Ofrecémosvos o partido completo correspondente á 9º xornada da tempada regular.
Lembrade que podedes disfrutar (ou padecer) este e outros encontros do voso club favorito na nosa canle de YouTube.
Moitas grazas polo voso apoio!
Ofrecémosvos o partido completo correspondente á 9º xornada da tempada regular.
Lembrade que podedes disfrutar (ou padecer) este e outros encontros do voso club favorito na nosa canle de YouTube.
Moitas grazas polo voso apoio!
O partido correspondente á 9ª xornada da tempada regular e que nos enfrontou a La Salle Bonaval non era un partido máis. Dende o principio da campaña, foi seleccionado polo noso eterno playmaker Rober para poñer o punto e final a unha dilatadísima carreira perante o club no que se formou como xogador de baloncesto. A bancada amiense tinguiuse coas súas mellores galas para render unha máis que merecida homenaxe, dándose cita familiares, amigos e compañeiros para arroupar ao base santiagués neste last dance. Moitas emocións e os sentimentos a flor de pel.
No plano
estritamente competitivo, encontro importantísimo para ambas escuadras. Tras o
tropezo da xornada anterior, O Club Baloncesto Ames tentaría recuperarse a
costa dun La Salle Bonaval, gañador na ida celebrada en Santiago, que
chegou ao coliseo amiense disposto a rematar coa súa racha negativa e
reengancharse na táboa clasificatoria. Prognóstico igualado nun choque que, a
bo seguro, decidiríase por detalles.
Tras o intercambio
de golpes inicial, os locais sofren o primeiro (e determinante) revés en forma
de lesión do seu mellor anotador, o aleiro Jorge Rodríguez, que tivo que
abandonar de xeito prematuro o encontro por unha probable escordadura de
xeonllo nunha agarrada fortuíta co seu par.
![]() |
| Jorge, apoiado por Alberto e por Eloy, retírase lesionado ante a preocupación de Dani |
Os colexiais aproveitaron o momentáneo estado de shock para tomar as primeiras vantaxes no electrónico (4 a 9, minuto 6) o que motivou o primeiro tempo morto solicitado por Dani ao obxecto de recompoñer filas e introducir os primeiros cambios. Baixo a batuta dun extramotivado Rober, Jaime bótase a responsabilidade ás costas e cunha entrada a canastra de fermosa factura seguida dunha tripla consegue igualar a contenda rapidamente. Os dous tiros libres anotados polos visitantes son compensados por unha canastra do sempre intenso Sergio Rocha para asinar as táboas no electrónico ao final do primeiro cuarto (11 a 11).
No segundo parcial os locais meten un par de marchas máis en defensa nun intento de maniatar os ataques visitantes e coller a iniciativa nun encontro aparentemente sen dono. Cun Diego explosivo e con Juan facendo o traballo sucio, o C.B. Ames consegue someter temporalmente aos estudiantís e situar o electrónico 22 a 17 a falta de dous minutos para o descanso.
Pero, lonxe de poñerse nerviosos, os visitantes conseguen con moito oficio acurtar distancias para chegar ao ecuador do encontro só dous puntos abaixo (25 a 23) e todo por decidir.
Despois do paso polos vestiarios La Salle sae disposto a recuperar a iniciativa perdida. Moito máis enchufados, dúas tripas consecutivas do seu xogador máis incisivo, Fernán Bouzán, volteaban un encontro de toma e daca constante (27 a 31, minuto 25). Tras un novo tempo morto, Coach D decide dar entrada á vella garda para salvar a situación: Rober, Alberto e Eloy. Nada máis saír, no día da súa despedida, Rober recolle un rebote ofensivo e, tras avaliar á defensa visitante, decide agasallarnos aos alí presentes cun aro pasado a unha man con dous rivais encima ao máis puro estilo Michael Jordan:
Con Eloy e Juan negando o camiño ao aro e Alberto desconcertando a propios e estraños cun par de cestas marca da casa á remanguillé, logramos situarnos a un só punto (37 a 38) a falta de dous minutos para o remate do terceiro parcial.
Pero novamente os visitantes, moi acertados dende a liña de persoal e apoiados no talento ofensivo de Fernán Bouzán, conseguían finalmente volver a incrementar a diferenza ata os sete puntos ao final deste cuarto (39 a 46), poñendo contra as cordas ao C.B. Ames.
