e a nosa debilidade no rebote facilitaba as cousas a un equipo visitante que nos superaba amplamente en intensidade. Só un costa a costa de Quique, cheo de garra, e un triple de Jorge mantíñannos con vida (23 a 28 a falta de catro minutos). Pero a dinámica distaba moito de ser a mellor, e un par de lapsus na saída de presión transformáronse en canastras rápidas, o que sumado ao acerto desde o tiro libre dos visitantes provocou que se fosen ao descanso cunha vantaxe de 11 puntos no marcador (26 a 37) aínda que, visto o visto, podía ser moito peor cun C.B. Ames en estado de coma.




No descanso, Alberto comunica a Gaby que non pode continuar debido ás súas fortes dores de costas. Outro baluarte para a neveira.

Pero cando a túa primeira canastra en xogo prodúcese no último minuto do cuarto, perdes balóns a puntapala e non colles un rebote nin querendo o normal é que ata unha selección do IMSERSO páseche por encima. E menos mal que Fontiñas non estivo acertado en ataque. Superados e exasperados, o terceiro cuarto terminou cun 32 a 47 que, á vista do sucedido, antollábase como irremontable. Aínda por riba o autor da nosa única canastra en xogo, Dani, viuse obrigado a despedirse da cancha tras a devandita acción afectado de falta de sensibilidade na súa zurda. A enfermería estaba a encherse.





O que noutras ocasións foi loita, orgullo e pelexa en pos da épica non se viu por ningún lado. Coa épica de vacacións e un rival moi a gusto sobre o municipal amiense a pesar de non facer nada doutro mundo, o último cuarto resultou ser un mero trámite, polo que decidimos languidecer ata o 41 a 56 final. O que toca agora é esquecerse deste partido canto antes e recuperar lesionados.





A continuación, a estatística completa do partido (a falta dos últimos catro minutos, por problemas na "produción"). Para chorar:

Xugador
T1
T2
T3
PUNTOS
RD
RO
REBOTES
BR
BP
ASIST
Víctor

0/1

0
1

1
2
0
0
Jacobo

1/2

2
3

3
1
1
0
Dani
0/1
3/6

6
1
2
3
0
0
0
Manu

0/1
1/1
3


0
0
0
0
Quique
2/2
1/2
1/2
7
6
2
8
3
5
1
Diego
1/4
1/5
0/2
3
4
1
5
2
7
1
Eloy










Jorge

3/5
1/8
9
3

3
0
4
2
Alberto
1/2
0/3

1

2
2
0
0
0
Linas
2/4
3/6

8
3
2
5
1
1
0
Rober



0
3
1
4
0
7
1
Juan










Raúl

1/2

2
1

1
0
1
0
Jota





















TOTAL
6/13
13/33
3/13
41
25
10
35
9
26
5

O mellor: nada.

O peor: todo.





13/03/19

De tolos

Sobre o papel, a partido estrela da 15.ª xornada da fase regular era o que nos enfrontaba ao líder da clasificación: o Arzúa CAB. E así foi. Coincidindo coa súa famosa Festa do Queixo, o Municipal de O Cruceiro presentaba un magnífico ambiente cunha afición que pretendía levar aos seus polo aire cara á vitoria. Do noso lado, os irredutibles Manolo e Lourdes, ataviados con sendas bufandas e os pulmóns cheos de aire, non estaban dispostos a deixarse intimidar pola buliciosa inchada local. 

O partido daba comezo unha hora máis tarde do planeado debido ao anunciado atraso dos colexiados. Tras un maratoniano quecemento, comeza o encontro cos dous contendentes dispostos a ofrecer o mellor de si mesmos sobre a cancha. O C.B. Ames golpea primeiro, apoiados nun gran traballo dun Linas Baltusis que vai a máis conforme avanza a tempada e, apontoado polos triplos de Quique, Jota e Manu, alcanzamos as primeiras diferenzas no marcador debido, en gran parte, á nosa boa porcentaxe no tiro exterior. 




Pero os locais non o ían a poñer tan fácil e permitir unha escapada como a do partido de ida. Cunha soberbia defensa sobre Jorge, facíase difícil manter o acerto dos primeiros minutos e, aos poucos, a nosa vantaxe diluíuse cuan sobre de azucre. Pero Raúl, botándose o equipo ás costas, fixo valer a súa depurada técnica individual para castigar en dúas ocasións consecutivas o aro rival e certificar unha vitoria parcial por tres puntos de diferenza (15 a 18).


