22/10/25
UNIT 365 súmase ao Club Baloncesto Ames como colaborador
Nova colaboración local: Carpintería Hermanos Gato
20/10/25
Unha factura demasiado elevada
Partido tenso e intenso o celebrado onte no CEIP Santa Baia de Boiro. Enfronte,
un dos galos da categoría ansioso por demostrar ante os seus xiareiros que a
clasificación para semis da pasada campaña non foi froito da casualidade. O C.B.
Ames compareceu no pavillón boirense coas sensibles baixas de Yerai e Joaquín,
quen terá que agardar a vindeira xornada para debutar oficialmente coa elástica
amiense.
Balón ao aire e fin das especulacións. O C.B. Ames, moito máis ordenado,
sae en tromba e, liderado por un Sebas dono e señor dos taboleiros, consegue
maniatar aos locais e endosarlle un parcial de saída de 0 a 11 nos primeiros
cinco minutos de xogo.
![]() |
| Sebas, dominante |

Pero, de súpeto e tras o preceptivo tempo morto local, o
que antes eran luces tornábanse sombras. Os cinco últimos minutos de parcial en
branco son aproveitados polos locais para reaccionar e achegarse no
electrónico. Tras dous minutos do segundo cuarto o C.B. Ames notaba o alento do
C.B. Santa Baia no seu cogote (12 a 13) nun encontro onde as defensas primaban
sobre os ataques. O gran capitán Alberto encargábase de aplacar as acometidas
locais con dúas accións de gran calidade, pero estes mantiñan o rebufo e
incluso chegaban a igualar o partido por primeira e última vez mediado o
segundo parcial (upss, spoiler...).
![]() |
| Dani e Rober, o dúo dinámico |
Dani e Rober buscan solucións e as atopan con nome propio:
Pedro Crego. Ao pívot debutante bastáronlle dous minutos para amosar se quera
unhas pequenas pingas da súa calidade: fade away a media distancia e
unha tripla estratosférica fixo que o conxunto local se tambaleara por primeira
vez a piques de chegar ao descanso.
O incremento das prestacións en defensa o peche do rebote
permitiron ao C.B. Ames chegar ao descanso con 9 puntos de vantaxe (18 a 27) mercede
a unha entrada de Juan sobre a bucina protestada airadamente pola bancada local
por entender que a acción estaba fóra de tempo.
Tras o paso polos vestiarios o encontro reanudouse coa
mesma tónica que no seu inicio: dominio absoluto do C.B. Ames en ambos lados do
taboleiro, dos que tanto Sebas como Pedro eran donos absolutos. Parcial de 3 a
10 nos cinco primeiros minutos e turno para unha segunda unidade que se reividicou
na segunda metade deste parcial con sendas triplas dos “veteráns” Raúl e Diego.
Destacar un fermosísimo “coast to coast” tipo Flash do escolta amiense
que incicaba que a súa lesión xa está esquecida. É unha pasada verte correr, Mr.
Beast.
31-44 a fata de 10 minutos e co vento moi a favor.
Comezabamos cunha das peores noticias: nova lesión de Raúl
no seu matreito xeonllo ao tentar taponar un lanzamento triple. Os locais
aproveitan a conmoción inicial para achegarse, pero rapidamente Juan, Diego e o
francotirador Jorge devolven o partido ao seu estado anterior.
Os locais, conscientes de que intercambiando canastras e
calidade non van a ningures, deciden elevar a dureza física e comprobar o
listón arbitral. Empurrón polas costas a dúas mans sobre Jaime que o bravo
escolta amiense logra absorver e anotar un 2+1 para situar o marcador en 42 a
54 a falta de seis minutos.
![]() |
| Jaime aguántao todo |
Unha afortunada tripla local a taboleiro é rapidamente contestada por David Reino cun 3+1 que ben lle puido causar unha desgraza en forma de lesión. Por sorte, o espigado aleiro Amiense é de goma e puido seguir liderando as accións defensivas ata o final do partido.
![]() |
| Buff... |
Por aquel entonces os colexiados xa decidiran borrarse do partido e permitir o xogo duro e bronco dos locais, que o fiaron todo a esa estratexia. A falta de dous minutos para o final cobrabánse a súa segunda vítima: Sebas, que non é un retaco precisamente, cae fluminado tras un forte encontronazo rival que deu co seu corpachón no chan. O venezolano tívo que abandonar o partido entre bágoas aqueixado dunha lesión de xeonllo cuxo progóstico veremos nas vindeiras datas.
Co C.B. Ames conmocionado por este novo episodio e coa aquiescencia da desaparecida parella arbitral, os locais crecéronse e, liderados por Sebastián Sarmiento, conseguiron situarse a só un punto a falta dun minuto para o remate. Pero finalmente a ausencia de faltas asubiadas a prol do conxunto local foi unha arma que xogou inesperadamente ao noso favor. A falta de 20 segundos e aínda que parecera incríble, os locais tan só levaban 2 faltas de equipo, polo que o C.B. Ames, coa posesión de baloón, limtouse a deixar correr o tempor mentres os locais realizaban a últimas das tres faltas para entrar en bonus a falta de medio segundo para o remate. Fran enchufa o primeiro tiro e erra o segundo para non dar opcións ao rival e certificar a nosa primeira victoria, eso así, pagando un prezo moi alto. Todos para casa e un par deles para o hospital...
Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás Souto (5, AA),
Fran (3, A), Reino (8, AA), Pedro (7, AA) e Sebas (10, AA)
– cinco inicial – Sergio (-, A), Diego (7, AA), Jaime (3, A)
Raúl (4, AA), Jorge (4, A) e Juan (4, A)
O mellor: A estrea cunha vitoria
de raza e carácter. É compricado xogar ee sobrepoñerse emocionalmente ás
lesións de dous compañeiros. E aínda é máis complicado cando os colexiados
permiten o uso das mans e todos os contactos. Orgulloso de todos. Aínda así, o
noso sentir é que, se estivera na nosa más, cambiariamos a vitora por ver recuperados
a Sebas e a Raúl. Agardemos que todo quede nun susto e que máis cedo que tarde estedes
de volta. Ánimo rapaces!