![]() |
| Dani intercambiando opinións co colexiado, Chema Lázare, que estivo bastante acertado |
Un C.B. Ames necesitado de puntos saíu decidido pola remontada e con dúas triplas de Diego e Sebas, con Rober aos mandos, e o empuxe de Jaime e de Juan, conseguimos situarnos a un punto a falta de cinco minutos para o remate (49 a 50).
Unha tripla
visitante e unha serie de imprecisións consecuencia dos nervios por parte de
ambos equipos precederían ao momento cumio da xornada e, probablemente, desta
campaña. A falta de 2:51 para o final chega o cambio de Rober e, en
consecuencia, a súa despedida. Compañeiros, rivais, colexiados, familiares,
xiareiros e ata a nosa mascota Lolo en pé aclamando ao noso protagonista nunha
atronadora ovación. O base amiense, apaixonado do espectáculo, non defrauda e executa
a súa performance quitando a camisola do C.B. Ames desvelando a
equipación do La Salle que tantos anos levou con orgullo. Risas, apertas e
emoción, sobre todo moita emoción na despedida dunha persoa que sempre o deu
todo por este deporte. Honor e recoñecemento máximo.
Cun nó na gorxa o
encontro chega á súa fase decisiva cun 49 a 53 a prol dun equipo visitante que
contiña as arremetidas locais grazas, en boa parte, ao seu acerto dende o poste
alto e, sobre todo, máis aló da liña de 6,75. Co noso francotirador Jorge
lesionado, as opcións pasaban por intentar manter a cabeza fría en ataque e a
firmeza en defensa, pero o maior aplomo e acerto dos visitantes non permitía ao
C.B. Ames achegarse no electrónico. Os
tiros libres de Juan e de Tomás non serían suficientes e La Salle levaríase o
encontro por un tenteo final de 57 a 62. Derrota que se ben é certo que supón
unha freada nas nosas aspiracións, non amargou se quera un chisco da festa de
despedida do noso inesquecible Rober nun día que, a bo seguro, quedará marcado
nas retinas de todos os que formamos parte desta pequena gran familia.
Por parte do C.B.
Ames interviñeron: Tomás (6/A), Jaime (9/AA),
Juan (10/AA), Jorge (-/s.c.), e Sebas (10/s.c.) – quinteto inicial – Rober (3/AAAA),
Diego (8/AA), Sergio Rocha (5/A), Alberto (6/A), Eloy (-/A), Víctor (-/s.c.) e
Nico (-/s.c.).
O peor: a retirada de Rober. Quedamos un pouco como os rapaces de Verán Azul
coa morte de Chanquete. Cando un amigo se vai, algo morre na alma lolailolailo... Grazas polos servizos prestados amigo!
O mellor: esta retirada non é en van. Hai relevo e ten nome e apelidos: Raúl
Porto Vázquez. Tras superar unha grave lesión, Raúl promete volver a ser
referente neste equipo. Regreso esperado e unha das grandes noticias deste curso.
Benvido de novo rapaz!
![]() |
| Rober dando o relevo a Raúl |
![]() |
| Con Tomás o futuro está garantido |
![]() |
| F-A-M-I-L-I-A |
Derradeira xornada da primeira volta a celebrada o pasado sábado 2 de
decembro no complexo deportivo Pedra Mámoa. Un C.B. Ames en clara liña
ascendente visitaba a un tan irregular coma necesitado Negreira Basket coa
clara consigna de afianzar as sensacións dos últimos partidos e, de paso, consolidar
a súa clasificación na parte alta da táboa.
Ambiente frío nunha bancada que contou, ademais dos irredutibles xiareiros
de sempre, coa presencia de caras coñecidas do Hall of Fame amiense
tales coma Lito e Gaby, base e adestrador ilustres da nosa recente historia,
quen non quixeron perder detalle da evolución do equipo que lles deu gloria e
sufrimento a partes iguais.