O segundo cuarto comezaba cun novo tirón dun C.B. Ames que, grazas ao acerto de Raúl, Rober e Linas e un gran traballo colectivo en defensa, estableceu un parcial de 0 a 7 adquirindo unha renda favorable de 10 puntos no marcador (15 a 25). O vento parecía soprar de fronte, pero nada máis lonxe da realidade. Nese momento fúndensenos os chumbos e o que ata o de agora era superioridade pronto se tornou en inferioridade. O aro rival parecía encollerse mentres que a nosa canastra ía adoptando unha forma cada vez máis parecida á dun colador, o que favoreceu a inmediata remontada dun conxunto arzuán que, apoiados no seu público, superounos coma se de Marc Márzquez adiantando un Vespino se tratara. Tan só o único triple no partido de Jorge e un par de tiros libres rescatáronnos do letargo, para chegar ao ecuador do partido cun 35 a 31 no electrónico e que, á vista do sucedido neste cuarto, podía ser peor.

O terceiro cuarto foi unha auténtica montaña rusa. Cun pavillón que lembraba ao mítico A Man de Elías, os locais, cheirando sangue, saíron enfurecidos e dispostos a romper o partido. Co seu pivote de case 2,10 (posiblemente, o xogador máis determinante da liga) impoñendo a súa lei en ambos os taboleiros, e ben secundado polos seus xogadores exteriores, o Arzúa CAB deixaba sen argumentos a un C.B. Ames desconcertado e con serios problemas no balance defensivo. Cunha vantaxe que roldaba os 15 puntos favorable aos locais, o encontro semellaba avocado á súa liquidación. Pero a falta de dous minutos para o termo do terceiro parcial o adestrador local decide dar descanso ao seu Avatar e, coma se se abriran as portas dun terreo ata ese momento vedado, o C.B. Ames desata un vendaval ofensivo liderado por Raúl, Linas e un Rober que, en estado de graza, consegue unha inverosímil canastra sobre a bucina para establecer un parcial de 0 a 12 e pechar este cuarto cun esperanzador 59 a 54. Seguía habendo partido. 






Comeza o último e decisivo cuarto e Rober e Raúl non afrouxan. Tripla do primeiro e canastra á media volta do segundo para meter o medo no corpo á inchada local. 



Momento quente do partido. E cando a cousa está que arde hai un xogador que prevalece sobre o resto: Manu. Autor de 12 dos seus 17 puntos neste último cuarto, asumiu a responsabilidade ofensiva do C.B. Ames no momento no que máis se necesitaba.


Pero os locais non estaban dispostos a ceder e aceptaban un intercambio de canastras que non lles favorecía en absoluto. Con 65 a 64 e a falta de cinco minutos produciuse o primeiro dos feitos determinantes do partido: a nosa incapacidade de situarnos por diante no electrónico tras dispoñer de ata cinco oportunidades para facelo. Con máxima igualdade tanto no marcador como no xogo, o colexiado pareceu querer sumarse a unha festa á que ninguén lle convidou e, tras a sinalización dunha máis que dubidosa falta antideportiva na nosa contra, e cun oído máis propio dunha couza, decidiu requirir a presenza do delegado local para proceder á expulsión dun dos nosos dous irredutibles aficionados, ante a incredulidade dos alí presentes (por eso non vos podemos ofrecer as imaxes dos tres minutos finais).

Chegamos aos instantes finais de partido con tres puntos de desvantaxe. Con 23 segundos por disputar e posesión local, unha falta persoal normal é considerada polo señor colexiado como antideportiva, dando ao traste con boa parte das nosas esperanzas. Nese momento, o noso adestrador Gaby achégase a pedir explicacións a un árbitro máis tenso que un manco nunha barca de remos, conversación que se salda con dúas técnicas e os osos de Coach G camiño dos vestiarios no medio dun ambiente de tolemia colectiva que dilapidou os nosos intereses. Ao final 76 a 72 e a sensación de vivir un gran encontro pese ao borrón que supuxo a actuación arbitral, especialmente durante os instantes decisivos do choque. Así o recoñeceu o público que abarrotou as bancadas do coliseo arzuán, despedindo cunha atronadora ovación a dous equipos que o deixaron todo dentro da cancha.

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Jota (3), Quique (7), Jorge (3), Linas (14) e Dani (4) - quinteto inicial - Manu (17), Diego (1), Rober (10), Raúl (13), Víctor e Eloy.

