27/10/21

Xa estamos aquiiiiií...

(Por Rober Playmaker)

9 de marzo de 2020, encontro en Pío XII, vitoria contra Vista Alegre, entre os seus xogadores, Jacobo, na bancada o seu pai, Segundo, un clásico das bancadas do baloncesto base do noso querido deporte. 

Xa o Monbus Obradoiro fíxolle unha sentida homenaxe á tempada pasada e nós desde aquí sumámonos a lembralo.

Á semana seguinte, suspéndese a liga por tempo indefinido, incerteza non só deportiva, senón vital...a COVID-19 ía ser unha das palabras máis repetidas dentro do noso vocabulario...o resto, formará parte dos libros médicos e da historia mundial.

Despois de varios intentos pouco frutíferos durante a pasada e actual tempada, parecía que o C.B. Ames estaba moribundo, a sombra do COVID seguía moi presente e alongábase máis aló dos nosos pensamentos deportivos.

Varios xogadores tomaron a porta de saída, uns por ser o final da súa carreira, Jacobo, pivote con moita clase e visión de xogo,  formado na canteira de La Salle e bo amigo decidía que non continuaba; outros, por comezar a súa nova vida fóra de Galicia, Kike e Manu, os Beiro's bro, pequenos de estatura, pero grandes-grandes rapaces, é o típico que se di, pero é verdade, un, todo sorriso, non o perdía aínda que lle desen leña, só unha vez perdeu a cabeza tirando unha botella ao chan e ao pobre sinaláronlle unha técnica...pobre, fíxolle lembrar que non hai que perder nunca o sorriso; e que dicir de Manu, Manudona, gran xogador, o mellor base da categoría e cunha personalidade dabondo para dirixir a un equipo de veteráns...pouco máis se pode dicir xa; outros, como Raúl, comezando o seu rol como adestrador e deixando na caseta o seu rol como xogador, moita sorte Raúl!! e moitas grazas por facer teu o equipo, ao C.B. Ames pertencerás sempre por decreto. E que dicir de Juan, Juan dobre-dobre, en puntos e rebotes...e ás veces en técnicas...cando sacaba o saxo para pasear... aquí tes o equipo para cando queiras volver. Unha honra xogar convosco rapaces.

No verán, a idea de perder o equipo para sempre entristecíanos e, in extremis e case co reloxo de posesión a 24 segundos, fomos xuntando un a un aos xogadores. As ganas de adestrar e competir eran moito máis grandes que o medo ao COVID ou o desencanto por facelo con máscara.

Despois de moitas charlas, o núcleo duro, Jota, Victor, Dani, eu mesmo...etc., retomamos un bosquexo do equipo que tiñamos e vimos que a xente volvía ter disposición de adestrar e xogar, e, co boca-boca nos playgrounds da comarca santiaguesa, xuntamos un equipo equilibrado de 9 rapaces, Toni, Dani, Jaime, Tirso, Alberto Mata, Antón, Nico e os xa experimentados na categoría Diego e Jorge que unidos aos 5 veteranazos, Rober, Victor (novo capi), Alber, Elo e Linas e, que coa dirección de Dani, que decide colgar as botas e poñerse o traxe de adestrador (un lujazo) e con Jota que tamén temporalmente decide apartar a súa faceta como xogador e dedicarse en exclusiva á presidencia e pelexar nos despachos (outro lujazo), formamos un equipo con moitas ganas de facer grandes cousas na categoría. Unha categoría chea de equipos novos e experimentados, con xogadores con experiencia en EBA, nacional...a priori vai ser unha gran tempada!, había moitas, moitas, moitísimas ganas de basket!!...e aquí estamos de novo!!!.


Praína Basket SPC 38 - C.B. Ames 44


Primeiro partido contra Praíña (un equipo moi experimentado, equilibrado e rochoso) e a sempre odiada pista de Teo, onde os aros son máis duros que Clint Eastwood pasándose un misto pola faciana, non era un comezo moi agradable e que un desexaría despois sen estar sen competir tanto tempo, pero o equipo púxose o mono de traballo, e, este narrador que chegou para o último cuarto, puido observar que o equipo non deixou en ningún momento cómodo ao rival, que defensa!!, que gañas de comerse o balón!!...e eu, as uñas na bancada.

Co marcador moi axustado ao final deste último cuarto, con 6 minutos para finalizar, Jaime converteuse no protagonista e sen sabelo revulsivo do partido, despois de coller un par de rebotes imposibles, o 9 de Praíña, picado tirouno contra o chan, o noso escolta revolveuse cual pelexa de bar e caeulle a expulsión, máis por inexperiencia na categoría que por un mal xesto...Jaime, welcome á liga zonal!! Esta acción puxo moi tenso ao noso míster que despois dunha máis que educada protesta sinaláronlle unha dobre técnica máis rápida que o que se tarda en dicir "Usain Bolt". 

Todo por decidir, 3 tiros libres, produto da expulsións, para Praiña que o colocan a dous puntos por encima. Victor toma as rendas da dirección do equipo, tendo como axudante de luxo de Jota, que por momentos parecía que ía saír a xogar, que tensión!!

Despois de varias boas defensas, con axudas, de Tirso, Diego e sobre todo Eloy, sobre o seu mellor xogador, Anxo, o nº 1 de Praíña, facemos varios roubos que convertemos nunha canastra con reverso con derroche de calidade de Jorge, que tivo un enfrontamento persoal e perdeu co triple...xa haberá máis tardes, George!!!. Os ataques estiveron moi ben dirixidos por Toni e Dani que fixeron que o equipo executase moito mellor do esperado para un primeiro encontro, as xogadas ata o final, provocando moitas faltas no rival levándonos ao tiro libre. Estas mesmas xogadas facían que houbese sempre tiros librados no poste alto, na liña de tres...o que si atopou a vía do triple e o truco á canastra en Teo foi Alberto Mata (xa llo contas un día a Jorge e aos demais o truco) que con dous triplos consecutivos ponnos a 6 por encima e o The End. 

Case no ocaso do encontro, o seu xogador franquicia moi enoxado coa arbitraxe, pasa por encima de Alberto coma se fose unha alfombra persa, resultado: 5 puntos na cabeza...pero para Alberto,  outro día máis na oficina, aínda que ten que saír da cancha porque estaba a deixar a pista tuneada para Halloween...cambio de protagonista, entra Nico para coller un par de rebotes máis e agrandar aínda máis esta estatística e continuamos coa boa defensa sen meter ningún punto máis deixando o marcador 38-44. 

Fin e explosión de xúbilo, case dous anos máis tarde volvemos ter unha vitoria...dedicatoria ao míster (que en tempo récord fíxonos xogar como equipo) e á bancada...festa do basket!!

Seremos médicos, enxeñeiros, avogados, músicos, opositores, funcionarios, obreiros, estudantes, pais, fillos, etc,. Na pista todo eso dá igual, que a bola siga botando!!

Como anécdota dicir que estiveron 5 espectadores vip, os nosos/as rapaces/as da canteira que tamén quixeron observar de primeira man o bo comezo do equipo amiense.

19/10/20

Comunicado oficial C.B. Ames: renuncia á inscrición para a campaña 2020/2021

 

Último día para a inscrición na competición e chegou o momento que nunca imaxinamos. Tras unha profunda ponderación dos pros e contras e unha vez pulsadas todas as opinións e sensibilidades, decidimos adoptar a que sen dúbida é a decisión máis dolorosa na historia deste pequeno club: non exercer o noso dereito de inscrición para o curso baloncestístico 2020/2021.

Desde o Club Baloncesto Ames consideramos que non se dan as condicións para afrontar a competición cunhas mínimas garantías de viabilidade, sobre todo no que respecta á seguridade na saúde. Os protocolos deseñados tanto polas Administracións Públicas como pola FEGABA non ofrecen a seguridade suficiente para que os participantes nesta competición poidamos regresar aos nosos fogares tras a celebración dos correspondentes encontros coa tranquilidade de non ser vítimas dun contaxio e, deste xeito, converternos en vectores do virus.

Ademais do anterior, chama poderosamente a atención a actitude dunha Federación que, tras deseñar e impoñer un protocolo de actuación no que son os propios clubs os que asumen todos os custos derivados da súa aplicación, descarga toda responsabilidade nos propios participantes que son os que, tanto en primeira como en última instancia, deben de velar polo cumprimento de todas e cada unha das condicións impostas.

Ante o inasumible deste escenario, o Club Baloncesto Ames considera que o máis lóxico e prudente é esperar a que a situación epidemiolóxica mellore. Mentres esto non suceda, seguiremos adestrando como fixemos durante os últimos meses aplicando as medidas previamente deseñadas polo Concello de Ames e extremando as precaucións nestas sesións preparatorias á espera de que, algún día, poidamos volver competir.

Esto non é, nin moito menos, unha despedida. Tan só é un “ata logo”.

Moitas grazas a todos nosos supporters pola súa colaboración e apoio. Volveremos e, se cabe, con máis forza.

17/06/20

Estamos de volta!

Por fin chegou o gran día. Tras tres meses de longa ausencia, o C.B. Ames volveu a pisar o parqué do municipal de Bertamiráns para retomar a actividade. Coa ilusión do principiante, os discípulos de Gaby puxeron máis corazón que pernas nesta primeira sesión. Nestes tempos convulsos, e ademais das medidas impostas tanto polas autoridades sanitarias como polo Concello de Ames e relación ao desenvolvemento de actividades deportivas en recintos pechados, este club implementou as seguintes medidas específicas para as súas sesións preparatorias:
  • Tentar manter a distancia de seguridade de 2 metros na medida do posible.
  • Non haberá xogo con oposición.
  • Non haberá filas.
  • Tentar que os xogadores non se toquen a cara.
  • Cada xogador debe ter unha toalla de uso individual que se colocarán ao longo dos bancos.
  • Cada xogador debe ter unha botella de auga de uso individual co seu nome que se colocará na mesa de anotadores.
  • Evitar na medida do posible abandonar a pista nos descansos para entrar no vestiario.
  • Non se pode deixar roupa na pista.

O obxectivo é ir recuperando sensacións e, aos poucos, tanto a forma como o toque. Ao finalizar esta primeira sesión, podíase contemplar nos rostros dos xogadores a fatiga como consecuencia da inactividade, pero compensada coa satisfacción de volver sentirnos un equipo e facer o que máis nos gusta, que non é outra cousa que xogar ao BALONCESTO. 

Agora o que toca é continuar traballando nesta liña, ir incorporando a todos os nosos efectivos e, paso a paso, volver polos nosos foros. Por actitude, ilusión e ganas non será.

Volvemos! 

12/03/20

Competición suspendida ata o 25 de marzo (como mínimo)

Despois da xuntanza entre a Secretaría Xeral para o Deporte e os representantes das distintas federacións deportivas, entre as que se inclúe a Federación Galega de Baloncesto, no serán de onte procedeuse de maneira oficial á suspensión de todas as competicións organizadas pola FEGABA ata, en principio, o próximo 25 de marzo.


Esto significa o aprazamento das dúas próximas xornadas, incluíndo o encontro contra Praíña SPC Basket, inicialmente programado para o vindeiro domingo 15 de marzo ás 17.00 no Municipal de Bertamiráns.

Por outra banda, e unha vez consultados os responsables municipais competentes, de momento este equipo pode seguir cos seus adestramentos habituais tanto no pavillón de Bertamiráns como no de O Milladoiro á espera de calquera orde ou ditame das autoridades sanitarias que, como non pode ser doutra maneira, será acatada e respectada por todos os integrantes deste club.

Desde o Club Baloncesto Ames queremos facer un chamamento á calma e apelar ao sentido común de toda a cidadanía para non incorrer en accións que poidan derivar en situacións non desexables como consecuencia deste episodio de saúde pública.

Resultado de imagen de imagen coronavirus
Podes consultar aquí información relevante acerca da COVID 19 para a cidadanía en xeral
(Fonte: Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social)

Seguiremos informando coas novedades. Ánimo e paciencia!

09/03/20

C.B. Vistaalegre Vs. C.B. Ames completo

Neste post deixámosvos o contido íntegro do encontro da pasada xornada entre o C.B. Vistaalegre e o C.B. Ames disputado no pavillón de Pío XII:


Tedes este e outros vídeos do voso club favorito á vosa disposición na nosa canle de YouTube.

Grazas aos nosos incondicionais!

Sigamos apretando

Outro encontro transcendente para as nosas aspiracións o celebrado o pasado domingo en horario de madrugadores. O pavillón do coñecido colexio santiagués Pío XII albergou o enfrontamento entre o C.B. Vistaalegre e o C.B. Ames. A derrota no partido de ida no último segundo aínda está presente nas nosas retinas e pesa como unha lousa á hora de acceder ao obxectivo da clasificación para a fase final. Prohibido fallar.

Os primeiros instantes do choque foron de mero tenteo entre dúas escuadras que acusaban o frío ambiente que presidía o sintético colexial. Nos seis primeiros minutos do lance, o electrónico reflectía un exiguo 3 a 3 froito da escasa produción ofensiva duns contendentes que parecían non entrar en calor. Pero a partir dese momento comezou o partido de verdade cos locais golpeando primeiro. Como quen non quere a cousa, o C.B. Vistaalegre aumentaba a súa porcentaxe de acerto fronte a un C.B. Ames que, aínda que armaba unhas ofensivas correctas e ordenadas, fallaba na súa execución. E como o que conta é o acerto, os locais despegáronse no marcador e rubricaron o seu mellor cuarto do partido cun triplo desde nove metros (nun apoio e a taboleiro) do seu base Veiga, con moito o mellor xogador do C.B. Vistaalegre. O 17 a 8 cultivado no primeiro parcial obrigaba ao C.B. Ames a elevar a súa porcentaxe de acerto e a redobrar os esforzos defensivos en pos de igualar a contenda.



Cambio de compás. Se non hai acerto desde fóra o ideal é achegarse ao aro. Esta consigna foi entendida polo C.B. Ames á perfección grazas a un Alberto Jr. que vai asumindo cada vez máis responsabilidades en pos do rol que lle pertence dentro deste equipo, conseguindo anotar en fulgurantes penetracións que tan só podían ser cortadas con falta persoal. Mentres tanto, o camiño ao noso aro achábase cortado e calquera esperanza de segundas accións en forma de rebote para os locais convertíase nunha mera ilusión grazas ao dominio baixo os aros de Juan, Eloy e Linas, os tres únicos xogadores verdadeiramente interiores dos que dispoñiamos para o partido de onte. O relevo de Alberto tomouno, como non, un Manu inmenso en todo o rectángulo de xogo, que daba continuidade ás canastras tras penetración mentres dirixía o xogo coa eficacia e eficiencia acostumadas. Como guinda para o pastel, Raúl anotaba o noso primeiro triple tras unha xogada coral para certificar a remontada ante un superado conxunto santiagués cuxa única opción era que chegase o descanso canto antes. Mocidade ao poder. Co 5 a 16 de parcial restañábamos a ferida do primeiro cuarto e situabámonos por diante no marcador (22 a 24) aínda que a empresa non era como para confiarse, nin moito menos.






Tras o descanso a tónica sería a mesma. Manu facendo e desfacendo ao seu antollo e Juan dominando a ambos os dous lados da pista para certificar un parcial de 0 a 7 nos tres primeiros minutos para alcanzar unha renda favorable de 9 (22 a 31) que, en principio, outorgábanos unha certa dose de tranquilidade tan só rota pola sinalización da cuarta falta persoal de Raúl, o que provocou a súa substitución por un inédito Jorge que, debido ás súas molestias nas costas, non adestrou en toda a semana. Pero o francotirador amiense é todo un asasino e, con dous triples noutros tantos intentos, asentou as nosas posibilidades reais de vitoria situando un claro 26 a 37 no electrónico ante a algarabía da parroquia visitante. Pero, grazas a dous triplos consecutivos (o segundo, apoiándose en táboa) do escolta local Rial, o C.B. Vistaalegre conseguía manterse a flote nuns instantes finais de cuarto protagonizados por un Víctor que tirou de experiencia para anotar tres puntos de forma consecutiva e afianzar o noso dominio no marcador. Novo parcial favorable (10 a 16) e o marcador en 32 a 40 a falta de dez minutos de partido. Aínda que o partido estaba de fronte, non había que relaxarse.




Primeiro minuto do último cuarto no que o repentino caos visitante foi aproveitado polos locais para situarse a catro puntos (36 a 40). Tempo morto de Gaby e cambio múltiple para invertir a perigosa deriva. Pero, unha vez máis, Jorge con dous triples pon as cousas no seu sitio ante un rival ao que se lle esgotaron todos os seus intentos de remontada. Serios en defensa e con Manu como claro dominador do tempo do partido, o C.B. Ames dedicouse a conservar a renda favorable na contorna dos dez puntos ata o 43 a 53 final que supón unha nova lombeirada ás nosas opcións de clasificación. Agora toca pensar nos difíciles duelos que nos esperan, comezando co enfrontamento contra un rival directo, o Praíña SPC Basket, a próxima xornada.





A continuación, la estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)
O respecto mutuo e a deportividade caracterizaron o encontro


O peor: a falta de acerto no primeiro cuarto e algúns momentos de relaxación que debemos desterrar para futuros enfrontamentos.

O mellor: o sobrepoñernos á desvantaxe inicial e resucitar a tempo. Mención aparte para o labor do único colexiado que dirixiu o encontro, o sr. Trasancos: firme e dialogante á vez e, sobre todo, xusto e equánime ao manter o mesmo criterio durante os corenta minutos de partido para ambos equipos. Parabéns pola súa impecable dirección.


A sesión vermú cos nosos familiares, amigos e afecionados estivo moi entretida...

  

03/03/20

C.B. Ames Vs. XL Milladoiro completo

Turno para a visualización do derbi desta semana entre o C.B. Ames e o XL Milladoiro:


E, como sempre, lembra que podes ver este e outros partido do teu club favorito na nosa canle de YouTube.

Grazas polo voso incondicional apoio!

O derbi quédase en Bertamiráns

Primeira das cinco finais que nos restan para cumprir o obxectivo de clasificarnos entre os catro primeiros e acceder ás eliminatorias polo título. E para comezar, nada de medias tintas. O pasado sábado recibimos ao XL Milladoiro no clásico derbi de Ames. Un club con enxunlla ao que hai que sumar que esta tempada converteuse nun rival directo na loita polo obxectivo, polo que a contenda exixía a máxima das concentracións para evitar os erros ante unha experimentada escuadra que penaliza o máis mínimo fallo.

Compases iniciais de tanteo e xogados ao ritmo lento que interesaba aos visitantes. Con todo, os primeiros catro puntos eran contestados rapidamente por Juan con sendos triples desde a frontal do aro. Unha vez superada a sorpresa inicial en forma de defensa individual exposta polos visitantes, e tras dúas canastras fáciles baixo o aro recibidas, o C.B. Ames comezaba a ver o aro con accións de mérito de Eloy, Juan (8 puntos e 5 rebotes neste cuarto) e un triplo dun aínda convalecente Diego, accións que tiveron resposta no triplo postremeiro de Seoane para certificar un 13 a 12 favorable nun parcial que non pasará aos anais do baloncesto nin pola intensidade nin polo acerto dos seus contendentes.




No segundo cuarto a iniciativa sería para os visitantes. Ao ralentí, e en colaboración coa baixa porcentaxe de acerto dos xogadores do C.B. Ames, o XL Milladoiro situaba o partido no lugar no que lle interesaba, grazas a un claro dominio reboteador e ao seu acerto desde o tiro libre (11 tiros libres anotados neste cuarto, os 7 últimos de forma consecutiva). Tan só uns escintileos dun C.B. Ames baixo de folgos impediron que a sangría fose maior. Pero o 14 a 19 deste cuarto significaba que o XL Milladoiro íase aos vestiarios cun 27 a 31 favorable e a moral polas nubes, mentres que no C.B. Ames os ánimos estaban polo chan.




Deste xeito, a charla no vestiario presentou un carácter máis psicolóxico que táctico. Gaby tentaba motivar aos seus xogadores e provocar unha reacción anímica neles co obxectivo de borrar unhas caras longas máis propias dun tanatorio que dun pavillón de baloncesto.

A arenga daría os seus froitos. Dous triples de Jorge nos dous primeiros ataques ofrecían unha boa mostra do cambio de actitude fronte a un equipo visitante que pretendía capear o temporal arrefriando o partido. Momento para a entrada de pernas frescas: Manu, Alberto Jr. e Diego que deron máis mordente ao C.B. Ames a ambos lados da cancha e permitiron levar o choque a un ritmo máis elevado que nos favorecía. Con Juan dominando a pintura, as arrincadas locais apenas obtiñan contestación por parte dun XL Milladoiro cada vez máis mermado fisicamente. Pero, como xa sabemos, os animais feridos son máis perigosos, e a vantaxe adquirida no marcador non era suficiente, nin moito menos, como para dar por morto ao rival. Nas postrimerías deste cuarto os colexiados parecían insuflar aire aos visitantes coa sinalización dunha incomprensible falta a Manu (a tres metros da acción sancionada), un rebote ofensivo e canastra de Juan tras tiro libre por unha suposta invasión (o que sucedeu é que o pivote visitante creu que eran dous tiros libres en lugar dun, deixando só ao noso center para a sorpresa do colexiado) ou unha técnica ao banco por levantarse a celebrar unha acción ofensiva. Con todo, 17 a 11 de parcial e 44 a 42 ao noso favor.




Coa nosa espada de Damocles particular en forma de final axustado, a intención do C.B. Ames era non repetir erros pasados que nos condenaron en situacións similares esta mesma tempada. Queixarse menos e baixar ao barro. Contando coa consabida permisividade arbitral e na seguridade de que este partido gañaríase en defensa ante un rival que acusaba o paso dos minutos, o C.B. Ames decidiu poñer toda a carne no asador co obxectivo de manter as súas aspiracións de clasificación, aspiracións que facían da vitoria unha necesidade vital e da intensidade o camiño para obtela.

Cunha superioridade física manifesta sobre a cancha, Coach G decidiu darlle a responsabilidade a Alberto Jr., moito máis potente e fresco de pernas que o seu par, e explorar unha vía que resultaría determinante para a nosa sorte no partido. Desequilibrante e decidido, o novo aleiro local facía moito dano aos seus rivais a base de penetracións que desarboraban á fatigada defensa visitante. Baixo a batuta dun Manu máis centrado na dirección de xogo e na defensa que na produción anotadora, un ata ese momento irregular Jorge decidiu sumarse á festa para anotar a tripla que achandaba o camiño cara ao triunfo, vitoria que máis que no ataque asentouse nas tarefas defensivas. O camiño ao aro estaba pechado para os visitantes que tan só conseguiron anotar seis puntos en todo este cuarto, consecuencia clara do desequilibrio físico existente que motivou a claudicación do XL Milladoiro e que o C.B. Ames non pasase apuros no tramo definitivo do partido, vencendo con solvencia 58 a 48 e superando o primeiro exame para a consecución do obxectivo final.




Todos xuntos a pola seguinte vitoria

A continuación, a estadística completa dos jugadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

O peor: o acerto nos tiros de campo e o xogar ao ritmo do XL Milladoiro durante moitas fases do encontro.

O mellor: o tramo final do partido en canto a actitude e determinación para gañar. En calquera caso, temos que seguir mellorando se queremos conseguir o noso obxectivo.

18/02/20

C.B. Tecven Padrón Vs. C.B. Ames completo

Se nin o All-Star Weekend nin a Copa do Rey ACB convencéronche, aquí tes unha boa opción de redimirte co encontro do C.B. Ames da pasada xornada: 


E lembra, podes visionar este e outros partidos do teu club favorito na nosa canle de YouTube.

Moitas grazas a todos!

Amence que non é pouco

Sen marxe de erro, o C.B. Ames comparecía na tarde do pasado domingo no municipal de Padrón para iniciar a remontada na clasificación ante un rival que coñeceu tempos mellores. A tarde lembraba demasiado á da tempada pasada, meteoroloxicamente falando, na que un temporal asolagou a pista e obrigou á suspensión do partido en primeira instancia para procederse, tras unha polémica decisión do Comité de Competición, á cancelación do encontro e outorgar a vitoria ao C.B. Ames, a máis diso a consecuente sanción ao club padronés, feito que lamentamos profundamente no seu día e que esperabamos que non se volvese a repetir, a pesar de que os ingredientes eran moi parecidos.

Pero ao chegar disipáronse os nosos temores e o partido podía disputarse, eso si, con certo risco xa que a superficie sintética da instalación presentaba unha porcentaxe de humidade que nin o traseiro de Aquaman, o que obrigaba á restrición de movementos, sobre todo aqueles que implicaban bruscos cambios de ritmo ou desprazamentos laterais, todo coa fin de evitar calquera tipo de lesión inoportuna.

E é que a resistencia dos locais só ía durar os catro primeiros minutos, nos cales conseguiron dar réplica aos primeiros cinco puntos de Quique e a un triple de Jorge, que estaba a calibrar o seu fusil de francotirador para esnaquizar a previsible zona 2-3 proposta polo Tecven Padrón. Unha vez localizado e fixado o obxectivo, lume a discreción. O C.B. Ames comezaba a atacar con decisión o aro rival para anotar desde todas as posicións á vez que negaba o acceso a canastra ao rival. Triple de Jorge, canastón de Eloy selando ao seu defensor, tiro de media distancia de Quique, catro puntos consecutivos de Juan e unha entrada en velocidade de Diego daban boa mostra do noso amplo repertorio ofensivo. Namentres, un desarmado Tecven Padrón só era capaz de anotar un tiro libre. Conclusión: 7 a 21 no primeiro cuarto e o partido a piques de romperse.




Co obxectivo entre cella e cella de dinamitar a contenda, o segundo cuarto arrincaba cunha feroz ofensiva por parte visitante, iniciada por Diego, Víctor e Manu, liderada por Raúl en plan estelar con 12 puntos neste parcial (4 de 6 en tiros de campo, incluídos tres triplos consecutivos) e rematada por Jorge, que facía saltar polo aire calquera aspiración do conxunto padronés por manterse no partido. Co 31 a 0 de parcial do encontro de ida aínda na retina, este parcial saldouse a favor do C.B. Ames por 3 a 31, feito que non facía senón máis que ratificar a diferenza existente entre ambas as escuadras na presente campaña. Ao descanso, 10 a 52 a favor do C.B. Ames. Partido finiquitado e dous cuartos por diante para afianzar automatismos, recuperar sensacións perdidas e repartir minutos entre todos os xogadores. Prohibido diminuír a intensidade.





Á saída dos vestiarios os locais tentaron sorprender cunha inesperada defensa individual que, máis por deméritos do C.B. Ames que por méritos propios, conseguiu deter a hemorraxia en primeira instancia. Pero o simulacro de resistencia local durou o que o físico do seu pivote González, esto é, uns poucos minutos. Unha vez máis, os amienses conseguían ver o aro con facilidade e anotar desde todo tipo de posicións para anotarse un novo parcial, esta vez por 13 a 21, e situar no electrónico a nada desdeñable renda de 50 puntos ao noso favor (23 a 73).






Con nada en xogo agás a integridade física dos xogadores nunha pista cada vez máis esvaradiza, como proba o dobre axel de Diego no último lance do cuarto anterior e que lle custou un bo golpe nas súas posadeiras, os últimos dez minutos foron mero trámite. Gaby limitouse a repartir minutos entre os seus xogadores e a incidir nalgunhas cuestións de índole táctica coa mente posta no noso próximo rival, o XL Milladoiro. Novo parcial favorable aos nosos intereses por un claro 5 a 18 para un resultado final que o di todo: 28 a 91.





El marcador final habla por sí mismo

A continuación, a estatística completa dos xogadores do C.B. Ames:

(Pincha para ampliar)

O peor: o risco de lesión inherente a unha superficie tan esvaradiza.

O mellor: recuperamos a senda da vitoria nunha actuación moi coral. Sen dúbida, este é o camiño aínda que os rivais que se nos veñen encima, sen dúbida, exporán moita máis batalla que o Tecven Padrón. Agora toca mentalizarse e aproveitar os adestramentos ao máximo para estar a punto cara á recta final da tempada que comeza dentro de dúas semanas debido ao parón pola festividade de Entroido. Bo momento para deixar o disfrace de perdedores e cambialo polo de gañadores. Imos!