O frío e a humidade reinantes pronto deixarían paso a outro fenómeno: o
quinteto inicial formado por Tomás, Diego, Jaime, Juan e Sebas. Todo un rebentón
térmico en forma de baloncesto que asoballou a un conxunto local superado en
todas as facetas do xogo. Liderados por Juan en defensa e por un incandescente
Diego en ataque, os primeiros cinco minutos de cuarto foron o mellor, sen dúbida,
de toda a tempada. Defensa pétrea e abafante, rebote pechado, transicións ordenadas,
e ataques precisos e contundentes nunha orxía baloncestística de cinco minutos
(2 a 21) que constitúe o sono húmido de calquera adestrador.
Pero, como todo sono (húmido ou non) implica espertar, non cabía outra e, tras
eses cinco minutos explosivos, o equipo local foi quen de reaccionar obrigando
a Dani a solicitar o seu primeiro tempo morto a falta de tres minutos para o
final, e co electrónico 10 a 21, co
obxectivo de aplacar os ánimos de remontada dos negreireses. De aquí ao remate
do cuarto ambos contendentes firman un armisticio que levaría o marcador ata o
15 a 26.
O segundo cuarto transcorrería polos lugares máis comúns aos que nos ten
acostumados o baloncesto nesta categoría. Os intentos de remontada local son sufocados
por varias accións de Sebas e Juan, ao cabo os dous mellores homes sobre a
pista, e unha nova tripla de Diego que restableceu a orde dun encontro moito
máis equilibrado que no parcial anterior. Ao descanso, 28 a 38 a prol dos
amienses e situación aparentemente controlada.
Para a continuación prevíase que o Negreira Basket queimase todas as súas
naves e saíse decidido a igualar a contenda. Conscientes desta circunstancia, os
visitantes deron un paso ao fronte e golpearon primeiro a canastra local con
dúas boas accións de Jaime. As acometidas locais eran sistematicamente abortadas
por un conxunto visitante que, ao contrario que noutras ocasión similares, non
parecía poñerse nervioso. A falta de tres minutos, o noso francotirador Jorge,
aínda que un pouco escarallado, decide comparecer no encontro e anotar unha
tripla que, sumada a canastra do sempre valente Sergio Rocha, suporía a nosa máxima
vantaxe no electrónico (+ 16). Os tres últimos puntos dos locais dun cuarto que
remataría con 45 a 58 non paliaban a sensación de encontro controlado en todo
momento.
Pero tiñamos dous inimigos, ambos invisibles e alleos ao rival: o tiro
libre e a posibilidade dun exceso de confianza. Mentres o primeiro estaba a ser
compensado por unha eficaz defensa e por un xogo de ataque solvente, o segundo aínda
estaba por facer acto de presencia nun encontro sen finiquitar. De forma
antagónica aos cinco primeiros minutos do encontro, o C.B. Ames mostraba a súa
cara máis amarga ante un rival que, liderado por Aldán Prieto, golpeaba unha e
outra vez a canastra visitante ata chegar rapidamente ao noso rebufo. Pero as
remontadas non se culminan ata que o conxunto que as protagoniza consigue superar
ao seu rival. Todas as pantasmas do encontro da campaña pasada parecían pasear
polo pavillón coma un espectador máis en plan Expediente Warren. Pero en
lugar de chamar Ed e Lorraine Warren para quitar o mal de ollo, o adestrador local
Dani decidiu, con bo criterio, apoiarse en dous dos seus pesos pesados: Sebas,
convertido xa en imprescindible tras só sete encontros oficiais coa elástica
amiense, e un Jorge que, aínda a medio gas, segue sendo un fora de serie. Con
58 a 58 e a falta de catro minutos o francotirador desempoa o seu fusil para
anotar unha tripla estratosférica cumprimentada con dous tiros libres do
venezolano que poñen terra polo medio. De aí ao final e aproveitando o exceso
de ansiedade dos locais personalizado nun Aldán Prieto, ben defendido por candepresa
Juan, que pasou de heroe a vilán polo seu excesivo egoísmo nos instantes
decisivos, nova canastra de Sebas e dous tiros libres de catro intentos que
certifican a nosa cuarta vitoria en seis partidos, pechando unha primeira volta
que o propio adestrador amiense non dubidou en cualificar como de “notable”.
Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (2, A), Diego (11, AA), Jaime (7,
AA), Juan (13, AAA) e Sebas (15, AAA) – quinteto inicial – Jorge (9, AA), Alberto
(6, AA), Sergio Rocha (3, A), Hugo (1, A), Linas (AAA), Ángel (s.c.) e Nico (s.c.).
O peor: os tiros libres (12/30) e o exceso de confianza
que ben puido costarnos moi caro. Como xa defendemos nalgunha que outra ocasión,
hai que pechar os partidos cando o rival está noqueado e non permitir a súa
resurrección, pero éntranos o complexo de Mesías e estragamos a nosa oportunidade
nunha categoría marcada pola igualdade e na que ese tipo de detalles poden
supoñer a diferenza entre o éxito e o fracaso.
O mellor: sen lugar a dúbidas, os primeiros cinco minutos
do encontro. 21 puntos anotados por só 2 recibidos e proxección duns imposibles
160 puntos que nos deixaron atónitos a todos os presentes. Entre iso e os cinco
primeiros minutos do cuarto final hai un equilibrio que é ao que debemos tender
se desexamos seguir sendo competitivos.
Mención aparte para a sorpresa final que nos tiña reservada o lituano e
tamén residente Linas Baltusis e a súa parella Mabel en forma de ágape/cea con
todo luxo de detalles, o mellor deles o valor humano desta xuntanza. Máis alá
de vestiarios e pistas de basket, así é coma se fai equipo sendo a cualificación
triple A só un humilde recoñecemento á vosa aportación. Moitas grazas chicos!
E para rematar, informáronos que un personaxe ilustre destas datas, e que
non é Papá Noel, tivo a posibilidade de ver os nosos cinco primeiros minutos e,
ante o seu abraio, non quixo deixar pasar a oportunidade para deixarnos esta
mensaxe:
O pasado luns 27 de novembro o C.B. Ames desprazábase ao Manuel Coto
Ferreiro en horario de prime time para afrontarse ao Ulla Oil – EDM A
Estrada en encontro aprazado correspondente á 4ª xornada da competición.
Pasaran pouco máis de 24 horas dende a agónica vitoria contra o Santa Baia de
Boiro e a exixencia era máxima nun choque, a priori, presentábase moi igualado.
Balón ao aire e primeiros instantes de dominio local rapidamente
neutralizado pola reacción do C.B. Ames liderado por un Diego en estado de
éxtase e autor de nove puntos consecutivos de todas as facturas. Primeiras
diferenzas no marcador no ecuador do cuarto (9 a 13) e mensaxe entregada: o
C.B. Ames non se ía deixar asoballar por un rival que ten no seu empuxe físico
e na presión da bancada os seus principais activos.
A agardada reacción dos locais foi contida con éxito polos amienses. Un
cada vez máis recoñecible Hugo colleu o relevo de Diego en tarefas ofensivas
para manter as distancias e, apoiados nunha defensa sólida e ordenada,
conseguir levarnos o primeiro parcial por un axustado 14 a 17.
Tempo para a segunda unidade e seguir picando pedra. E falando de pedra,
tripla de Jorge a taboleiro nunha nova homenaxe ao seu mestre, D. Alberto Mata,
e entrada decidida de fino estilista de Hugo que ofrece unha pinga de todo o
potencial que ten o aleiro amiense.
14 a 24. Son os mellores momentos dun equipo visitante que non parecía
acusar o desgaste físico do día anterior. Dani, o adestrador visitante, movía
as súas pezas administrando as súas forzas con premeditada proporcionalidade consciente,
como técnico experimentado que é, de
estar ante un encontro que, a bo seguro, íase decidir nos instantes finais e
por pequenos detalles.
Pero os estradenses son un equipo rochoso. Pouco a pouco e liderados por
Eloy Pazos, xogador franquía, a escuadra local aproveitou a repentina seca
visitante para anotar doce puntos consecutivos e, incluso, poñerse por diante
no marcador, se ben o C.B. Ames soubo cortar a tempo a hemorraxia para chegar
ao descanso co marcador empatado a 28 puntos e todo por decidir. Mascábase a
tensión no ambiente.
O inicio do terceiro cuarto semellaba unha réplica dos primeiros instantes.
Primeiro tirón do C.B. Ames contestado case de inmediato polos locais nun
encontro de ida e volta e no que o aspecto físico ía cobrando unha importancia
cada vez maior. Chegados ao ecuador do cuarto, un cada vez máis solvente e
eficaz Tomás asumiu o mando para anotar cinco puntos consecutivos e poñer de
novo terra polo medio. Un canastón de Hugo remontando a liña de fondo tras
extraordinaria asistencia de Juan e unha boa actitude defensiva apuntalaban a
nosa iniciativa nun partido no que todo estaba por decidir (39 a 42).
Nervios e ansiedade. Ambos conxuntos, cada vez máis excitados, amosan de
saída as súas inseguridades e tardan case tres minutos en mover o taboleiro de
marcas. Os locais golpean primeiro, pero, deixándose levar claramente polas
súas baixas paixóns, comezan a perder os estribos e, estando xa avisados polos
colexiados minutos antes, o seu mellor home, Eloy Pazos, sofre un repentino
esvaecemento que é interpretado coma flopping e sancionado coa
correspondente técnica, a segunda no seu haber e, consecuentemente, a súa
expulsión. Camiño aparentemente expedito para os visitantes tras canastra de
mérito de Juan, pero nada máis lonxe da realidade.
Espoleados por unha bancada que, en ocasións, amosou unha actitude
excesivamente belixerante, o conxunto local conseguiu situarse por diante ante
unha nova seca ofensiva visitante. 48 a 44 a falta de tres minutos e partido
costa arriba. Tempo para machos e no C.B. Ames témolos e de todo tipo,
comezando por Alberto quen, con dous importantes tiros dende a liña de persoal,
amosaba de novo o camiño ao aro rival. E esta tempada parece que compramos
testiculina para parar un tren en forma dun rapaz que, respondendo ao nome de
Juan e con esa cariña de non ter roto un prato, e capaz tanto de amedrentar aos
rivais como contaxiar aos seus compañeiros do necesario espírito de combate que
hai que ter nesta clase de encontros. Minuto e medio para o final e chegamos ao
momento culminante. Jaime, ao que tamén lle van este tipo de festas, remonta
liña de fondo e serve un balón bombeado para que Sebas o intercepte e consiga
un 2+1 facendo calar (literalmente) aos afeccionados locais instalados no
insulto, carraxe e falta de respecto continuos e que, como soubemos
posteriormente, serían obxecto de sanción por parte do Comité de Competición.
Pero o venezolano tiña fame e cando isto acontece é absolutamente imparable.
Alimentado polos insultos da bancanda, no seguinte ataque levantouse desde máis
aló do 6,75 para enchufar unha tripla descomunal que conseguía enmudecer
definitivamente á bancada e terminar coa resistencia do bravo conxunto local.
Dous tiros libres postreros dun fisicamente mermado Jorge finiquitaban a
contenda co 51 a 56 final e a explosión de ledicia dos visitantes que tiveron
que suar sangue para conseguir a terceira vitoria na presente campaña. Agora si
que estamos no bo camiño.
Por parte do C.B. Ames interviñeron: Tomás (5, AA), Diego (9, AA), Jaime (7,
AA), Juan (4, AAA) e Sebas (13, AAA) – quinteto inicial – Rober (A), Rocha (A),
Hugo (8, AA), Jorge (8, A), Alberto (2, A), Eloy (A) e Nico (A).
O peor: non saber escaparse no electrónico cando tivemos
a oportunidade e permitir a resurrección do rival en varias ocasións. Temos que
aprender a matar os encontros porque, nunha competición tan igualada, saber
pechar os partidos poder supoñer unha diferenza cualitativa determinante en
relación co resto de competidores.
O mellor: sen dúbida, a actitude e a reacción final que parecen deixar moi lonxe actuacións como as do encontro contra La Salle. Así si. Coraxe.
Dura fin de semana por diante para o C.B. Ames con dous partidos con pouco máis de 24 horas de intervalo. No primeiro deles recibimos o pasado domingo a un C.B. Santa Baia de Boiro inmerso nunha clara dinámica negativa de resultados tras a vitoria inicial (e única ata o momento) na primeira xornada de competición. Partido de necesidades e poucas concesións para a galería.