O mellor: a garra e as ganas por gañar un partido que, en diversas fases do encontro, estivo moi en contra. Plantexamos batalla ata o final e perdemos ante un equipo que dispón dun xogador demasiado determinante para estas latitudes baloncestísticas. Mención especial para o público que se congregou a ver o partido. Con este ambiente dá gusto xogar.

O peor: o labor arbitral, que sobre todo nos momentos decisivos empregou unha diferente rapadoira para ambos os equipos, saíndo claramente prexudicados. A iso podemos sumar, como elemento claramente decisivo, as baixas dos nosos interiores Juan, Alberto e Jacobo, imprescindibles para minorar as prestacións do seu pivote de 2,10, aínda que vaia por diante que o labor de Linas, Dani e Eloy neste apartado foi encomiable.

A falta de tres partidos, e a pesar da derrota, atopámonos nunha posición privilexiada para clasificarnos para os playoff polo título. Esta xornada recibimos a Fontiñas, probablemente o equipo máis en forma desta liga. Teremos que pararlles os pés se queremos certificar a nosa presenza na fase final. IMOS AMES!

28/02/19

C.B. Ames Vs. CBAT completo

Xa está dispoñible na nosa canle de Youtube o partido correspondente á pasada xornada:


Que o gocedes!

Retomamos a senda da vitoria

Chega o momento quente da fase regular. Coma se dunha gran etapa alpina do Tour de Francia se tratara, o pasado domingo comezamos un ciclo de tres partidos de gran dificultade, que ben poderían corresponderse cos míticos portos do Galibier, a Croix de Fer e Alpe d´Huez da Grande Boucle francesa.

Comezamos esta etapa decisiva recibindo a un dos clásicos na categoría: o Club de Baloncesto Amigos de Teo (ou CBAT), que no partido de ida déranos unha boa lección de xogo e saber estar na pista impoñéndose por 12 puntos de diferenza. A empresa non se antollaba nada fácil ante un rival que, historicamente, non se nos dá demasiado ben. 

Coas baixas de Alberto por lesión e Diego por decisión técnica de última hora, e ante un CBAT que comparecía con tan só sete xogadores (o cual é práctica habitual neste equipo), daba comezo este interesante choque. Balón ao aire e os dous equipos dispóñense a atacar o aro rival sen contemplacións, nun intenso intercambio de canastras que motiva as primeiras alternativas no marcador. A zona 2-3 disposta polos de José Beiras, aínda que supoñía unha clara invitación ao triple, non permitía balóns interiores aos nosos pivotes. Os triples de Jorge e Juan eran replicados polos visitantes nun vistoso intercambio de canastras. No ecuador do cuarto, Gaby propón un cambio de quinteto co fin de controlar o ritmo de xogo, pero os cambios non pareceron producir efecto, continuándose coa mesma dinámica ata o termo dos dez primeiros minutos, que lanzaron un parcial de 21 a 20 ao noso favor.




Coa idea de non permitir canastras fáciles, elevamos o ton físico en defensa ao comezo do segundo parcial. Grazas ao acerto de Manu e da UTE Linas-Jacobo, comezamos a adquirir as primeiras vantaxes no marcador, mentres que os visitantes xa non atopaban o camiño do aro coa mesma facilidade que outrora. Pero a cousa non ía ser tan fácil. Os de Teo son un conxunto con oficio e experiencia contrastada e, aproveitando un parón na nosa cadencia anotadora, restableceron o equilibrio no marcador. Tan só unha entrada destilando calidade de Rober e, sobre todo, un espectacular triple sobre a bucina de Jorge desde a súa casa permitiron irnos ao descanso cunha renda favorable de 5 puntos (37 a 32). Visto o visto, había moita tea que cortar.


Grazas a dous bos ataques consecutivos, os visitantes conseguen empatar o marcador á saída do terceiro cuarto. Pero unha nova arrincada dos locais, a base de triplas, unha magnífica penetración de Quique culminada en asistencia para Juan, e un lanzamento high quality de Jacobo situábanos 10 puntos arriba a falta de catro minutos e coa sensación de que, aos poucos, estabamos a minar a resistencia visitante. 