O peor. Evidentemente, as
lesións de Sebas e de Raúl. Para rematar, reproducimos as verbas do noso
capitán Alberto que reflicten o noso sentir xeral tras o partido:
“Estamos a xogar en zonal, en campos, instalacións é arbitraxes que
están ao nivel da competición. Presupoño que este rapaces que veñen a arbitrar fanno
coa mellor das súas intencións ou, polo menos, sen mala intención. Veñen para
sacarse uns cartos e iso xa me parece suficiente como para apoialos,
facilitarlle as cousas e tratar de axudarlles a mellorar. Tampouco nós somos
unhas estrelas da ACB.
Ver a Raúl e a Sebas sufrindo na cancha inconscientemente
móvenos a buscar responsables e o gremio arbitral paga o pato, pero seguro que
eles tampouco o desexaban. Estou convencido de que esta dúas bestas de seguido
estarán na cancha gañando partidos.
Creo que xamais lle protestei a un árbitro, non me
sae, eu estou para entreterme con isto e non para facerme malo sangue.
Desde que acabou o partido só falamos dos árbitros
e con todo eu teño moitas máis imaxes reconfortantes na retina coas que
quedarme:
O esforzo titánico de Moure que lle ía a vida
niso, a defensa férrea de Reino secando á estrela rival, o partidazo que se
estaba marcando Sebas dominando en ambos os aros, a calma coa que Jaime se fixo
un xogadón con 40 pulsacións, o triplazo esperado do noso súper clase Jorge
cando máis o necesitaba, a garra de Juan defendendo a camiseta laranxa en cada
balón pelexado, o clinic que nos estaba ofrecendo Raúl, a xogada de tiralíneas
de Dani acabando en canastón dun Pedro que fai de todo e todo ben, sen inmutarse,
o control do partido dos nosos “jugones” Sergio e Tomás con moitas pernas e
acerto, a velocidade, agora con control, de Diego, e moitas máis cousas.
E quédome sobre todo cos que non viñan xogar; Yerai, sempre atento e mellorando todo o que
facemos; Joaquín, que me custaba retelo para que non saltase á pista para xogar;
o de Ángel é encomiable, todo o que achega sen ter ficha, o luxo de ter a Rober
ao noso lado con ese talante tranquilizador, a presenza do noso líder o presi
para todo, e non faltaron, como nunca o fan, o delegado e a delegada
consorte.
Era un partido de domingo ao 19.00 h en Boiro e
non faltou nin o Tato. É un luxo de equipo, de familias e de afección. Encántame ver aos pequenos na bancada e cando
baixan á pista”.
Amén, capitán.
16/10/25
Este ano si!
Arranca unha nova
tempada. E non unha tempada calquera. Esta campaña o Club Baloncesto Ames cumpre
20 anos e, tras moitos anos de sorrisos e bágoas, ledicias e tristezas, temos todas
as esperanzas postas en facer algo realmente grande.
Cun plantel aínda
más remozado, a despedida de ilustres como Eloy, Linas ou Tomás abre paso a
xogadores da entidade de Pedro, Joaquín ou Fran que, ademais do consabido
rexuvenecemento na nosa media de idade, a bo seguro achegarán o pulo definitivo
que nos permitirá acadar os nosos obxectivos. Con estas vimbias, e baixo a batuta
dun binomio Dani/Rober máis implicado que nunca neste proxecto baloncestístico,
non podemos menos que apuntar ao máis alto.
Pero sempre coa
humildade e deportividade que nos caracteriza, non vaia ser que nos saia o tiro
pola culata. O noso corpo técnico, experimentado e profundo coñecedor das
reviravoltas desta competición, é consciente de que ser un dos equipos
favoritos conleva un extra de motivación nos nosos rivais, o que implica que
debemos estar concentrados en todo momento e dar o 100% en cada adestramento e
en cada partido, sen relaxacións, ao tempo que desfrutamos da nosa verdadeira
paixón. Como diría o mismísimo Mandaloriano, “este é o camiño”.
E a primeira
proba non vai ser doada nin moito menos. O vindeiro domingo 19 ás 19:00
visitamos á cancha do C.B. Santa Baia de Boiro, un conxunto que xa a campaña
pasada fixo unha gran competición e que semella terse reforzado moito e ben,
polo que haberá que estar moi atentos e tentar aplicar os movementos e
automatismos definidos nos adestramentos de pretemporada.
Pero os ensaios
remataron. Comeza a película. Agardemos que sexa unha de aventuras con final
feliz e non unha de terror (polo menos, para nós...).
22/10/24
Boas vibracións
Comezou a fase regular do grupo 1 da 3ª senior masculina, tamén coñecido como o "grupo da morte" no que o Club Baloncesto Ames competirá con escuadras como Conxo, Fontiñas, Noia ou Ribadulla co obxectivo de estar entre os catro primeiros clasificados cara a loita polo título.
Proxecto renovado no que históricos deste club como Víctor deixan paso a savia nova nunha ambiciosa tentativa por mellorar as nosas posibilidades e prestacións con respecto a campañas anteriores. Tras intensas negociacións, os ex-obradoiristas Yeray e Reino recalaron no equipo co obxectivo de ofrecer o salto de calidade necesario para acadar os obxectivos previstos por Dani, quen non se puido resistir ao atractivo reto que supón adestrar a este remozado equipo. Pero tamén as novidades afectan aos banquiños xa que o míster ten o privilexio de contar cun assistant coach de luxo: o mesmísimo Roberto Lopo, clásico entre os clásicos. Un gran coñecedor da categoría e que decidiu poñer ao servizo do club os seus amplos coñecementos e carácter competitivo. Con estes ovos non pode sair unha mala tortilla.