Balón ao aire cunha consigna clara: prohibido baixar os brazos nos 40 minutos. Ao contrario que en xornadas anteriores, o C.B. saiu decidido a polo partido desterrando as tan acostumadas relaxacións que tanto dano fixeron en anteriores xornadas. Nove puntos consecutivos de saída poderían facer presaxiar unha cómoda vitoria fornte un equipo visitante que estivo seis minutos para conseguir a súa primeira canastra en xogo. Pero estamos nunha competición na que non hai un partido fácil. Liderados por Óscar Triñanes, líder anotaodor dos boirenses neste encontro, nos últimos catro minutos a ampla vantaxe esfumouse xusto antes do remate do primeiro parcial (13 a 13).
No segundo acto tivemos un pouco máis do mesmo. Ambas escuadras máis pendentes de non recibir canastra que de anotar, ritmo lento de xogo e moito, pero moito, desatino cara o aro rival. Só unha ondanada protagonizada por unha tripla dun Sebas menos acertado que de costume e unha canastra dun Tomás que, xornada tras xornada, vai adquirindo maiores responsabilidades a medida que vai coñecendo aos seus novos compañeiros. Confianza lle chaman, creo.
24 a 20 ao descanso e todo por decidir, aínda que xa se podía atisbar que a reanudación non sería, precisamente, unha oda ao baloncesto de ataque.
E equiliquá. O C.B. Ames atenazado e botando en falta a un doente Jorge que estaba a facer o seu magosto particular a base de castañas en forma de triplas e un C.B. Santa Baia que, sen facer nada doutro mundo non perdía o rebufo amiense. Só unha acción de mérito da case centenaria conexión galegolituana Rober-Linas permitía aos locais poñer terra de por medio xusto antes do toque de bucina que indicaba o remate do terceiro parcial (36 a 30).
Tempo para a recuperación co ollo posto no partido do día seguinte que nos enfrontaría ao EDM A Estrada. Pero ese é outro cantar...
![]() |
| Coa música a outra parte |
O peor: o pobre espectáculo para os xiareiros que se deron cita no coliseo amiense. Tocaba antepoñer eficacia a efectismo e abofé que se conseguiu.
O mellor: como diría o mítico adestrador arxentino César Luis Menotti, "o importante é a vitoria".
Terceira xornada de competición e segundo partido como local recibindo a un dos favoritos: o ADB Fontiñas, finalista na campaña pasada e unha das escuadras que, ano tras ano, ocupa unha das posicións de honra ao termo de cada tempada.
Non tería que pasar moito tempo para poder comprobar que o guion ía ter os mesmos tintes que os dous partidos anteriores. O C.B. Ames durmido e indolente en defensa permitía aos visitantes impoñer o seu ritmo de xogo e escaparse rapidamente no electrónico. A tripla de Blas situaba aos santiagueses cunha vantaxe inicial de 6 a 14 nos cinco primeiros minutos de xogo.
Retomamos un vello costume. Partido completo correspondente á 1ª xornada da tempada regular 2023/2024:
Lembrade que podedes disfrutar (ou padecer) este e outros encontros do voso club favorito na nosa canle de YouTube.
Moitas grazas polo voso apoio!
Primeira xornada de competición e, polo tanto, fin das probaturas e tempo para o fogo real. O pasado domingo 22 de outubro recibimos no municipal de Bertamiráns ao C.B. Ribeira Congalsa. Gran ambiente nas bancadas e apoio masivo de ambas afecións nun ambiente que facía presaxiar unha grande tarde de basket.
![]() |
| Jota e Linas saudando a cámara, ben acompañados polos nosos máis novos xiareiros (incluíndo a Víctor) |
![]() |
| Dani e Raúl buscando solucións |
In your marks, get set, ready and.... imos aló! Arrinca unha nova tempada chea de esperanzas para o C.B. Ames. Tras a irregular campaña anterior, na que fomos de menos a máis para rematar co sabor agridoce do que se sabe que pode facer as cousas mellor do que mostrou a clasificación final, mañá ás 17:00 comezamos a nosa xeira pola tempada 2023/2024 con novos aires pero co mesmo espírito competitivo que nos caracteríza.
Chegamos ata aquí despois de cinco semanas de adestramentos, algunha que outra baixa ilustre e novas incorproacións que, a bo seguro, ofrecerán o necesario pulo que este club precisa para tentar ocupar algunha das posicións de honra na clasifación ao final da campaña que está a piques de iniciarse.
![]() |
| Dani impartindo cátedra |