Pero nada máis lonxe da realidade. Un parcial de 3 a 12 volvía facernos sentir o alento visitante na nosa caluga e a sensación de que había que seguir traballando se queriamos lograr o noso obxectivo. Un inoportuno (ou non) golpe na boca do estómago de Manu, provocou a entrada de Rober para o último ataque e, máis ancho que alto e coa personalidade que o caracteriza, anotou un importante triple sobre a bucina que produciu un efecto balsámico sobre o noso xogo, á vez que minaba a moral do rival. A pesar de iso, 53 a 49 e todo por decidirse a falta de 10 minutos.


Esporeado pola súa canastra sobre a bucina, Rober Morricone protagonizou as primeiras accións positivas do vendaval ofensivo que se cernía sobre os visitantes, quen acusaba o cansazo acumulado e a falta de profundidade no seu banco por primeira vez. Novo triple do noso director de orquestra e asistencia mirando ao tendido para que o seu primeiro solista, Linas Baltusis, anotase a súa primeira canastra dos seus oito puntos neste cuarto e convertésese no pesadelo do rival a ambos lados da pista. Crecidos e esporeados, continuamos castigando a un CBAT que, tras un parcial de 11 a 1, quedouse sen argumentos.




Para rematar a faena, sae o francotirador Jorge co fusil cargado de triples para anotar tres lanzamentos de forma practicamente consecutiva e asinar oito canastras de tres puntos e 26 puntos no que supón un novo récord dun rapaz que non deixa de sorprender pola súa facilidade para esnaquizar o aro rival. Este último cuarto saldouse cun parcial de 25 a 9, que se traduce no 78 a 58 final que deixou un gran sabor de boca aos afeccionados que se deron cita no coliseo amiense.




Primeira proba superada, quedan outras dúas (Arzúa e Fontiñas) e debemos continuar nesta liña.

A continuación, a estatística completa do partido:

Xugador
T1
T2
T3
PUNTOS
RD
RO
REBOTES
BR
BP
ASIST
Víctor

1/3
0/1
2
1
0
1
1
1
0
Jacobo
0/2
3/5

6
0
1
1
0
1
1
Dani
1/2
2/5
0/1
5
3
2
5
1
0
0
Manu
4/4
1/1
1/6
9
1
0
1
3
1
0
Quique

1/5
2/5
8
1
0
1
1
0
1
Diego










Eloy

0/1

0
2
0
2
0
0
1
Jorge

1/2
8/15
26
5
0
5
1
0
0
Alberto










Linas
2/3
3/4

8
5
4
9
5
1
3
Rober

1/1
2/2
8
2
0
2
1
2
5
Juan

1/1
1/2
5
0
1
1
1
2
1
Raúl
2/2

0/2
2
1
0
1
0
1
0
Jota

0/2
0/4
0
1
0
1
2
0
1











TOTAL
9/13
14/30
14/36
78
22
8
30
16
9
13


O mellor: A seriedade e a orde mostrados ao longo de todo o encontro. Soubemos manter a nosa identidade, esperando a que o rival caese de maduro e eso, ante un conxunto da experiencia do CBAT, ten moito mérito. Cando elevamos as prestacións defensivas, os rivais nótano. Olliño ao partido de Jorge, a mestría de Rober e o último cuarto dun Linas que volve polos seus foros.

O peor: quizá nos falte un pouco máis de contundencia á hora de ir ao corpo a corpo contra os nosos rivais, especialmente nunha zona tan tupida como a proposta polo CBAT durante os 40 minutos. Ante estas situacións, adoitamos abusar do tiro exterior e non buscar balóns comprometidos na zona. Pero bo, ter a un rapaz que anota 8 triplos por encima do 50% de acerto é unha tentación demasiado golosa, ademais de, onte si, un bo negocio.

En breve, o partido completo na nosa canle de YouTube

22/02/19

Toca erguerse

Difícil empresa a do pasado sábado contra Vista Alegre Bar Coruña. O conxunto santiagués pouco ou nada ten que ver con aquel que caeu en Bertamiráns por 35 puntos de diferenza e, se lle sumamos as baixas de Manu e de Dani, o prognóstico presentábase bastante incerto.

Con estas vimbias arrincaba o partido na esvaradiza cancha do Lorenzo da Torre. Primeiros minutos nos que as defensas superan amplamente aos ataques ata que unha afortunada mandarina de Juan máis aló do 6,75 permite abrir as hostilidades entre ambos bandos. Nun primeiro cuarto marcado polas imprecisións en todas as áreas, conseguimos manternos a flote para dispoñer da iniciativa no marcador por un só punto de diferenza (10 a 11). 