O pasado sábado debutamos visitando ao A.D. Manuel Peleteiro na súa volta á competición zonal. Un equipo xoven e con moito empuxe que, a priori, constituiría unha boa pedra de toque para comprobar o estado de engranaxe das novas pezas do conxunto amiense apenas un mes despois de comezar os adestramentos.
Bo ambiente na bancadas do pavillón de Montouto no que se deron cita familiares e amigos de ambos contendentes. Apágase a música, sube o telón e comeza a competición. Dúas triplas consecutivas dun dos binomios chamados a facer cousas importantes esta tempada, o formado por Yeray e por Sebas, son rápidamente contestadas por un equipo estudiantil que foi quen de conter o primeiro arreón.
A igualdade existente resquebarxouse por vez primeira no tramo final deste acto incial, xa coa segunda unidade en pista e cun claro protagonista, Jorge. O aleiro amiense, asumindo un rol máis interior que ao que nos ten acostumados, anotou baixo os aros previa asistencia dun maxistral Alberto que estreaba capitanía e un 2+1 remontando a liña de fondo para asestar un segundo golpe na zona de flotación estudiantil que, esta vez sí, acusaría o impacto. O C.B. Ames olía sangue e aí estivo Alberto, moi atinado toda a tarde, para rematar a faena cunha meritoria canastra tras rebote ofensivo que colocaba o 14 a 22 no electrónico.
Comeza o segundo parcial e Dani segue a rotar aos seus xogadores. Tempo para os Tomás, Jaime, Linas e un Diego xa felizmente recuperado da súa lesión.
![]() |
| Jaime, como Gary Cooper en Só Antte o Perigo |
Momento para a dúbida e para o despìste que os locales aproveitaban para acurtar distancias. Destacar a acción defensiva do local Henok en forma de tapón contra taboleiro escachando a bola por riba do aro que abraiou a todos os presentes e arrincou o aplauso unánime da bancada pero, sen pretendelo, tamén serviu de toque de atención e punto de inflexión para que o C.B. Ames volvera ao partido xa co seu quinteto titular sobre a pista. Este segundo parcial tivo un claro dominador, Sebas, xigantesco a ambos lados da pista. O venezolano facía valer a súa superioridade física e técnica para martillear a canastra rival e negar o acceso a propia sacando a relucir o matamoscas. Con Yeray aos mandos, o coxunto visitante volvía a moverse por encima dos dez puntos de diferenza nun abrir e pechar de ollos para poñer o 24 a 35 no marcador á chegada do tempo de lecer.
O encontro reanudábase e repetíase o guión. Duas triplas dun Yeray chamado a dar grandes tardes de gloria ferían a un conxunto local que semellaba comezar a quedar sen resposta. Sen presa pero sen pausa, cunha solidez fundamentada no piar interior formado por Sebas e Juan e cun todoxogador como Reino que se sumaba á festa, o partido poñíase de cara (29 a 49 a falta de 5 minutos para o remate).
Pero os locais non ían dar o brazo a torcer tan facilmente o día da súa volta á categoría e ante a súa afeción. Aproveitando a involuntaria relaxación visitante consecuencia da importante diferenza no marcador e dos trocos para dar un merecido descanso aos seus xogadores máis destacados, os locais,
como quen non quere a cousa, recuperaban terreo ante o repentino parón na nosa produción anotadora para rematar este cuarto cun tanteo desfavorable de 40 a 52 pero seguían vivos no partido.
Primeira acción positiva de Jorge, unha vez mais preto do aro rapidamente replicada polo conxunto local que facía gala dunha grande dose de resistencia.
A tripla do local Manuel Cabido sitúa a diferenza no marcador por debaixo dos 10 puntos. Noutras circunstancias, e así aconteceu en campañas anteriores, entrarían as dúbidas pero este ano e con xogadores como Sergio, Juan, Reino e un inspíradísmo Yeray (por nomear algún) na pista, as dúbidas pasan a convertirse en certezas, sobre todo cando o equipo rival comprende que é imposible facer fronte a esta panda de descarados. Entradón do escolta amiense e no loook pass liberando a Sergio para arrincar o pó da rede dende mais aló do 6,75. Reino anota outra tripla a falta de tres minutos para poñer o +14 e as cousas no seu sitio.
Ante o furacán ofensivo desatado os santiagueses dixeron basta e asinaron o armisticio. Dúas últimas canastras do noso gladiador Juan e o broche de ouro posto por Yeray en forma de penetración depositando o balón no aro rival previo rectificado a aro pasado (flipante), deixaron o marcador final nun merecido e xusto 55 a 71 a prol do equipo amiense. Un bo inicio.
Por parte do C.B. Ames interviñeron:
Sergio (6, AA), Yeray (18, AAA), Reino (10, AA), Juan (6, AA) e Sebas (18, AAA) - quinteto inicial - Jorge (7, AA), Alberto (5, AA), Tomás (1, A), Jaime (-, A), Diego (-, A), Raúl (-, A) e Linas (-, A).
O mellor: as novas incorporacións e o seu acoplamento ao equipo. Con respecto a campañas anteriores, temos dúas marchas máis e abofé que iso se nota en ambos lados da pista, o que se traduce nunha maior intensidade defensiva e o incremento no noso acerto cara ao aro rival. Agardemos que eses encontros a 40 puntos queden só nun mal e lonxano recordo...
O peor: como anécdota e cando peor lle ían as cousas aos locais (casualidade), un par de señoras con aspecto de "beatonas made in Peleteiro" cruzaron á bancada para recriminarlles aos nosos bulideiros e respectuosos xiareiros o uso dunha bucina e un megáfono de Aliexpress, baseándose nun sonido insoportable para os seus finos pavillóns auditivos (incluso facendo acenos de taparse as orellas nunha sobreactuación que rozou o patestismo). Señoras, a ver si se enteran que están nunha pista de basket e que os ánimos por parte dos xiareiros, sempre dende o respecto, son parte fundamental deste gran deporte. Se queren silencio e recollemento en Santiago temos misas e funerais a diario...
Dito esto, e se podedes aguantar o "insportable" sonido dos nosos supporters, a continuación vos deixamos o encontro completo, que tamén podedes disfrutar (con control de volume), na nosa canle de YouTube:
EPÍLOGO:
Tras o encontro, e organizado polo noso recén nomeado capitán Alberto, celebramos unha cea nun coñecido asador santiagués e posterior sarao no que, ademais do actual plantel do equipo, acudiron algúns integrantes do noso Hall of Fame como Rai, Alberto Melenas, Mata e Víctor. Pasado, presente e futuro do club compartindo mesa, mantel e pista nunha velada que supuxo a guinda a un día inesquecible. Moitas grazas a todos.
![]() |
| Vaia banda |
![]() |
| Jorge, MVP en calorías inxeridas |
![]() |
| Quinteto alternativo? |
Próxima estación, Ribadulla. Domingo 27/10/2024 no pavillón do MIlladoiro.
Agardámosvos!
21/10/24
O C.B. Ames en Instagram
Nova tempada e aires renovados. Aproveitando o pulo das novas xeracións e a súa implicación neste proxecto deportivo, o C.B. Ames baixa ao barro das redes sociais e lanza a súa conta de Instragram na que tentaremos mantervos informados con todas as novidades do teu equipo de referencia.
De seguro que os nosos contidos non vos deixarán indiferentes. Neste espazo ten cabida todo o mundo, non discriminamos entre followers y haters. Sodes todos benvidos!
15/03/24
¡NO TE CALLES, GRITA AMES!
Segundo asalto dos cuartos de final contra o todopoderoso C.A.B Conxo, esta
vez actuando coma visitantes no pavillón do colexio Manuel Peleteiro. Semellaba
impensable pensar que o ambiente vivido a semana pasada no Milladoiro podería
repetirse pero, de novo, a realidade amosounos a grandeza dos incansables xiareiros
do C.B. Ames que non dubidaron en acudir en masa a apoiar ao seu equipo na
procura dunha milagre en forma de remontada que permitira mitigar a desvantaxe
de 6 puntos colleitada no partido de ida. O pavillón colexial lucía coma nas
grandes ocasións. That´s Entertaiment.
Co factor sorpresa esgotado no partido de ida, os pupilos de Fran Varela iniciaron o encontro dispostos a finiquitar a eliminatoria pola vía rápida. En dous minutos o electrónico amosaba un rotundo 10 a 2 a prol dos santiagueses que motivaba o primeiro tempo morto de Dani para frear as acometidas do rival e tentar equilibrar a balanza. Saque de fondo no que Jaime rompe ao seu par para depositar suavemente o balón na cesta e lanzamento a curta distancia cheo de calidade dun Sebas disposto a reivindicarse tras a súa actuación nun primeiro choque no que se agardaba máis do pívot venezolano.
Pero Conxo viña coa lección aprendida e novamente tenta poñer terra polo medio ante un C.B. Ames que atacaba con máis corazón que cabeza. Triplazo de Jorge ao ritmo de “C.B. Ames nunca se rinde” da bancada para poñer o 16 a 10 e facer sentir ao rival que, de novo, botar ao equipo amiense da eliminatoria non sería unha tarefa doada.
Pero nos derradeiros tres minutos a repentina seca anotadora foi aproveitada polos locais para castigar desde a liña de tiro libre e, punto a punto, despegarse no marcador ata o 23 a 11 ao termo dos 10 primeiros minutos.
Os nosos xiareiros, en lugar de virse abaixo, subían os decibelios das súas
gorxas e incrementaban a intensidade dos seus tambores e bucinas nun intento de
contaxiar a un equipo visitante que sentía que recibira un castigo excesivo no
cuarto inicial.
O segundo parcial comezaba cun intercambio de canastras no que o C.A.B.
Conxo parecía sentirse cómodo xa que seguía a moverse en diferenzas superiores
aos 10 puntos. A falta de tres minutos para o tempo de lecer, Dani solicita
novo tempo morto para elevar as apostas e poñer en liza todo o seu arsenal
ofensivo de cara a recurtar distancias. Taponazo de Sebas sacando a pasear o matamoscas
que esperta a furia venezolana interior en forma de 5 puntos consecutivos
(entrada con reverso incluído e tripla taladrando a rede rival) que fan
decantar este parcial ao noso favor por 10 a 12. 33 a 23 ao descanso con todo
por decidir. Seguimos sendo a resistencia.
Aínda que os locais replican en primeira instancia, apenas poden co empuxe
defensivo e coas acometidas en ataque dun C.B. Ames empeñado dar a campanada. Liderados
por un Sebas imperial en ambos lados do terreo de xogo, o triplazo de Jorge
minimiza as diferenzas a tan só 5 puntos. O pavillón e case que todo o colexio
Peleteiro vense abaixo. Eran os nosos mellores momentos. Como diría a taladrada
rapariga protagonista de Poltergeist, “xa estabamos aquííií...”.
Superado o trauma pola perda dunha das súas pezas máis determinantes, os locais non daban o seu brazo a torcer e, con moito aplomo e pese ao ambiente hostil, conseguen frear o avance amiense para chegar cunha vantaxe de 8 puntos a falta de dez minutos para o remate da eliminatoria (48 a 40).
O público en pé. Había que botar o resto. Enésimo arreón dos amienses con
todo o equipo dando o 110 % en defensa e Sebas e Juan asediando a cesta contraria.
Espoleados por un público que durante toda a tarde foi o verdadeiro sexto
home, e incluso con Deus do noso lado, conseguimos situarnos de novo a cinco
puntos a falta de dous minutos para o remate (53 a 48). Pero o tempo esgotábase
e a empresa de remontar a desvantaxe de 11 puntos (6 do partido de ida e 5 do
actual) pasaba de improbable a imposible polo que Dani, cun criterio que o
honra e consciente da dureza dun rival que apenas deu signos de debilidade nos
78 minutos precedentes, firmaba a claudicación e colocaba sobre a pista aos
xogadores menos habituais nun detalle fermoso con aqueles que contribúen
como os que máis a que este club sexa o que é: a envexa de moitos. Loxicamente,
un conxunto como o santiagués sen apenas debilidades apuntalou a súa vitoria e
o seu merecido pase a semifinais ante unha escuadra amiense que o deu todo. O resultado
final de 63 a 48, ademais de antollarse
excesivo, resulta anecdótico. A festa estaba nunha bancada que aceptaba
deportivamente a derrota ao tempo que recoñecía o titánico esforzo de todo o
plantel amiense, encabezado polo mariscal Dani. Unha fermosa eliminatoria que,
a bo seguro, quedará gardada nas nosas retinas.
![]() |
| Eternamente agradecidos |
Por parte do C.B. Ames interviñeron: Sergio (2, A), Rocha (2, AA), Juan (8, AA), Jorge (7, AA) e Sebas (19, AAA) – quinteto inicial – Tomás (2, A), Jaime (4, AA), Raúl (2, A), Hugo (1, A), Alberto (1, AA), Eloy (-, A) e Nico (-, A).
O mellor: sen lugar a dúbidas, o ambiente. Aínda estamos
abraiados pola resposta da nosa afección. Non hai cualificativos, só palabras
de agradecemento. Na parte puramente deportiva, pouco ou nada que reprochar.
Competimos 78 minutos perante o que, segundo a nosa opinión, é o mellor equipo
da categoría. Parabéns a Dani e aos seus músicos polo concerto de rock duro. Agora
toca pelexar pola quinta posición. Próxima estación: Praíña.
O peor: á vista das nosas prestacións ao longo da
eliminatoria, era este o mesmo equipo que se arrastrou durante a segunda volta
da fase regular cunha única vitoria? Seguramente de ter feito mellor as cousas enfrontariámonos
a un rival máis “asequible” e as nosas posibilidades terían sido moito máis
elevadas. Tomemos nota e aprendamos. Mentres tanto, NO TE CALLES, GRITA AMES!
E, como fin de festa, deixámosvos o partido completo:
Lembra que podes desfrutar (ou padecer) dos partidos do teu club favorito na nosa canle de YouTube.
09/03/24
A pel de galiña
Tempo de playoff. O pasado domingo o pavillón do Milladoiro
engalanouse para a celebración do encontro de ida correspondente aos cuartos de
final entre o cuarto clasificado do grupo B, o C.B. Ames, e o primeiro
clasificado do grupo A e actual campión da competición, o C.A.B. Conxo. David
contra Goliat.
Momento para envorcar en corenta minutos o intenso traballo semanal de Dani
na procura de conseguir minimizar as grandes diferenzas entre ambos
contendentes á vista das prestacións duns e doutros na tempada regular. Pero
cando entramos no terreo das eliminatorias nada do realizado conta e todo pode
cambiar. Coach D é consciente disto e, como vello diaño dos vestiarios, mesturou
análises das fortalezas e debilidades do rival con outras cuestións que apelaban
máis ao corazón e ao orgullo dos quince soldados amienses que a aspectos
puramente técnicos. Toda esta estratexia motivacional tivo o seu culmen nos
vestiarios media hora antes do inicio. Tras a oportuna charla táctica e as
arengas de rigor, o adestrador sorprendeu aos seus pupilos cun vídeo que puxo
un nó na gorxa a máis dun:
Cargados de enerxía e a por todas non sería esta a única sorpresa da tarde.
Varios centos de persoas respondían á convocatoria previa e ateigaban a bancada
dunha instalación que por un par de horas disfrazouse do mítico pavillón de la Paz
y de la Amistad grego. É unha pasada poder comprobar como un encontro desta
categoría pode ter tanto tirón entre persoas de todas as idades, familiares,
amigos, xogadoras de minibasket, veciños e xiareiros en xeral que se deron cita
no Milladoiro Arena. Todo elo aderezado coa Jam Session preparada polo
noso DJ Yerai (David Guetta xa te podes ir xubilando) quen se encargou
de elevar a temperatura dun ambiente sensacional e poucas veces visto por estes
lares.
![]() |
| Cando o xefe fala os demais escoitan |
![]() |
| Gran traballo, Adestrador! |
Con todos os ingredientes mesturados só podía cociñarse un bo espectáculo. O dez protagonistas saltan á pista, apágase a música e asubío inicial. Comeza o primeiro asalto.
As primeiras acometidas dun C.A.B. Conxo liderado polo seu aleiro Roi
Pallares non conseguiron amedrentar a un C.B. Ames serio e ben armado que
pronto deixou claro que non ía a xogar o papel de comparsa. Non neste día e perante
este público. Así, no ecuador do cuarto Dani introduce os primeiros trocos co
obxectivo de manter – e incluso, aumentar – a nosas prestacións perante un
rival que dera un tirón inicial no electrónico (6 a 13). A canastra do eterno
capitán Víctor tras rebote ofensivo sumado a un costa a costa dun Sergio que
cada partido vai a máis provocou a reacción local e as primeiras dúbidas nunha
escuadra visitante pouco acostumada á replica no que vai de curso.
Cunha orde e un espírito de loita non vistos durante esta campaña, os
locais mantiñan o pulso aos santiagueses nun intercambio final de accións
positivas que supuxo o 16 a 20 no electrónico ao final do primeiro parcial. Aqueles que pensaban que non ía haber
encontro xa caeran na conta de que estaban equivocados.
Segundo cuarto. Dani acostuma tratar aos seus pupilos coma “soldados” e
neste exército Juan é coma John Rambo. Emulando ao traumatizado ex-boina
verde do celuloide, el só enfrontouse a un sorprendido o equipo rival sumando 9
puntos consecutivos (incluída unha calamitosa tripla a taboleiro) en tres
minutos. Son os mellores momentos do C.B. Ames, probablemente, de toda a
tempada. Nova tripla de Raúl e parcial de 12 a 0 para situar o electrónico en
28 a 20 a falta de seis minutos para o descanso e cunha bancada que levaba en
volandas á escuadra local. Os pupilos de Fran Varela parecían superados por vez
primeira este ano, pero unha vez asimilada a idea de que a empresa non sería todo
o doada que pensaban, demostraron saber sufrir e os motivos polos cales son o
favoritos non só desta eliminatoria, senón para levarse o título.
Cinco puntos consecutivos de David Pazo cortan a hemorraxia e obrigan a
pedir tempo morto a Dani, quen aproveita para mover o banquiño e sentar por vez
primeira a un extenuado Juan levándose unha máis que merecida ovación.
Os astros parecen seguir aliñados co C.B. Ames: Eloy anota dous tiros
libres e no palco o presidente do C.B. Ames explota orgulloso. Pero Conxo
reacciona e consegue poñerse por diante ante un conxunto local que comeza a
amosar os primeiros síntomas de esgotamento. Nun cuarto semellante a unha
montaña rusa nos momentos finais tocounos a costa abaixo, o que foi aproveitado
polo experimentado equipo visitante, liderado por Soriano, para castigar o noso
aro nos derradeiros dous minutos cun parcial de 2 a 9 e deixar o marcador en
36 a 43. Salvados pola campá.
Esgotado o factor sorpresa, no terceiro cuarto o obxectivo é claro: recuperar a intensidade e orde dos primeiros dezaoito minutos e non permitir que o rival colla distancia. Canastra inicial de David Pazo replicada por cinco puntos de Jorge que facía a súa entrada no encontro. Pero os visitantes amortiguaban de novo o arreón inicial gracias en gran parte ao acerto dun inspiradísimo Roi Pallares que mantiña a distancia de seguridade na contorna dos 7/9 puntos de vantaxe. Pero o C.B. Ames, cunha actuación tranquila e moi coral, non deixaba de crer e en ningún momento lle perdía a cara ao encontro. Resistencia numantina que, pouco a pouco, minaba os folgos dun conxunto visitante que comprobaba que, pese a dar o cento por cento, non era quen de sentenciar.
Coa contenda en equilibrio aínda que sempre favorable aos visitantes, ambos
equipos semellaron tomar un respiro e reservar as súas mellores armas para o cuarto
final. 48 a 55 a falta de dez minutos.
O plan de Dani funcionaba e o C.B. Ames estaba no partido. E máis
que ía estar. Con seis na pista (os cinco xogadores máis o público) o C.B. Ames
golpea primeiro cun fermoso contraataque culminado polo lituano Linas Baltusis
tras gran pase picado de Hugo. Co crono xogando a prol dos visitantes, o C.B.
Ames tentaba achegarse no marcador ante un rival non o poñía nada fácil. Tensión,
emoción e tripla de Jorge para situar o marcador en 55 a 59 a falta de cinco
minutos.
Aínda a risco de semellar cansinos, que partidazo de Juan! Remontando liña
de fondo anota a aro pasado (posiblemente con falta) para acurtar distancias e
elevar o nivel de decibelios do coliseo amiense ata o limiar da dor. Catro
puntos abaixo (57 a 61) e os nervios a flor de pel. Dous tiros libres e, como
se dunha nova moda se tratase, estratosférico aro pasado máis adicional dun Sergio
Rocha que sempre responde cando a ocasión o require. A diferenza nun punto (62
a 63) a falta de minuto e medio. A un paso de facer posible o imposible.
Pero se por algo se caracteriza o C.A.B. Conxo é pola súa experiencia e
saber estar nos momentos importantes. Cun aplomo pasmoso, David Pazo (vaia
crack!) aproveita o bloqueo directo para anotar unha tripla que sentou como
unha auténtica navallada no corazón dos amienses. Tempo morto. Estamos ante
unha eliminatoria de 80 minutos e perder a cabeza nun só deles pode supoñer tirar
pola borda a grandísima labor realizada, máis ante un rival que sabe como
penalizar cada unha das nosas debilidades. Dúas desacertadas eleccións en
ataque aproveitadas polos santiagueses terminaron por decantar a balanza ao seu favor por seis tantos de diferenza (63 a 69).
![]() |
| Abrumados e agradecidos |
Segundo acto o vindeiro domingo 10 de marzo no pavillón de Peleteiro ás 19:00. O plan segue en pé e máis vivo que nunca. Só hai que crer.
![]() |
| Ibón también cree no noso plan |
Por parte do C.B. Ames interviñeron:
Sergio Rocha (3,AA), Jaime (2,A), Juan (19,AAA), Jorge
(11,AA) e Sebas (6,A)- quinteto inicial – Sergio (3,AA),
Raúl (6,AA), Hugo (2,A), Víctor (2,A), Linas (2,A),
Alberto (5,AA) e NIco (-, A).
O mellor: espectáculo en maiúsculas. Ambientazo na
bancada, dous equipos xogando de poder a poder exhibindo as súas mellores
armas, dous adestradores moi por riba desta categoría implicadísimos nos seus
respectivos proxectos, respeto, deportividade, emoción, intensidade, etc... Que máis se pode pedir?
O peor: a diferenza final no marcador, aínda que, polo visto
sobre a pista, seis puntos non son nada. Hoxe non hai nada que reprochar.
E coma sempre, o encontro completo na túa canle de YouTube favorita:
29/02/24
A cuartos de final pola porta traseira
Derradeira xornada
da tempada “irregular” para o C.B. Ames. Unha vez coñecidos os resultados dos
nosos principais rivais (por razóns obvias, a FEGABA non contempla cuestións
tales como a unificación de horarios), compadecemos o pasado domingo como
locais fronte ao Negreira Basket coa clasificación para cuartos de final no
peto. Con todo o peixe vendido, tempo para os menos habituais e para tentar de
inverter a dinámica negativa de xogo e resultados perante a un rival que
tampouco tiña maiores aspiracións nin obxectivos que pechar a súa andaina do
xeito máis honroso posible.
A primeira cesta do
recén incorporado playmaker Sergio
non foi máis que un espellismo dun encontro que non pasará aos anais deste
deporte. Cun ritmo lento e moi espesos en ambos lados da pista, o C.B. Ames
víase superado polas acometidas dun rival que poñía moito máis empeño en cada
unha das súas accións. O Basket Negreira escapábase rapidamente no electrónico
ante a inoperancia dun conxunto local no que só Juan parecía saber interpretar
o que necesitaba o seu equipo: maior intensidade e decisión cara o aro. O 8 a
17 do primeiro parcial fala ben ás claras da seca ofensiva amiense.
Ao inicio do
segundo cuarto dúas canastras consecutivas do C.B. Ames, a segunda delas tras
espectacular fade away ao poste baixo
dun Jorge que, quen sabe por que, non repetiu aproximación á pintura visitante,
motivaron o primeiro tempo morto do adestrador do Negreira Basket ao obxecto de
sufocar calquera indicio de remontada. Nun cuarto presidido pola apatía e falta
de acerto de ambas escuadras, unha tripla (a única do equipo en todo o partido)
e un palmeo de Raúl, cada vez máis recuperado para a causa amiense, e unha
entrada de Jaime conseguían arrincar os primeiros aplausos na bancada nun pequeno
cambio de marcha que maquillaba as carencias locais, patentes e palmarias sobre
todo no apartado ofensivo. Sorprendentemente, ao paso polos vestiarios
seguiamos vivos (18 a 25).
Aínda que non era
día para diatribas, a verbas de Dani semellaron fornecer os ánimos do C.B. Ames
cara as súas posibilidades perante un rival que non estaba a facer nada
especial para levarse a contenda. Co veterano pivote Alberto moi certero dende
a media distancia e grazas ao empuxe de Juan e de Rocha, ademais dun notable
incremento das nosas prestacións defensivas que deixaron aos visitantes en tan
só catro puntos en todo o cuarto, conseguimos facer sentir o noso alento na
caluga dos visitantes e, tras un parcial de 10 a 4 (que tampouco foi unha orxía
anotadora, vaia por diante), situarnos a un só punto de diferenza a falta de
dez minutos para o final dun choque que, en honrando á verdade, foi “duro” de
ver (28 a 29).
E que algo parecía
haber no ambiente que indicaba que non sería o día dos locais. De novo volta ao
espesor. Os visitantes, algo máis espabilados e liderados polo seu base Paulo,
conseguían escaparse no electrónico no ecuador do parcial (30 a 37) fronte a
inoperancia e indolencia local no que unicamente Juan salvábase da queima. Pero
para gañar partidos, dito dun xeito moi básico, hai que meter máis puntos que o
rival (obviedade categoría cinco análoga a aquela futbolística que di que se
non tiras a porta non podes meter gol), e cos nosos primeiros espadas
desaparecidos (non “en combate” precisamente), cada canastra costaba sangue,
suor e bágoas. Diferenzas que para calquera serían escasas, como os catro
puntos de diferenza (34 a 38) a falta de tres minutos para o remate, eran todo
un mundo para nos. Cos xiareiros locais desesperados ante tanta inoperancia, o
Negreira Basket tan só tiña que deixar pasar o tempo e transformar os tiros libres
para levantar un infranqueable muro de 7 puntos de vantaxe (36 a 43) a falta de
pouco máis dun minuto. Só unha derradeira operación cosmética liderada de novo
por Juan permitiunos superar os corenta puntos e rematar cun axustado 42 a 45
nun encontro de guante branco por parte de ambos contendentes poñendo fin á
tortura para os xiareiros que se deron cita no municipal de Bertamiráns.
A continuación
deixámosvos a vosa disposición o partido enteiro, que tamén está subido na nosa canle de YouTube. Advertir que, pola alta probabilidade de causar danos
irreparables no espectador, recomendamos o seu visionado en pequenas doses e
sempre baixo prescrición médica:
Por parte do C.B. Ames interviñeron: Sergio (2, A), Jaime (2, -), Raúl (5, A), Linas (0, -) e Alberto (7, A) – quinteto inicial – Tomás (4, -), Rocha (3, A), Juan (11, AA), Jorge (2, -), Sebas (6, -), Eloy (0, -) e Nico (0, -).
Cuarto posto e, sen
solución de continuidade, a cuartos de final a vindeira fin de semana contra o
actual campión: o todopoderoso CAB Conxo, tamén coñecido como o “Papatorio,
Tapas e Brasas”. Agardamos que non veñan con moita fame...
O peor: a indolencia e falta de garra amosada, sobre todo cara ao aro
contrario. Aínda que o rival tivo erros de bulto propios da súa clasificación
final, a defensa non foi tan desastrosa coma o ataque. Superamos a tímida
presión visitante pero en lugar de aproveitar e castigar as inferioridades
numéricas do noso rival, paramos e permitimos a que a defensa se coloque. O
ritmo de xogo é paupérrimo. Non pode ser que algún xogador tarde máis de 12
segundos en colocarse para o ataque. Ver un contraataque é máis difícil que
tocar a pandeireta baixo a auga. Ás veces ata parece que sufrimos cando
atacamos...
O mellor: a clasificación para cuartos de final e que non houbera lesionados.
Obxectivo cumprido aínda que a marxe de mellora é moi grande.
24/01/24
Para esquecer
Difícil empresa a
do pasado domingo. Tras a derrota contra La Salle da xornada anterior, visita á
cancha do líder da competición, o ADB Fontiñas. Con 6 vitorias por tan só unha
única derrota, os pupilos de Ángel Noya pasan por ser un conxunto coral no que
a polivalencia dos seus integrantes e a súa intensidade son os seus puntos
fortes.
![]() |
| En posición |
![]() |
| Jaime saíndo da presión |
Consciente da fortaleza do rival, pero tamén dos seus puntos febles, e condicionado por baixas tan sensibles como as de Jorge e Alberto, Dani deseñou unha estratexia baseada en igualar a intensidade do equipo contrario coa fin de sorprendelo e ir a buscar aos santiagueses en tres cuartos de pista. Primeiros instantes e a proposta do adestrador visitante ten un éxito tan claro coma exiguo, concretamente 5 minutos, nos que os amienses estiveron firmes en defensa e, liderados por un Juan excelso, ordenados en ataque. Pero Fontiñas é un equipo que non afrouxa e, unha vez superada a sorpresa inicial e xa cos primeiros cambios sobre a cancha, elevaron a súa velocidade de balón e a porcentaxe de acerto exterior para dar un golpe de autoridade e poñer terra polo medio ao termo do primeiro parcial. O resultado de 20 a 9 antollábase como un castigo excesivo para visto sobre a cancha, pero é o prezo que hai que pagar cando estás negado cara o aro dun rival que penaliza cada erro cometido.
No segundo cuarto a
tónica xeral seguiu sendo a mesma. Parcial de 8 a 0 de saída a prol dun conxunto local
que pretendía finiquitar o choque pola vía do cloroformo ante a indolencia
visitante. Tras unha cantidade considerable de trocos na procura da fórmula que
permitira parar a hemorraxia, a combinación Tomás, Sergio Rocha e Juan (que foi
dos poucos xogadores amienses que entendeu de que ía o partido) conseguiu
equilibrar un pouco a balanza (32 a 22).
Neste amago de
remontada temos que destacar como unha das noticias positivas a primeira cesta
de Raúl en competición oficial tras máis de ano e medio afastado das canchas de
xogo por unha grave lesión. Benvido de novo, rapaz!
Pero cando mellor estaba o equipo amiense aconteceu unha das peores cousas que nos podería pasar: a lesión de Diego. Nunha entrada a canastra coa garra que caracteriza, o bravo escolta do Milladoiro pisa ao seu defensor, salta desequilibrado e aterra con todo o peso do seu corpo sobre o pé dereito en moi mala posición. Tendido sobre o parqué e con evidentes mostras de dor, tememos o peor. Incapaz de erguerse e tras varios minutos no chan, tivo que ser asistido polos seus compañeiros para chegar ao banco. Ao non remitir a dor e cun nocello ao que parecía que lle botaran levadura Royal, tomamos a decisión de dar parte inmediato ao seguro deportivo, que para iso está. Lamentablemente, se non hai o que eles denominan unha “urxencia vital” (isto é, un infarto, ictus, traumatismo craneoencefálico severo, etc.) non envían ambulancia, polo que tivemos que trasladar ao noso xogador en coche particular. Dende aquí queremos aproveitar para agradecer a magnífica disposición do conserxe do pavillón de Fontiñas cara a rápida evacuación do noso xogador, actitude diametralmente distinta á amosada pola recepcionista do Hospital HM A Rosaleda, pero isto é un blogue de baloncesto e a señora bastante ten en ser coma é, aínda que os sufridos pacientes que acoden as urxencias deste centro de saúde non teñan culpa da súa escasa capacidade de resolución.
Aínda que nun
principio temiámonos o peor, as probas hospitalarias determinaron un
diagnóstico menos grave do inicialmente previsto: escordadura de nocello de
terceiro grado. Mal menor e moitas doses de mala sorte dun rapaz ao que lle
apaixona o deporte en calquera das súas manifestacións. Estamos seguros de que,
grazas ao seu carácter competitivo e o espírito de loita que demostra día a
día, verémolo de novo en acción moito antes do que pensamos. ÁNIMO DIEGO!
Tras este incidente
o partido reanudouse pero o C.B. Ames, moi afectado por esta nova baixa, non compareceu
no resto do encontro. 38 a 22 no descanso e charla motivadora de Dani para
tentar resucitar aos seus nunha misión que se revelaba imposible.
Moitísimo máis
intensos e canastra tras canastra, o ADB Fontiñas non levantaba o pé do
acelerador para situarse rapidamente por riba dos 20 puntos de diferenza. Os 6
puntos consecutivos do C.B. Ames no ecuador deste cuarto non foron máis que un
espellismo.
As perdas de balón dos visitantes multiplicábanse ao mesmo ritmo que os puntos anotados dos locais en accións sen apenas oposición, os rebotes caían sempre en mans das equipacións brancas e, no caso de chegar a tirar, as porcentaxes de tiro eran paupérrimas (o 3/15 en tiros libres ou só 2 triplas anotadas en todo o partido). Todo isto traduciuse nun parcial de 26 a 11 e un marcador de 62 a 33 con dez longos minutos por disputar. Como diría o gran Domenico Modugno, “ciao, ciao, bambina”.
Derradeiro cuarto de trámite que non serviu máis que para afondar na nosa ferida. 19 a 10 de parcial e tanteo final de 83 a 43. Os 40 puntos de diferenza falan por si mesmos das prestacións duns e doutros ao longo de todo o choque. Tocados.
Por parte do C.B.
Ames interviñeron: Tomás (4,-), Jaime (2-,), Raúl (2,A), Juan (12,AA) e Sebas (7,-)
– quinteto inicial – Sergio Rocha (5,A), Ángel (3,-), Diego (2,A), Hugo (4,-),
Víctor (0,-), Eloy (0,-) e Linas (2,-).
O mellor: o regreso á competición de Raúl.
O peor: ademais da lesión de Diego, as sensacións ao final do partido. Se non
igualamos, polo menos, a intensidade do rival durante os 40 minutos, cos
argumentos ofensivos vistos este pasado domingo gañar será unha quimera. Quedan
tres finais, a primeira o domingo 28 na casa fronte a un directísimo rival como
é a Estrada. É imperativo que, ademais dun cambio radical de actitude que nos devolva a
nosa identidade, xogadores como Hugo, Sebas ou Linas sigan o exemplo de Juan e dean un paso ao fronte asumindo maiores responsabilidades e protagonismo. Baloncesto
temos de sobra pero hai que demostralo.
Pódese!





