Pero a dinámica non era a mellor e pronto fomos conscientes da dureza que se aveciñaba. No segundo cuarto os locais sacaron petróleo da súa maior intensidade defensiva e comezaron a ver o noso aro con maior facilidade. Cun ataque sen ideas, tan só dous xogadores (Víctor e Alberto) conseguiron profanar a canastra rival, mentres que no outro lado da cancha os puntos caían irremediablemente na nosa contra. 7 puntos anotados en 10 minutos, por 16 de Vista Alegre, situaban unha renda desfavorable de 8 ao descanso (26 a 18) que, obxectivamente, poden non parecer demasiados pero, á vista do cara que estaba cada canastra, era unha montaña moi dura de escalar.





Pero por tentalo que non ía quedar.  Hora de poñerse o mono de traballo. Con máis fe que baloncesto, remamos e remamos para tratar de enxugar a desvantaxe e atopar as sensacións perdidas no segundo cuarto. Con Alberto, Juan e Víctor picando pedra, e apoiados na velocidade de Diego, aos poucos comezamos a aproximarnos no marcador ante un rival especialmente intensso  na súa faceta defensiva. Cun par de simeones conseguimos aproximarnos no marcador a tres puntos a falta de 10 minutos. O partido estaba para poucas bromas.

Intercambio de canastras para comezar e igualdade absoluta entre ambas as escuadras ata que se produce a primeira das accións que resultarían determinantes para o devir do encontro: Juan, un dos máis destacados, amaga con lanzar de tres, enganando ao seu defensor, penetra con habilidade e é freado en falta para evitar unha máis que probable canastra, falta que o colexiado se nega a sinalar. O noso pivote sae rebotado como consecuencia do encontronazo e choca fortuitamente con outro defensor, o que é interpretado polo colexiado como falta antideportiva. A continuación, o vídeo dos feitos:


Frustrado e co cable un pouco pelado, o agraviado xogador visitante dedícase a contar os segundos que median entre que o xogador local recibe o balón do colexiado e o lanzamento do consecuente tiro libre, momento no que brama un "once" e outórgalle a coartada perfecta a un árbitro que, como os malos sheriffs das pelis de serie B, acabáballe de tomar a matrícula para sinalar técnica e envialo de cabeza os vestiarios. A perda antollábase inasumible.

Pero nada máis lonxe da realidade. Un, ata ese momento, desaparecido Jorge, (debido principalmente ás molestias nas costas que lle fixeron ser dúbida ata minutos antes de celebrarse o encontro) tomaba os mandos da ofensiva amiense e, con dous triples practicamente consecutivos, parecía reeditar a miragre conseguida en Boiro semanas atrás. 



Pero os santiagueses teñen moito máis oficio que os boirenses. Con igualdade máxima no electrónico e a falta de menos de dous minutos para resolverse o encontro, chegaría a segunda acción determinante e que resultaría definitiva para a sorte do partido: un lanzamento triple do mellor xogador local (alcumado no mundo como "o Vasco", que gran xogador!) penetraba no noso aro como unha estaca no corazón dun vampiro o que, unido a dúas malas seleccións de tiro pola nosa banda, motivou que péndulo caese ao lado da capital. Os 8 puntos de vantaxe finais antóllansenos un pouco excesivos para a igualdade mostrada sobre o terreo de xogo. Ao final, 55 a 47 pero coa satisfacción de loitar ata a última pinga de suor ante un rival moi esixente fisicamente nunha nobre contenda.

Agora toca sobrepoñerse ante este revés e seguir loitando por un posto nos playoffs.


Algunhas caras longas tras a derrota

Por parte do C.B. Ames interviñeron: Jota, Rober, Quique (2), Linas (4) e Juan (9) - quinteto inicial - Víctor (5), Jorge (10), Alberto (10), Diego (7), Jacobo, Raúl e Eloy.

O mellor: a garra e a competitividade mostrada nun partido no que, con pouco baloncesto, conseguimos manter a fe na vitoria durante 39 minutos. A pesar de a derrota, as nosas aspiracións de acabar entre os catro primeiros continuan intactas.

O peor: o non poder desenvolver o noso xogo ante a solidez defensiva local. Nun partido destas características pesan demasiado as baixas de Manu e Dani, sobre todo no que a ritmo de partido e intensidade defensiva refírese.



14/02/19

C.B. Ames Vs. Tecven Padrón completo

E como vén sendo costume nas últimas xornadas, quenda para o visionado completo da nosa vitoria contra Padrón: